ARQUIVADOR    

www.canedo.eu
¿POR QUÉ ARDEN OS MONTES?
Por Rosendo Pardo Castro
   
    Esta pregunta pode entenderse de varias maneiras.
    No aspecto da física habería que decir, como resposta, que o que pasa é que se produce a combustión dunha enorme masa de materiais inflamables provocada por calquera pequena  ignición. Esa masa é a formada por leña, paus, garabullos, pitelos, pinocha, ramallada, piñas, polas e follas secas, así coma especies arbóreas doadamente inflamables (piñeiro e eucalipto) e bouzas de  matogueiras (toxo, xesta, piorno, silveira, etc.)
    Se nos atemos á economía un experto nela respondería que os montes arden porque non teñen unha función definida na economía actual, en contra da experiencia de tempos pasados nos que o monte, aparte de madeira, proporcionaba leña para as casas e mato para estra-las cortes (o estrume) e facer esterco. O que traía coma consecuencia que o monte estivese sempre rozado e limpo.
    Se preguntamos pola causalidade do inicio do lume a resposta é que pode ser moi variada. Dende eventos naturais como a caída da chispa dun lóstrego ou o efecto do sol nun vidro ata accidentes (caída dun fío de alta tensión, choque dun coche, etc.) ou causas máis directamente relacionadas coa actividade humana.
    Neste último caso tocaríamos a socioloxía e habería que distinguir actuacións por descoido, neglixencia ou mala fe. Entre as primeiras podemos recordar os feitos de botar ó chan un pito mal apagado, facer unha fogueira para queimar broza ou a pretensión (con longa tradición) de aforrarse o traballo  de rozar un eido queimando o seu mato (con toda a boa intención de controlalo). As causas intencionadas tamén poden ser variadas: enfados entre veciños, toliños que padecen piromanía ou “efecto contaxio”, e non se sabe, aínda, que outros posibles motivos máis. (O das tramas organizadas, especulacións inmobiliarias ou intereses madereiros non se acaban de explicar e non resultan convincentes.)
    Cada un destes aspectos considerados require unha actuación. Para atallar o choio da física comprirá limpeza; para o económico, procurar que o monte sexa rendible;  a causalidade non se pode evitar, pero si paliar cunha boa vixilancia (para poder acudirlle tan pronto como unha fumeira avise). E no caso de intencionalidade humana non compre facer máis leis senón aplicar as que hai.
    Todo isto require un plan complexo e completo que deberían confeccionar os distintos técnicos e expertos no tema e non os políticos.
    Unha cousa a ter en conta sería a de pensarse moi ben aquelas accións que poideran ser contraproducentes. Poño por caso dous exemplos.
1º.-  As subvencións.  Non digo que estimulen nin que non se deban dar. Se eu fose un propietario de monte afectado diría que é unha cousa lóxica e xusta. Con isto non quero dicir nada. Simplemente que se debe ter presente que hai propietarios ós que ese sería o único rendemento que lle poden sacar ó seu monte.
2º.- Os medios de extinción teñen que ser todos de propiedade de algunha das Administracións públicas. Non por nada, pero  eso de alquilar,  a empresas particulares, camións, tractores, motobombas, cisternas, traxes, mangueiras, etc. non me parecería o máis atinado. Como dirían nunha película do oeste “Eu de ti non o faría, forasteiro.”

    Isto son dous supostos, pero hai outros dous casos, dúas situacións reais, que, dalgún xeito, poden supoñer un incentivo para poñer lume. Si, liches ben, dixen incentivo; pero se o termo che parece esaxerado podémolo deixar en tentación. Son os dous seguintes:
    1.- (Unha situación legal) Hai unha lei estatal que prohibe recalificar en 30 anos os terreos queimados. Paréceme unha norma absurda e –sobre todo- contraproducente. Absurda porque ninguén vai queimar o seu monte para edificar cando talar as árbores lle vai ser máis limpo e rendible. E contraproducente porque eso préstase a moito xogo sucio por parte dos inimigos dos propietarios. ¿Que Fulano, enemistado con Zutano, quere facerse un chalé na súa tenza de monte? Pois Zutano, se é envexoso e, ademáis, mala persoa, prenderalle lume e o inocente do dono pagará as consecuencias e xa non poderá edificar. ¿Que queren facer unha urbanización nun monte? Sempre pode haber un pseudo-ecoloxista que para evitar que se derrame unha paisaxe, prenderalle lume ó monte, inda que así arda tamén a paisaxe. E quen di un pseudo-ecoloxista pode decir un competidor profesional ou calquera toliño que lle queira mal ó promotor da obra.
    2.- (Unha situación político-administrativa) En Galicia hai 4.000 persoas que, durante o ano, están no paro (uns cobrando, outros, non), que figuran nunhas listas e que cando aparecen os primeiros lumes son chamados pola Administración para facérenlles un contrato temporal co obxectivo de apagar eses lumes. Dou por seguro que todos son honestos e honrados; pero imaxinemos que poida haber un 0,5 % deles que estean “pirados”. Un 0,5 % non é moito. Ven sendo 1 cada 200 persoas. É factible ¿non? Pois eso quere decir que do total dos 4.000 individuos hai 3.980 que estarán pacientemente ó carón do teléfono agardando a que os chamen para face-lo contrato, pero quedan outros 20 (o 0.5 %) que non queren esperar e, sen encomendarse nin a Deus nin ó Diaño, encárganse eles mesmos de que haxa “traballo”. E  vinte “expertos” no lume, en toda Galicia, abofé que poden facer moito dano.
    As brigadas de “apagalumes” (bombeiros forestais) tiñan que ser fixas todo o ano. Máis aínda: Tiña que ser un corpo profesional, ben adestrado e ben equipado, permanente e alleo as variables políticas. Estando ben organizado, dirixido e controlado non lle había de faltar traballo ó longo de todo o ano. E que non se diga que eso ía ser moi caro. Máis caros, moito máis, son os resultados dos incendios. Polo menos se se mira con espírito aberto. Se se contempla con visión mesquiña ou cicateira é certo que este coste (o dos incendios) non figura nos orzamentos e o das brigadas, si. Pero non nos podemos cinguir a un Presuposto anual de Ingresos e Gastos. O que se perde nun incendio non é só unha riqueza forestal, cuantificable, que é o primeiro que se ve. O que se perde
En definitiva, son unha chea de partidas que non teñen expresión contable, pero que superan, con moito, o gasto presupostario dun corpo profesional adicado todo o ano a combater esta lacra.



VOLVER A "ARQUIVADOR"