ARQUIVADOR    

www.canedo.eu
(ESCOLMA 4)

"Epopeia de Gilgamesh ".-

Esta epopeia é de orixe sumeria, pero foi completada polos acadios. Nela está presente a ansia de inmortalidade e as angurias existenciais do home. Gilgamesh, un mítico rei de Uruk, ten que loitar con Enkidu (un tipo medio salvaxe). Vénceo e despois, de seguido, fanse amigos. Xuntos os dous emprenden varias aventuras. Cando nunha delas o amigo morre, Gilgamesh cántalle unha elexía e pregúntase pola morte. Sae en busca de Utanapistim, o home que sobrevivira ó dioivo. Este, despois de moita insistencia, revélalle o secreto da inmortalidade: a "planta da vida", que está no fondo do abismo. Gilgamesh consegue chegar ata alá e, incluso, colle-la planta, pero, cando xa a ten na man, arrebátalla unha astuta serpe. (A serpe está moi presente na mitoloxía antiga onde se ve nela un ser que morre e volve á vida.) Gilgamesh terá que conformarse ca súa condición de mortal.

Incluído neste poema figura un relato que Utanapistim fai do Dioivo, mito estendido en Mesopotamia e en moitas outras partes. É froito, como xa mencionamos, dunha tradición, moi asentada, sobre algunha chea devastadora que deixara grande impresión na xente. Este relato que amentamos, o de Utanapistim, está tomado de outro poema anterior ("O Moi Sabio") no que o protagonista non se chama así se non Atrahasis. Hai outro poema, tamén sumerio, que trata do mesmo tema, no que o protagonista se chama Ziusudra.

"Poema do Moi Sabio".-
Poema acadio de algo despois do ano 2.000 a.C. É o manuscrito máis antigo de tódo-los deste tipo.

Empeza o relato nun tempo no que o home aínda non existía. Só había deuses, en dúas categorías: os anunnaki e os agigi. Os primeiros eran os principais, a aristocracia, e os segundos, uns deuses menores, eran os que tiñan que escavar os canles, ergue-los diques e labra-la terra. Baixo a dirección do importante e violento anunnak Enlil.

"A súa tarefa é cuantiosa,
pesada a súa pena
e sen fin o tormento"

Cansos de traballar e aturar a Enlil, os deuses agigi rebélanse...

"Arroxando ó lume os apeiros,
queimando as eixadas,
facendo arder os culeiros."

Incluso cercan o pazo de Enlil. Os anunnnaki alármanse e reunidos os principais, Anu, Enlil e Ea, debaten cómo facer para arranxa-lo conflicto e prever que non volva ocorrer. Enlil xa pensa en abdicar cando Ea (o deus intelixente, imaxinativo e astuto) propón unha idea: crear uns seres, substitutos dos deuses menores, que asuman a súa carga. Serán os homes.
A proposta é aceptada e fan 7 homes e 7 mulleres, modelados en arxila amasada co sangue dun deus menor, aquel que encabezara a rebelión. Deste xeito aqueles deuses xa non terían que traballar máis e, por riba, recibirían as ofrendas dos humanos.

Pero estes inzan dabondo e doce séculos despois eran tantos que o seu ruído amolaba ós deuses e non os deixaban durmir.

"O seu rumor tórnase parecido ó bruído dos bois"

Entón Enlil quere decimalos e para elo envíalles a ‘Epidemia’. Ea, preocupado polas súas criaturas, aconséllalles que preguen ó deus da morte, o cal, apiadado, para a praga. Outros 12 séculos despois repítese a historia co envío, esta vez, da ‘Seca’ e a intersección do deus da chuvia. Ó chegar a terceira vez, Enlil, tallante, decide desfacerse definitivamente dos homes enviando unha gran inundación que acabe con todos.
Ea avisa a Atrahasis (O Moi Sabio), home importante, respectado polos outros homes e que a Ea lle cae ben. Mándalle construír un gran barco, debidamente calafateado e ben rexo. Ata lle debuxa un plano no chan. Terá todo preparado e cando el lle diga embarcará ...

"reservas, mobles, riquezas,
muller, parentes, mestres de obras,
animais domésticos e salvaxes."

Atrahasis fixo todo tal como o deus lle dixera, embarcou e, logo,

"O tempo mudou de cara
e a treboada estoupou
no medio do nuboeiro."

As choivas torrenciais provocaron unha enorme inundación, o Dioivo.

"Por seis días e sete noites,
o temporal estragaba todo.
Anzu laceiraba o ceo cas súas poutas.
Era, madía leva, o Dioivo.
A súa brutalidade
Abatíase sobre as poboacións,
Igual que na guerra."

Pero ó séptimo día ...

"o furacán do dioivo acougou,
despois de bracexar golpes
para un lado e para ó outro,
como unha muller cas dores;
A morea de auga acougou,
a borrasca parou,
¡o dioivo rematara!

Atrahasis agardou no barco, aínda, outra semana. Logo, facendo coma os primeiros mariñeiros de altura, ceibou unha pomba. Pero esta voltou por non ter onde pousar. Despois soltou unha andoriña e pasou outro tanto. Ó final lanzou un corvo e este ...

"peteirou, grallou e non volveu."

Entón Atrahasis sae do barco cos demais ocupantes e ...

"espalla a estes ós catro ventos."

Con isto acaba o episodio, pero non o poema. Enlil está indignado por terse salvado alguén, pero Ea, de novo, ten que facerlle ver os prexuízos que terían se se quedaren sen homes. Chegan a un entendemento polo cal Enlil non atacará máis a esas creaturas, pero a súa propagación quedará restrinxida. Por eso, dende aquela, hai mulleres estériles, hai abortos e hai mulleres que renuncian á maternidade.

 


VOLVER A "ARQUIVADOR"