Bispos
Os bispos de Ourense e a súa repercusión na cidade



A Historia de Ourense, dende o século V ata o XVII, está fusionada ca Historia da súa Igrexa, ou máis precisa e concretamente, ca Historia da súa Sé episcopal.

1.- Historicamente, na cidade de Ourense a figura do Bispo transcende a súa condición eclesiástica ou relixiosa por canto durante varios séculos foi (aparte de pastor espiritual) o señor feudal do territorio.
O comezo desta circunstancia dátase no ano 1122 (cando Dona Tareixa de Portugal concede a xurisdicción da cidade ó bispo Diego Velasco para el e mais os seus sucesores) e perdura, teoricamente, ata o 1628 no que o bispo rexente nese momento renuncia ó privilexio. Na práctica, durou algo menos, pois xa a partir do tempo dos Reis Católicos ese poderío fórase mermando en beneficio dos representantes da coroa.

2.- Antes desta fase, inda que oficialmente non tivesen recoñecido ningún privilexio ou potestade política, non deixa de ser certo que o bispo era o personaxe local de máis grande categoría social da cidade, nomeado directamente polo rei (1) e sendo o seu status o dunha autoridade, cando menos, moral.
Así coma o Ourense romano tivo a súa motivación nun acuartelamento e o suevo na temporal estancia da Corte na cidade, o Ourense medieval (despois da invasión musulmán) tivo a razón de ser da súa existencia no feito de ser sé episcopal, tanto antes coma despois do Privilexio da xurisdicción.

3.- A sede Auriensis está considerada como unha das máis antigas do noroeste peninsular. Fr. Henrique Florez, autor da monumental obra "España Sagrada" (Madrid, 1763) deduce que antes dos suevos, concretamente no ano 433, xa existía un bispo nesta sé. Baséase no Chronicon de Idacio que relata que nese ano foron consagrados en Lugo dous bispos, Pastor e Siagrio, sendo un deles para Celenes (logo Iria) e o outro para Ourense.
Segundo un relato de san Gregorio de Tours a conversión dos suevos tivo lugar nesta cidade, dando paso á construción dunha catedral adicada a San Martiño de Tours e a o nomeamento dun novo bispo. (Ou a conversión do arriano existente.) Todo isto situado ó redor do ano 550. Hai quen defende que nesta data xa existía unha catedral máis pequena que tiña por titular a Santa María Nai de Deus. De ser así estaría claro que a sé episcopal era moi anterior.
Nas actas do I Concilio de Braga, ano 561, non figura expresamente ningún titular da sé ourensá, pero eso non quere decir que dita sé non existise. Podería ser o seu titular un dos das catro sés non identificadas (Ver recadro a dereita) ou non estar entre os asistentes por multitude de causas posibles (enfermidade, indisciplina, priscilianismo, sé vacante, etc.)

4.-Nas actas do segundo Concilio de Braga, ano 572, figuran os titulares de 13 bispados, 5 máis ca no anteiror Concilio, entre eles o auriense Witimiro. A partir de aí pódese establecer un presunto catálogo de bispos, non pola existencia dunha documentación completa ó respecto senón pola conxunción de diversas testemuñas independentes. Este catálogo comezaría así:
- Witimiro, suevo, citado en 571 e 572.
- Lupato, posiblemente godo, citado no 589.
- Theodoro, con noticias súas no 610.
- David, documentado en 633 e 638.
- Gaudesteo, id. 646 e 650.
- Sonna, id. 653 e 656.
- Alario ou Hilario, id. 675 e 683.
- Estephano (?),
- Fructuoso, documentado en 688 e 693.

5.- Despois da invasión musulmán entramos na era escura na que a pouca documentación existente induce a pensar que esta diócese quedou supeditada á de Lugo, igual que a de Braga. (Hai algún autor que nega isto.) E así, inda que nalgúns lugares se cite, por exemplo, a Maydo e a Adulfo como bispos de Ourense, certas contradicións fan pensar que, en realidade, eran bispos de Lugo que, quizais, levaban anexo o control de Ourense, pero sen residencia nesta cidade.

6.- Alfonso III de Asturias (848-910), quen antes de suceder no trono ó seu pai Ordoño I (ano 866) , xa se ocupaba do goberno de Galicia, restableceu a sede Auriense e nomeou como titular a
- Sebastián, con citas de 877 e 881. Esta sería a primeira restauración. A este seguíronlle
- Censerico, con noticias súas do 884,
- Sumna, id. 886,
- Egila, id. 900,
- Esteban, id. 905,
- Martín,
- San Ansurio, documentado entre 915 e 922,
- San Bimasario,
- Diego I, citado no 942,
- Fredulfo, id. no 962,
- Gonzalo, id. no 964,
- Diego II, id. 974 e 977,
- ¿Viliulfo, 986?

7.- Coas invasións dos normandos, que desta feita asolaron Tui e Ourense, volveu de novo a sé, dende o 985, a estar subordinada a Lugo ou, quizais, a Mondoñedo. E así puido estar moitos anos ata o 1071 en que o rei D. Sancho II a reinstaurou pondo como novo bispo de Ourense a Ederonio que o foi ata 1088.
Ederonio edificou ou reedificou a Basílica de Sta. María Nai e con el parece que se consumou a definitiva restauración non só da sé episcopal senón tamén da cidade. Entramos así nunha fase de crecente prosperidade e, á vez, dun episcopoloxio máis definido. Este, a partir de tal momento, sería o seguinte:

- 1071-1088 ... Ederonio.
- 1088-1097 ... Pedro.
- 1099-1132 ... Diego Velasco(2) (Diego III).

Este foi o bispo que en 1122 obtivo da Condesa de Portugal Dona Teresa un Privilexio concedéndolle á Mitra a xurisdicción da cidade. El, á súa vez, outorgou ós cidadáns foros e privilexios ca aprobación da antedita Condesa, da Raíña Dona Urraca e do seu fillo Alfonso proclamado rei de Galicia. Este, ademais, en 1131 sendo xa coñecido coma o Emperador (Alfonso VII) confirmaría todos os mencionados protocolos dándolle a Cidade de Ourense e o seu goberno á xerarquía episcopal.
- 1132-1156 ... Martín.
En 1144 dalle ó Emperador as Vilas de Guizamonde, Quintián e Ardena, a cambio da Vila de S. Martín de Cornoces. O mesmo rei Alfonso VII concede noutros momentos ampliacións das terras da Catedral.
- 1157-1169 ... Pedro Seguín, seguramente francés.
É probable que fose o iniciador da obra da actual Catedral. Ante certas reticencias dos veciños o rei Fernando II confirma o pleno dominio da cidade pola Mitra.
- 1169-1173 ... Adán.
Fernando II fai doación ó bispado do realengo de Canedo e outros.
- 1174-1213 ... Alfonso I.
En 1188 consagra o altar maior da Catedral e
Alfonso IX (fillo de Fernando II) confirma as doacións do seu pai.
Do mesmo ano hai un documento que exime a Bispo, Cabido e Concello do pago de portazgos e doutros impostos relativos ó transporte de viño a Santiago.
- 1213-1218 ... Fernando Méndez.
- 1218-1248 ... D. Lourenzo. (Antes Arcediano da Catedral.)
Adicou esmerado celo en engrandecer Catedral, Pazo Episcopal e Cidade incluíndo a reconstrución da Ponte do Miño.
- 1249-1276 ... Juan Díaz, galego de familia noble.
(Hai documentos de contendas entre Bispo, Cabido e Cidade nas que tivo que intervir o rei Alfonso X.)
- 1286-1308 ... Pedro Yáñez de Noboa.
A Cidade cuestiona os Privilexios de dominio da Mitra. En 1921 o rei Sancho IV dicta Sentencia dando por bos ditos Privilexios.
- 1308-1311 ... Rodrigo Pérez.
- 1311-1319 ... Gonzalo de Aza y Osorio.
- 1320-1332 ... Gonzalo de Noboa.
- 1333-1343 ... Vasco Pérez Mariño, fisterrán.
Trouxo para a Catedral de Ourense a imaxe do Santo Cristo que estaba en Fisterra, vila que lle pertencía.
- 1343-1351 ... Alvaro Pérez de Biedma, de familia noble galega.
- 1351-1361 ... Juan de Cardellac, francés. Nomeóuno o Papa en contra do críterio do Cabido que escollera a un dos seus coengos.
- 1362-1367 ... Frei Alfonso Pérez, franciscano.
- 1368-1376 ... Juan García Manrique.
- 1378-1382 ... D. García.
O rei Juan I recrimina ó Concello por perturbar o señorío episcopal.
- 1383-1390 ... Pascual García.
Construíu a "muralla" da cidade, que despois se consideraría coma "vergonzante".
- 1390-1392 ... Diego Anaya Maldonado, salmantino. (Logo promovido a bispo de Salamanca.)
- 1392-1408 ... Pedro Díaz, burgalés.
- 1409-1418 ... Francisco Alonso,
afogado no Pozo Maimón.
- 1420-1424 ... Fr. Alfonso de Cusanca. (Promovido ó bispado de León.)
- 1424-1443 ... Diego Rapado. (Promovido a Oviedo.)
Durante o seu mandato o rei designa un Correxidor para Ourense, Lugo e Mondoñedo a causa de varios feitos graves nas tres cidades.
- 1443-1447 ... Fr. Juan de Torquemada, burgalés, dominico. (Promovido a cardeal e a altos cargos políticos.)
- 1447-1462 ... Fr. Pedro de Silva. (Promovido a Badajoz.)
En 1449 cae o arco central da Ponte e este bispo manda reedificalo. Traslada para a Praza do Campo (actual Praza Maior) a feira que se celebraba en Castelo Ramiro. En 1455 un grupo de veciños descontentos asalta o Pazo episcopal.
- 1463-1465 ... A Sé está vacante, pero actúa coma Administrador Apostólico o Cardeal Torquemada que fora bispo de Ourense.
- 1466-1469 ... Alfonso López de Valladolid.
Problemas cos Irmandiños.
- 1471-1484 ... Diego de Fonseca.
No seu tempo batéronse en Ourense as Casas de Lemos e Benavente con graves prexuicios para a Catedral.
- 1486-1507 ... Antonioto Palavicino, xenovés. (Feito Cardeal en 1489.)
No seu episcopado constrúese o ciborio da Catedral.
- 1508-1511 ... Pedro Isualle y de Rijolis. (Tamén Cardeal.)
- 1511-1527 ... Orlando de la Rubere. (Dende 1513 foi tamén bispo de Aviñón.)
No seu tempo un cabaleiro ourensán funda a ermida de Nª Sª dos Remedios.
- 1529-1532 ... Fernando Valdés, asturiano.
(Promovido a Oviedo acadou importantes cargos políticos con Carlos V, como o de Inquisidor Xeneral.)
- 1532-1537 ... Rodrigo de Mendoza. (Promovido a Salamanca.)
- 1538-1539 ... Antonio Rodríguez de Haro, conquense. (Prom. a Ciudad Rodrigo.)
- 1539-1542 ... Fernando Niño de Guevara, toledano. (Prom. ó arcebispado de Granada.)
- 1542-1556 ... Francisco Manrique de Lara, rioxano. (Asistiu o Concilio de Trento. Logo promovido a Salamanca.)
- 1556-1565 ... Francisco Blanco Salcedo, palentino. (Nomeado por Felipe II. Tamén participou en Trento. Prom. a Málaga.)
Fixo obras importantes na Catedral e fundou o Hospital de San Roque.
- 1565-1578 ... Fernando Tricio de Arenzana, rioxano. (Prom. a Salamanca.)
Construíu as súas expensas a actual Capela do Santo Cristo. Tamén a Fonte do Bispo. En 1571 o rei Felipe II nomea un Correxidor para Ourense que substituirá nas súas funcións os xuíces que ata entón designaba a Mitra.
- 1578-1587 ... Juan de San Clemente, cordobés. (Prom. ó arcebispado de Santiago.)
- 1587-1595 ... Pedro González de Acebedo, palentino, gran erudito e escritor. (Logo bispo de Plasencia.)
En 1592, cando a Armada Inglesa cercou á Coruña enviou, á súa costa, un socorro de 1.600 soldados.
- 1595-1610 ... Miguel Ares Canabal, compostelán.
Doou á Catedral moitas alfaias e xoias (Tabernáculo, custodia, etc.). No seu tempo veu a Ourense a orde de Predicadores.
- 1611-1617 ... Fr. Sebastián de Bricianos, valisoletano, franciscano. Predicador de Felipe II e de Felipe III que o nomeou para esta igrexa.
- 1618-1621 ... Pedro Ruiz de Valdivieso, madrileño.
- 1622-1626 ... Juan de la Torre y Ayala, burgalés.
Equipa 250 soldados solicitados pola Capitán Xeneral de Galicia.
Foi, coma antes outros, a Madrid a defender a xurisdicción da cidade e estando nesas o rei (Felipe IV) promoveuno ó bispado de Ciudad Rodrigo.
- 1626-1630 ... Fr. Juan Venido, valisoletano, franciscano.
Con el acabou a preeminencia do Señorío da Cidade tras a firma dunha "Concordia" entre o rei Felipe IV e este Bispo.
- 1631-1633 ... Diego de Zúñiga y Sotomayor, natural de Sto. Tomé de Freixeiro (Pontevedra). (Prom. a Zamora.)
- 1634-1637 ... Luis García Rodríguez. (Prom. a Astorga.)
- 1637-1642 ... Juan de Velasco y Acevedo, palentino. (Antes tivo moitos cargos reais, entre eles o de "Ministro de Guerra del Reyno de Galicia".)
- 1643-1653 ... Antonio Payno, valisoletano. (Prom. a Zamora.)
- 1654.1659 ... Fr. Alonso de S. Vitores, burgalés nacido en Bruxelas, beneditino. (Prom. a Zamora.)
- 1659-1663 ... Joseph de la Peña, navarro.
- 1664-1668 ... Francisco Rodríguez Castañón. (Prom. a Calahorra.)
- 1668-1673 ... Fr. Baltasar de los Reyes, segoviano. (Prom. a Coria.)
- 1673-1694 ... Diego Ros de Mediano, madrileño.
Polo seu celo e integridade, o mesmo rei Carlos II que o nomeara bispo fíxoo "Gobernador y Capitán General del Reyno de Galicia".
- 1694-1706 ... Fr. Damián Cornejo, palentino. Renunciou.
- 1707 ............ Juan de Arteaga Dicastillo, navarro. Morreu antes de vir a Ourense.
- 1709-1717 ... Marcelino Siuri, natural de Elche (Alicante). (Prom. a Cordoba.)
Despois da súa marcha e a pesar de estar ausente fixo demoler e erguer de novo, ás súas expensas, a Igrexa de Sta. Mª Nai, que estaba en malas condicións.
- 1717-1728 ... Fr. Juan Muñoz de la Cueba, natural de Almedina (Ciudad Real), trinitario.
Reforma a fachada do Pazo episcopal e pón nela o seu escudo, igual que na cárcere da coroa.
- 1729-1734 ... Fr. Andrés Cid Fernández, natural de Xunqueira de Ambía, cisterciense.
- 1736 ............. Fr. Juan de Zuazo y Tejada, madrileño. Morreu antes de ser consagrado.
- 1738-1763 ... Fr. Agustín de Eura, natural de Barcelona, agostiño.
- 1764-1769 ... Francisco Galindo Sanz, natural de Villar de los Navarros (Zaragoza).
- 1769-1775 ... Alfonso Francisco Arango, natural de Quinzanas (Asturias).
- 1776-1818 ... Pedro Quevedo y Quintano (Cardenal Quevedo)(2), natural de Villanueva del Fresno (Badajoz).
Foi presentado para bispo de Ourense polo rei Carlos III que tivo que facelo dúas veces, pois na primeira delas o elexido renunciou alegando ser indigno. Chegou a Ourense, en 1776, montado nula mula e sen comitiva. Durante a Revolución francesa acolleu, repartíndoos por toda a Diócese, a bispos, cregos e monxes franceses. Cando a invasión napoleónica, impulsa a Xunta de Galicia. Tras a caída de Ourense preside a célebre Xunta de Voluntarios de Lobeira. Convocado por Napoleón ás Cortes de Bayona excusa a súa asistencia. Foi o primeiro presidente do Consello de Rexencia durante a expatriación de Fernando VII. Diputado nas Cortes de Cádiz. É desterrado e vai para San Pedro de Tourem, parroquia en Portugal que pertencía á Diócese de Ourense, dende onde dirixe un "Manifiesto a la Nación Española". En 1814 acaba o seu exilio e en 1816 o papa Pío VII nomeao Cardeal. Por dúas veces refusara o arcebispado de Sevilla. Segueu en Ourense ata a súa morte en 1818.
Consegue establecer o Seminario Conciliar de San Fernando despois de dous séculos de intentos fracasados por diversas causas. Fundou unha Casa de Expósitos (que chegou a acubillar ata 500 nenos), o Colexio das Mercedes, para nenas, e unha Escola Pública para mulleres. Construe o templete das Burgas das Caldas, tamén coñecidas, no seu honor, como "Caldas do Bispo". (Mal chamadas hoxe Termas da Chavasqueira.)
- 1819-1840 ... Dámaso Egidio Iglesias Lago, natural de Redondela.
- 1847 ............ (Deán) Juan Manuel Bedoya Diez, nacido en Reinosa (Cantabria), foi electo, pero renunciou.(2)
- 1847-1851 ... Pedro José Zarandia Endara, Natural de Lesaca (Navarra). (Prom. a Huesca.)
- 1852-1857 ... Luis de la Lastra y Cuesta, natural de Cubas (Madrid). (Prom. a Valladolid como primeiro arcebispo desa sé.)
- 1858-1866 ... José Avila Lamas, natural de Tui.
- 1866-1871 ... José La Cuesta Maroto, natural de Vadocondes (Burgos).
- 1876-1895 ... Cesáreo Rodrigo Rodríguez, natural de Coculina (Burgos).(2)
Fundou un colexio en Cornoces e o asilo das Hermanitas dos Ancianos Desamparados na cidade. Doóu parte dos xardíns que hoxe levan o seu nome.
- 1896-1904 ... Pascual Carrascosa y Gabaldón, natural de Quintanar del Rey (Cuenca). (2)
Completou o Seminario Conciliar. Fundou o Círculo Católico de Obreiros e promoveu unha "cociña económica" así como vivendas para necesitados.
- 1904-1921 ... Eustaquio Llundain y Esteban, natural de Pamplona. (Prom. ó arcebispado de Sevilla.)
Constrúe a actual igrexa de Santiago das Caldas para substituír a antiga que estaba en estado ruinoso. A vella estaba no lugar de As Caldas (Concello de Canedo), ocupando parte do que hoxe e o cemiterio.
- 1921-1941 ... Florencio Cerviño y González, natural de Sta. Marina de Areas- Fisterra (A Coruña).
Compra ós franciscanos a finca de Vista Hermosa, Erbedelo, e funda nela un Seminario Menor.
- 1945-1952 ... Francisco Blanco Nájera, natural de Logroño.(2)
Constrúe a igrexa de Fátima (no Couto) -idea do seu predecesor- así como o Seminario Maior do Divino Maestro (en Erbedelo).
- 1952-1987 ... Ángel Temiño Sáiz, natural de Sarracín (Burgos).
- 1987-1996 ... José Diéguez Reboredo, natural de S. Miguel de Enquerentes (A Coruña). (Prom. a Tui-Vigo.)
- 1996-2002 ... Carlos Osoro Sierra, natural de Castañeda (Santander). (Prom. ó arceb. de Oviedo.)
- 2002 ............ Luis Quinteiro Fiuza, natural de Vila de Cruces (Pontevedra). (Actual.)

____________________
(1): "En el concilio I de Nicea (325) se estableció que el obispo fuera nombrado por todos los obispos comprovinciales. En el primer milenio, el Papado dictó numerosas decretales para determinar el nombramiento episcopal. Sin embargo, durante el feudalismo en el viejo continente, los señores asumieron las facultades para la designación de los obispos, así como otros altos cargos eclesiásticos. En esta época tuvo lugar el conocido como conflicto de las investiduras. En el concilio de Trento se estableció un procedimiento para el nombramiento de los obispos, consistente en que el sínodo provincial presentaba al Papa tres candidatos y éste designaría uno de ellos. A lo largo de los siglos XIX y comienzos del XX, se introdujeron numerosas modificaciones en el sistema de nombramientos: unas veces se utilizó el sistema de presentación de ternas y otras el de información previa sobre los candidatos a los gobiernos."
José Orlandis. "Historia de las instituciones de la Iglesia católica. Cuestiones fundamentales" (Eunsa, Pamplona, 2003).

(2): O seu nome figura hoxe no rueiro da cidade.




S A Í R

© M.D.Q.-2008