ARQUIVADOR    

www.canedo.eu
"A MELODÍA DO PAN"
    

Estes días tiven a oportunidade de visionar un documental titulado “A melodía do pan” realizado por un mozo ourensán, César González, da productora Contact Comunicación. O tema é o proceso tradicional da fabricación do pan tal como se facía en Galicia non hai moito tempo. Durante case media hora, polos ollos do espectador van pasando os diversos labores (a seitura, a malla, a moenda e a fornada) coma un desafío ó tempo ido e como testemuño dun pasado social propio e cercano.

Pan1.jpg Pan2.jpg  pan3.jpg
    

Agora que tanto se fala da “memoria histórica” (expresión que –dito sexa de paso- é unha tautoloxía) agradécese un documento deste tipo que tamén é auténtica “memoria histórica”. Do mesmo xeito que hai dúas Historias, a Historia dos acontecementos, dos persoeiros e das datas trascendentes, por unha banda, e a Historia da xente normal, dos homes e mulleres de carne e oso e do vivir cotián, por outra, tamén hai dúas “memorias”. Os historiadores tradicionais e os políticos gustarán de falar da primeira, pero os humanistas, os pensadores, os seres sensibles e as persoas do pobo, entenderán mellor a segunda. É certo que non se deben esquecer os acontecementos extraordinarios que teñan pasado nunha terra, a Historia con maiúscula, pero eso non quita que lembremos tamén esa outra historia, a dos “aconteceres” e rutinas de cada dia,  a que fala de quen somos e de onde vimos. Non o que somos individualmente, senon o que somos como integrantes dunha colectividade. Somos elos, aros, dunha cadea, a cadea da vida, e ignorar, esquecer ou rexeitar aos aros que nos precederon diría moi pouco de nós.

Hoxe sabemos moito de coches, conectamos por internet con calquera curruncho do mundo, podemos chegar a ese curruncho polo aire no máximo dun dia, non sabemos vivir sen teléfono mobil e presumimos de pensar coma pos-modernos que están á volta de todo. Pero non hai tanto a vida non era así. Xa case non nos acordamos. Películas coma esta veñen a refrescarnos a memoria.

A moitos pareceralle mentira, pero os traballiños que aí vemos –como outros moitos- eran os habituais hai unha nada de tempo. Hoxe a maioría dos galegos vivimos en vilas e cidades, pero si fixéramos a estatística pertinente descubriríamos que unha gran porcentaxe (¿90, 95% ?) temos ou tivemos uns avós (cando non uns pais) que naceron e viviron no campo. Isto é algo facilmente perceptible: mirade ó voso derredor e preguntade ós vosos amigos “urbanitas” de onde eran os seus avós. Os máis diranvos: “De tal aldea”. Algúns deles serían médicos, mestres ou rentistas, pero tódolos demais, a inmensa maioría, eran xentes como as que vemos nesta filmación. A súa vida movíase nunha “economia de subsistencia” e autonomía (precaria e traballosa), tan distinta do consumismo actual que parece como se estivésemos a tratar de dous paises distintos.

Pan4.jpg Pan5.jpg pan6.jpg
    

En Galicia, hai 50 anos, os habitantes de vilas e cidades eran unha exígua minoría e a espectacular medra desas vilas e cidades foi debida ó trasego da xente do campo. E dicir, somos de orixe rural e o coñecemento desa orixe e das súas formas de vida non deberían ser olvidadas. (Case tódolos galegos temos aldea. Xente que xa naceu nas urbes fala con toda a naturalidade da súa aldea.) Documentais coma este son unha boa terapia para curar ese orgullo de modernos e adiantados, enfermidade moral chamada presunción, que temos ás veces. ¡Coma se fose mérito propio e persoal ter nacido precisamente na época actual!

O documental, no aspecto formal, combina oportunamente un valioso material de arquivo (fotogramas e fotos de Antonio Román, de Carlos Velo e de José Suárez) con tomas directas dunha recreación feita nunha aldea de Allariz por uns animosos veciños que, por uns dias, reviviron aqueles traballos. Traballos que, cando eran un pouco máis novos, facían periodicamente, con destreza e co saudable orgullo de todo aquel que sente e sabe que está a facer unha cousa ben feita. A banda sonora, sen caer no “folclorismo ”, rescata e recrea cancións tradicionais relacionadas co tema.

Ignoro cando se fará a distribución e emisión deste traballo, pero cando o vexamos programado nalgunha televisión  será unha boa ocasión para gravalo no vídeo caseiro e amosarllo á xente máis vella, que de seguro disfrutará cunhas lembranzas cheas de saudade, e asemade ós máis novos, para que valoren o que hoxe teñen e saiban identificarse con ese pasado, máis cercano do que eles pensan. Pasado que, queiramos ou non, forma parte, biolóxica e culturalmente, das raíces do presente da inmensa maioría dos galegos. Non o esquezamos no futuro.

pan7.jpg   Pan8.jpg

 


VOLVER A "ARQUIVADOR"