As varias Burgas de Ourense

(1)    A PALABRA BURGA

(2)    "A CIDADE DAS BURGAS"

(3)    OS MANANCIAIS

(4)    PROCEDENCIA DESTAS AUGAS


Desde os tempos máis remotos da humanidade as fontes de auga quente foron consideradas como algo misterioso e transcendente. Nas Burgas de Ourense, a crenza popular explica que esas augas proceden dun volcán –ás veces situado no interior de Monte Alegre, ás veces ós pés do Santo Cristo da Catedral- e que algún día estoupará. Naturalmente esta é unha interpretación lendaria, sen base nin motivo ningún aparte da pura fantasía. En Galicia non existe ningunha presenza volcánica, que se saiba. (En outras partes do planeta efectivamente hay termas de orixe volcánica, pero este non é o caso de Galicia.) O que ocorre coas nosas augas termais, en realidade, é unha afortunada conxunción de factores naturais. Por unha banda, a realidade xeolóxica do lugar, que permite que a auga baixe ata grandes profundidades, e por outra, o fenómeno natural do quecemento da auga nesas profundidades e a súa posterior subida e afloramento

Para explicar o primeiro factor cómpre fixarse, aínda que só sexa en termos elementais, na xeoloxía do subsolo de Galicia. Grosso modo está formado por distintos tipos de roca compacta -con predominio das graníticas- que forman un conxunto impermeable. (Que limita a aparición de auga subterránea e a formación de acuíferos.) Pero é o caso que os distintos movementos oroxénicos ó longo de millóns de anos foron quen de producir fracturas, fallas ou fendas da rocha, hasta grandes profundidades (varios quilómetros) que permiten a circulación de auga, uns en sentido de baixada e outros, de subida.

Vexamos agora a cuestión do quecemento da auga. A expresión “enerxía xeotérmica” soe usarse para definir aquela enerxía obtida polo aproveitamento da calor do interior da terra. É unha das enerxías chamadas renovables e vénse aplicando industrialmente dende hai uns 40 anos, tanto para calefaccións coma para producción de electricidade. Consiste en insuflar auga por un tubo ata certas profundidades e recibila de novo, quente, por outra condución. Pois ben, este mesmo traballo é o que realiza a Natureza coas fontes termais desde hai algún millón de anos.

É sabido que a temperatura da Terra vai aumentando segundo se profunda nela. (Ata chegar ó núcleo no que pode superar os 6.700 ºC.) Esa relación de temperatura/ profundidade é o que se coñece como Gradiente Xeotérmico. Esta medida non é un valor uniforme e varía moito dunas rexións a outras do planeta. En Galicia, partindo de 14º a uns 15 metros de profundidade, o Gradiente Xeotérmico sitúase, aproximadamente, nos 30 ou 33ºC por Km., o que supón un incremento de 1ºC cada 33 metros de descenso. É dicir que a temperatura dos 100 graos acadaríase ó chegar ós 3 Km. Ou sexa, que a 3.000 m. de profundidade a auga que alí chega, ferve. (Poden intervir outros mecanismos fisico-químicos favorecendo o quentamento como, por exemplo, a desintegración de isótopos radioactivos presentes nas masas graníticas ou as friccións propias de movementos sísmicos.)


Exemplo dunha falla. Pola minúscula greta poderían baixar ou subir augas.
Que haxa circuitos completos de baixada, quecemento e subida non deixa de ser algo accidental, complexo e sorprendente.

Dito isto é doado comprender o que ocorre:
Primeiro hai unhas augas “meteóricas”: Chuvia, neve, pedrizo...
Logo, unha parte destas vai os arroios, ós ríos e ó mar. Outra infíltrase na terra e corre por vetas subterráneas aflorando en pozos e mananciais. E unha terceira parte, quizais a máis pequena, cóase, infíltrase por entre as fendas da litosfera desembocando en fonduras de varios centos (ou quizais miles) de metros onde quece a grandes temperaturas chegando, incluso, a ferver e mais evaporarse. Ese vapor, ou esa auga requecida, buscará unha saída. Non pode saír pola mesma fenda porque a presión que exerce a entrante é moi forte. Esa mesma presión empuxa á auga quente, a través doutra greta ata a superficie. Tamén pode ocorrer que, se a auga chega a ferver, a presión do vapor axude á saída. No recorrido de cara á saída, pero tamén na baixada, a auga vai mollando e disolvendo parte dos minerais que encontra. Segundo sexan os minerais desas vetas percorridas tal serán os compoñentes de cada unha das diversas augas. Por iso resulta que de todas as que hai en Ourense, aínda sendo parecidas, non hai dúas exactamente iguais na súa composición. En canto á temperatura de saída, tampouco hai dúas augas coa mesma, ben porque saen de profundidades diferentes ou ben porque se mesturan con auga fría que encontran polo camiño de volta.

O proceso que se describe máis arriba non ocorre en horas ou en días como no caso das fontes de superficie. É un proceso moi longo que pode durar moitos miles de anos, de tal xeito que as augas que están saíndo hoxe nas Burgas ourensás ben puideron ser as das chuvias que mollaron ós construtores das antas ou dolmens hai 6000 anos, ¡que xa choveu!

X.B.G. e M.D.Q.



Fai click


subir avanzar      

Ver tamén nesta web:
            O epígrafe As orixes. As Burgas, en Estampas Urbanas, (MEMORIA DE OURENSE) e
            o cadro de Instalacións de augas minero-medicinais de Galicia.

SAIR