MEMORIA DE OURENSE    


As orixes.- As Burgas


A palabra Burga deriva do baixo latín "burca", que significa pía. En Ourense hai 3 Burgas case xuntas na ladeira de Montealegre (cerca do río Barbaña) e, na marxe dereita do río Miño, no antiguo Concello de Canedo, hai tamén, aparte de outros mananciais de auga quente, os coñecidos como Burgas de Canedo e Burgas das Caldas.


As tres de Ourense son augas con distintos minerais, cun caudal aproximado de 300 litros por minuto e unha temperatura entre 64 e 68ºC.


Parece que está fóra de toda duda que foron a orixe da cidade e que xa na época castrexa podería ser un lugar de tipo máxico-relixioso o cal (esta é a opinión de López Cuevillas) recibiría a peregrinaxe dos poboadores dos castros cercanos o que xa propiciaría algún tipo de asentamento fixo, asentamento e mananciales que serían revitalizados polos romanos.

Según Ferro Couselo o nome dese primitivo lugar faría referencia ó castro importante máis cercano, que daquelas era o de Oira.


Evocadora foto de Pacheco na que se ve parte da rúa das Burgas coas súas casas tradicionais. (Preme na foto para ampliala)


Actualmente as tres fontes presentan o seguinte aspecto: a Burga de Arriba (a de arquitectura máis antigua) correspóndese cun estilo popular do século XVII; a Burga do Medio, totalmente reformada é recente e de estilo moderno e a Burga de Abaixo (a máis coñecida na propaganda turística) é do século XIX e de estilo neoclásico. No lugar, aparte das fontes, pódense contemplar unhas réplicas en pedra de catro aras romanas achadas na cidade. Unha delas é a ofrenda as ninfas desas augas feita por unha tal Calpurnia Abana, primeiro nome propio que se coñece dun visitante (nativo, quizais) destas fontes.

O grupo foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1975.


Acceso a "As varias burgas de Ourense"

Eu teño a intuición (como non son investigador nin teño probas non podo chamarlle doutra maneira) que o vilar ou casarío máis primitivo de Ourense correspóndese (precisamente) ca actual zona do Vilar. Baséome en tres feitos:
1º.- É a rúa en horizontal (cha) máis próxima ás fontes das Burgas.
2º.- O propio nome. Dende ó século XIII están documentados os nomes de Vilar (a actual rúa), Cruz do Vilar (Cruz é o que hoxe chamamos un cruzamento de rúas) e a Porta do Vilar. Vilar é palabra histórica e sempre significou "lugar de varias casas", de xeito que mentres nós, cando falamos do Vilar (castelanizado: calle del Villar) estamos a pensar nunha simple rúa con ese nome, os antigos referíanse a un grupo de casas, mellor dito, "ó" grupo de casas.
3º.- Cando chegaron os romanos e decidiron edificar o "presidium" (digamos o seu cuartel), fixérono onde hoxe está o Museo Arqueolóxico, e dicir, nun nivel superior, máis arriba do vilar. Con isto o que fixeron foi seguir as estratexias propias da época. Na antigüidade os poderosos sempre procuraban vivir máis altos, en sentido real, físico e topográfico, ca os vasalos. Se a pequena vila xa chegase a esa rúa eles terían ido máis arriba.


A distribución actual da rúa é do século XII. Pero antes dese século, moito antes, o que alí había era o núcleo habitado, fose vila, vilar ou vilariño. (Quizais a innovación do século XII foi chamarlle "Rúa do Vilar" ó que antes era só "O Vilar")
Anterior Índice

© M.D.Q.-2007