As varias Burgas de Ourense

(4)    PROCEDENCIA DESTAS AUGAS

(1)    A PALABRA BURGA

(2)    "A CIDADE DAS BURGAS"

(3)    OS MANANCIAIS


Burgas de Ourense-centro da cidade.- No conxunto urbano histórico existen os coñecidos mananciais descritos en tóda-las guias de turismo: Burga Vella ou de arriba, Burga de en medio, Burga de abaixo ou Nova, e surtidoiro (a veces chamado fervedoiro pola aparente fervura que nel se da), pero compre saber que, ademais, toda a zona é abundosa en xurdencias termais. Hainas en varias casas asi como nos dous balnearios e un lavadeiro existentes ata hai pouco.
Unha conducción desta auga quente surte a unha piscina que hai no Pavillón de Deportes dos Remedios, a pouco máis de 1 Km.
Do século XV sábese que había (outras) dúas Casas de Baños, controladas polo Concello, fóra dos lindes da cidade. Unha era para homes e a outra para mulleres. Recordo diso (ou quizais doutra instalación anterior) é o nome da rúa que levaba a algunha desas Casas, nome que aínda persiste, “Rúa do Baño”.
Nun documento de 1208 (citado por Anselmo López Carreira en "A cidade de Ourense no século XV") xa se falaba de certos baños pola parte do Posío.
Hai un par de anos acháronse restos arqueolóxicos dunha piscina romana do século I, cerca da burga vella.
Recentemente foi inaugurada, no medio do conxunto, xunto á Burga do medio, unha piscina pública ó aire libre. (Ver foto)

Vista a marañeira de brotes e caudales que inzan a zona, imaxine o lector a impresión que lles causaría ós romanos hai 2.100 anos, cando, estando todo o campo á vista (por non haber nada urbanizado, nen muros, nen propiedades privadas, nen fontes ocultas), descubrisen con pasmo que cada poucos pasos -tapados, como moito, polo mato- afloraban manadoiros de auga quente. Non ten nada de raro que decidiran, primeiro, acampar (xusto alí ó lado) e despois, quedarse.
E aparte dos romanos ¿que poderíamos dicir dos nativos? Porque tampouco non ten nada de particular que os habitantes dos 5 castros próximos chegasen a considerar este ermo augacento e quente coma un lugar máxico e sagrado.

[Para ver tipo de auga, temperatura e indicacións terapéuticas -tanto destes como dos demais nacentes- entrar en As máis sonadas augas minero-medicinais de Galicia .]

Á esquerda, "Casa de Baños" na "Baixada do Outeiro".
No centro, solar do que foi outra Casa de Baños no cal aínda se localiza o manancial pola fumeira que produce.

Burgas das Caldas.- (Parroquia de Santiago das Caldas.) Xa falamos delas no tema anterior. Foron coñecidas e usadas desde tempos antigos.
A finais do século XVIII-principios do XIX o bispo de Ourense Cardeal Quevedo manda construir un templete de pedra (que inda existe) e como consecuencia son tamén coñecidas popularmente como “Caldas do Bispo”.
(Ver foto) Úsanse as súas augas para tratamentos de reumatoloxía.
Tén unhas instalacións de pago e outras de balde, todas ó aire libre.
(Ver foto da charca exterior.)

Pozas.- En toda a zona das Caldas abundan as xurdencias, ás veces veces ocultas en eidos. Na beira do río, cando vai baixo, é facil retirar coios e facer unha especie de poza ou charca que asemade se vai enchendo de auga termal. Esta era -ata hai uns anos- a forma tradicional e "litúrxica" que executaban os "bañistas" para os seus tratamentos. Tamén se sabe que, igualmente, no fondo do río mana auga quente que de contado se mestura coa fría do Miño.

Fonte do Tinteiro.- (Parroquia de Santiago das Caldas.) A trescentos metros da Burga anterior, río abaixo. Con ela trátanse diversas dermopatías (Cicatrices, úlceras, dermatites, acnés, eccemas, etc.). Entre os veciños sempre tivo o prestixio dun remedio infalible. Hai anos, antes dos encoros, cando o río tiña un caudal moi variable, esta fonte -que está a unha cota moi baixa- moitas veces -no inverno- quedaba cuberta polas augas do río. Modernamente acolleu varias actuacións que consistiron, basicamente, en facilitar a elevación da auga por medio dunha bomba hidráulica manual. (Ver foto) -- (Vista desde Reza - ampliable)

Balneario das Caldas. (Parroquia actual de Santa Ana do Pino, xusto no linde coa parroquia matriz de Santiago das Caldas.) Na mesma zona da fonte anterior, pero máis lonxe do río. Hoxe está totalmente derrubado pero, inda así, sempre hai alí alguén mollando os pés nas augas que corren de seguido. Dermopatías e reumatoloxías. (Ver 2 fotos)

Burgas de Canedo.- (Parroquia de San Miguel de Canedo.) Este é o nome xenérico polo que se coñece un área de ribeira de case un kilómetro de lonxitude na que, igual que nas Caldas, as xurdencias afloran de seguido. Nesta zona das Burgas de Canedo (antano máis homoxénea) hoxe pódense distinguir distintas "instalacións":
- Pozas ou burgas do Muiño da Veiga. Constan dun vello muiño restaurado e diversos muros que protexen os surtidoiros que manan xusto na beira do rio. (Ver foto)
- Termas de Outariz. A metade de camiño entre o muiño e as últimas pozas. Tras este nome comercial hai unhas instalacións balnearias de nova construcción, aproveitando algúns dos múltiples manadoiros, nas que se prestan diversos servizos de terapia e relax. (Ver foto)
- Pozas de Outariz e Burgas de Canedo. Son dous grupos, próximos entre si, de burgas gratuítas de diversas temperaturas ó aire libre ás que modernamente se lle asignaron estes dous nomes para distinguilas. (Ver foto Pozas) - (Ver foto Burgas)
Toda-las Burgas destas zonas son boas para tratamentos reumatolóxicos.

Fonte de Reza.- (Parroquia de Santa María de Reza, ribeira esquerda do Miño.) Á beira do río, pero do outro lado. Vén estando fronte ó Tinteiro. Supónse que é a mesma veta, que cruza por debaixo do río. É auga sulfurada que mana a 31,5º e que resulta boa para tratar catarros e afeccións da pel. A estructura exterior da fonte foi totalmente modificada e adaptada no ano 2007. Antes era simplemente unha nacencia que manaba polo medio dunhas rocas, moi cerca do río. (Ver foto)

Augas de Mende.- (Parroquia de Tras do Hospital, antes Sta. Eufemia.) No lugar de Mende, próximo á Lonea, na beira esquerda do río Loña, nunha finca particular, hai 7 ou 8 mananciais distintos. Son augas meso-termais co típico cheiro a xofre (S). Nun libro de 1866 ("Análisis Química de las aguas Minerales y Potables" do catedrático Antonio Casares Rodrigo) están reseñadas destacando na analise dos seus compoñentes o bicarbonato sódico e o silicato sódico. Tamén do mesmo autor hai un traballo titulado "Analisis químico de las nuevas aguas de Mende (Orense)" no Boletín Oficial da Provincia, Nº 68, do ano 1862. Estas augas foron explotadas (se ben de xeito moi rudimentario) ata case a metade do século pasado.

Outro: No campo dos Remedios, fronte á Capela pero cerca do río, hai uns anos e con motivo dunas perforacións a causa dunas obras apareceu un caudal abundante de auga quente. Non lle deron publicidade nin se soupo se aproveitaron tal manancial para algún uso. O caso é que o taparon e non se soupo máis.

subir avanzar      

Ver tamén nesta web:
            O epígrafe As orixes. As Burgas, en Estampas Urbanas, (MEMORIA DE OURENSE) e
            o cadro de Instalacións de augas minero-medicinais de Galicia.

SAIR