ARQUIVADOR    

www.canedo.eu
(ESCOLMA 3)
A PEGADA DO NEANDERTAL

(Unha factible “inspiración” nos descoñecidos neardentais no proceso de aparición dos primitivos deuses sumerios.)

Nada xurde da nada. Calquera mito, calquera lenda, aparece a partir dunha observación. Dun feito real. Que logo sufra tantas modificacións que resulte irrecoñecible tamén pode ser. Pero nun principio tivo que haber algo.

O europeo homo neandarthaliensis, especie humana intelixente, de liña de evolución distinta á nosa, viviu en Europa e S.O. de Asia miles de anos antes de que o africano homo sapiens se expandise polo mundo enteiro. Calcúlase que se extinguiu, por causas descoñecidas, hai uns corenta mil anos.

Por outro lado sabemos que ó homo sapiens cando ousa saír de África inda lle queda un longo período de formación que durante miles de anos completará precisamente nesta zona da que estamos a falar. Este homo –máis ben, homiño- inda tiña moito que evolucionar cando o outro xa estaba “feito e dereito”. As dúas especies puideron coincidir, no tempo, 8.000 ou 10.000 anos. Inda así non se sabe se concorreron nun mesmo espazo físico e se tiveron algún tipo de contacto. Nas vastas e incomunicadas extensións de Europa ou Asia ata é posible que uns nin chegasen a saber dos outros, pero en zonas próximas ás rutas africanas é case seguro que si. En Iraq e Palestina hai restos de ambas especies e das mesmas épocas. Se así fose, se ese encontro se dese, os sapiens inda estarían nas primeiras etapas da súa formación, serían medrosos e tímidos, mentres os neandertais (con miles de anos detrás) serían adultos (como especie) e arrogantes. Non ten nada de disparatada a idea de que estes amedrentasen, dominasen e asoballasen a aqueles.

Os neandertais eran robustos, altos, con osos moi grosos, moita masa muscular, extremidades curtas, cabeza alongada, cara arrepiante. Unha cara de contorno redondo -vista de fronte- con un gran nariz no centro que se prolongaba en planos inclinados todo ó derredor, de forma regular por non sobresaír os pómulos nin ter queixo. É dicir, en forma de cuña, ó non ter os saíntes da meixela nin da barbadela. E logo, por riba dos ollos, unhas prominencias óseas, o chamado arco supraorbital.

Cando visen por primeira vez ós sapiens tomarían a eses recén chegados por uns intrusos e por uns seres inferiores e débiles. Bos cazadores como eran, dubidarían se cazalos para comer ou se "domesticalos". Ó final tratarían de sometelos, collelos como escravos, mandar neles, en suma. Gustaríanlles as femias e tomaríanas para si. Terían fillos, que serían híbridos, e dicir, con unha aparencia normal (ou mestiza) pero non fértiles. (Situación que, de persistir e extenderse, podería levalos á súa desaparición.) ¿Terá algo que ver con isto a secuencia (escura e difícil) da Xénese, capítulo 6, versículos 1 e 2? Estes versículos din así: "Cando a humanidade comezou a se multiplicar sobre a face da terra e lles naceron fillas, os fillos de Deus viron que as fillas dos homes eran fermosas, e colleron para si coma mulleres ás que máis lles gustaron de entre todas elas." Hai que citar tamén outra pasaxe do mesmo Xénese, versículo 4 do mesmo capítulo. "Os nefilim (xigantes) existían daquela (e tamén despois) na terra cando os fillos de Deus se unían ás fillas dos homes e elas lles daban fillos: estes foron os heroes da antigüidade, homes sonados."

Estes textos (incluídos no primeiro capítulo da Xénese) foron postos por escrito probablemente a finais do século VI a.C., adaptándoos as crenzas propias do momento. Posiblemente a adaptación principal consistiu en darlle un carácter monoteísta. Polo tanto, onde di de Deus a indiscutible tradición oral anterior ben podería dicir "dos deuses". (Reléanse eses textos facendo a substitución mentalmente. Proba. Onde di “de Deus”, ti le “dos deuses”. A ver como che sona. A min sónanme como parágrafos con moito máis sentido, sobre todo se pensamos que eses "deuses" non son deuses senón outra cousa.)

Recordemos a proliferación de deuses humanizados da que falabamos a propósito dos sumerios. Eu pregúntome se esa situación non tería algo que ver ca existencia previa dos neandertais. Dado que o homo sapiens saíu de África hai uns 40.000 anos e que este é o tempo que se calcula da extinción do homo neandarthaliensis, e ademais que Palestina foi hábitat destes e, o mesmo tempo, un dos primeiros sitios onde os outros chegaron é máis que probable que coincidisen é tiveran algún tipo de relación. Pero esta relación non puido ser de igual a igual. Se non de pasmo, submisión e acatamento por parte dos máis débiles.

¿Por qué os Mitos sumerios falan dos deuses e non din nada de “outros homes”? ¿Será porque eran a mesma cousa? Pouco sabemos deses homes, pero ese pouco admite a posibilidade de que, cando falasen dos “deuses” estivesen a falar deles. Polo que se deduce das tradicións conservadas sobre os deuses mesopotámicos, estes,
• tiñan aparencia humana pero en grao impoñente (como impoñente era o neandertal),
• eran poderosos, feroces e temibles, con aspecto ameazador, impresionante (como feroz, ameazador e impresionante fora o neandertal),
• estaban na terra moito antes ca o “home” (o neandertal estaba antes aí),
• ás veces non se levaban ben entre eles (os neandertais pode que tampouco pois era uns seres menos sociais ca nós),
• a maioría traballaban (como o neandertal),
• había xerarquía entre eles (entre os neandertais tiña que haber uns dominadores, máis fortes ca outros),
• ten cada un seu nome propio. (Se os neandertais non o tiveran xa se encargarían os sapiens de pórlle un alcume cando quixesen falar deles).
Son coincidencias que non proban nada, pero que permiten a conxectura.

En principio poderíase rexeitar ese "endeusamento" duns elementos alleos por parte dos sapiens en base a que os homes (primitivos) sempre consideraron que o seu grupo, o propio de cada un, era o mellor, o "auténtico". Pero, iso só é aplicable ó homo sapiens “rematado” que é o que coñecemos. Non sabemos do seu comportamento nin da súa “autoestima” nas fases anteriores. Posiblemente fosen as dun bichiño coitado e asustadizo. E ese bichiño, ante as características, aparencia, comportamento e cultura dos outros, facilmente se achantase, atemorizase, deixase dominar e, incluso, estivese disposto a renderlle algo parecido ó que hoxe chamamos “culto”.

Isto mesmo podese aplicar a outras zonas onde os deuses primitivos son tamén "á imaxe e semellanza" ... do home, é dicir, son seres antropomórfos. Son lugares onde tamén estiveron os neandertais. Por exemplo, a Grecia antiga, a da mitoloxía, onde, incluso, lle asignaban ós deuses un lugar de residencia (o Olimpo).

En Exipto, que está alí ó lado, pero onde -que se saiba- non chegaron os neandertais, xa non é así. Os seus deuses ou “poderes sobrenaturais” (sen necesidade nin présa por aporlles forma humana), son o sol , o trono, o vento, as augas do río, etc. Cousa máis normal, entendendo por normal tanto as "conclusións lóxicas" para a mente primitiva como a realidade estatística da maioría dos pobos.

Os neandertais tiñan unha cultura lítica (a musteriense ) que era similar á dos sapiens, pero con case seguridade foron estes ós que a aprenderon daqueles, plaxiándolla. Non sabemos por qué se extinguiron, pero se levaban miles de anos aguantando é que tampouco eran tan inútiles. Algo debían de ter. E a primeira vez que os antepasados dos nosos antepasados os viron quedarían impresionados por algunha cousa que descoñecemos. Logo, co paso dalgunha xeración, xa máis evolucionados, ó ir mellorando a súa condición humana, iríanlles perdendo o medo e o respecto, pero a primeira e primitiva impresión (aquela ignota e tremenda experiencia que nunca antes tiveran) podía estar xa cristalizada nalgunha lenda primixenia. E as historias que se virían contando daqueles seres (alleos e distintos, pero –eso si- anteriores e superiores) poideron ser os gromos do que hoxe coñecemos como Mitoloxía.

Logo hai unha cuestión lingüística. Que ós deuses lles chamasen "deuses" (quero dicir, a palabra precedente desta no seu idioma) non significa que a palabra tivese daquela o valor de agora. As palabras evolucionan, non só na forma (foneticamente) senón tamén no significado. Sería ridículo pensar que ós neandertais lles chamaban ‘neandertais’. Pero algo lles tiñan que chamar. Podería ser ‘deuses’. Non obstante, ese nome non tiña por qué responder, en principio, o concepto actual de “deus”. Sería máis tarde, ó ir tendo un concepto de deus, cando a este concepto novo se lle aplicaría aquela palabra vella, a palabra que designaba a aqueles seres.

 


VOLVER A "ARQUIVADOR"