Logo Canedo

MEMORIA DE OURENSE    


puzzle
Ir a la versión en castellano

Recoñecementos  Quero deixar constancia aquí do meu agradecemento -polas axudas prestadas- a:
- Museo Etnolóxico da Xunta de Galicia (sito en Ribadavia), depositario do Fondo Guedes Pacheco (fotos de D. José e D. Augusto Pacheco),
- "Arquivo Visual Ourensán", e
- D. Rafael Salgado, administrador do blog ourensenotempo.com

Había unha vez unha cidade, pequena e tranquila, que, a mediados do século XIX conservaba a mesma estrutura urbana que viñera mantendo inalterable desde 6 séculos atrás.

No decorrer dos tempos anteriores os cambios foran mínimos: unha casa que había que renovar por mor do paso do tempo e da precariedade da construcción, outra que era substituída por unha xeración de propietarios con máis fortuna ca os seus predecesores ou algunha outra levada polo lume. Pero todas -eso si- acomodadas no mesmo espazo e nas mesmas rúas, prazas, canellas e recovecos de sempre. Esas rúas, tortas, estreitas e –as máis delas- costentas, posiblemente foran urdidas no seu día empregando algún secreto máxico para que non puidese pasar por elas o tempo.

A vida na cidade transcorría monótona e repetitiva e os ecos que cortaban os silencios eran sempre, día tras día, ano tras ano, a mesma mestura das badaladas impoñentes da Catedral e os sons habituais dunha veciñanza de vivencias case que rurais.

O nome desta cidade era Ourense e dicían que ese nome proviña dos romanos e que estaba relacionado coa palabra “ouro”.
Dibuxo 3 edificios


Hai 50 ou 60 anos aínda había recunchos espallados pola cidade que -a pesar dos seus desleixos e deterioros- conservaban -prodixiosa e teimudamente- unha atmosfera de feitizo rural e un suposto engado de tempos xa pasados.

Algúns foron restaurados tratando de emular a construción antiga, pero... hai que recoñecer o dificultoso que resulta acadar a mesma alma ademais de atanguer o mesmo corpo.

Facer clic en calquera das fotos.
  Praza do Ferro Praza do Correxidor
Praza das Damas Praza do Trigo


As mudanzas da cidade

O bispo Lourenzo.-
   Don Lourenzo, bispo da Sé Auriense e señor xurisdicional da cidade (1218-1248), foi, en palabras de Otero Pedrayo (Guía de Galicia, Ed. de 1945), "el tercer gran fundador de Orense".
- Foi o promotor da última das 3 etapas en que se soe dividir a construcción da Catedral (remate naves, torres das campás, comezo do Pórtico do paraiso, etc.),
- reconstruíu (sobre 1228) a Ponte Maior, derrubada dende tempos ignorados, dándolle a configuración ramplante actual,
- refixo o seu Pazo Episcopal (hoxe Museo Arqueolóxico), e
- ordenou o burgo ó seu cargo (Ourense) na forma e distribución que había de persistir en todo o Medioevo e Idade Moderna. A cidade erguería máis tarde (século XV) portas e cerca con intencións defensivas -e quizais tamén fiscais-, pero a súa configuración e perímetro lindeiro seguían -e seguiron- sendo os mesmos dese goberno productivo que foi o pontificado de D. Lourenzo, o "prelado constructor".

Despois de D. Lourenzo o plano de Ourense permanecería, practicamente, inalterado. Nin había necesidade de cambiar nin ó home medieval se lle podía pasar tal cousa pola cabeza: as cidades eran o que eran e ocupaban o que ocupaban, sen máis nada.

sepulcro D. Lourenzo

SEPULCRO NA CATEDRAL DE OURENSE (con estatua xacente e lucilo) CONSIDERADO (aínda que sen unanimidade) COMA O DO BISPO D. LOURENZO.

D. Lourenzo, natural da Limia, foi no seu tempo un sonado canonista que chegou a profesor da Universidade de Bolonia. En 1248, o rei Fernando III O Santo, amigo e admirador seu, designouno titular da Sé Auriense -posiblemente para retelo no seu reino-.
(Facer clic na imaxe para ampliala.)



Os séculos estables.-
   Durante varias centurias e ata xa terciado o século XIX, os cambios urbanísticos foron mínimos e vagarosos. Neste período -aparte das obras de reforma e de renovación de edificios concretos- as actuacións máis salientables foron as seguintes:

-- Século XIII.- Convento de San Francisco. (Nas abas de Monte Alegre, nas aforas da cidade.)
-- Século XIV.- Portas da cidade.
-- Século XV.- Catro ermidas extra-muros (fóra da cidade): Posío, Porto Vello, Pía da Casca e San Lázaro.
-- Século XVI.- Hospital de San Roque e Capela dos Remedios (Ambos tamén extra-muros).
                      Capela dos santos Cosme e Damián. (ó pé dunha das portas da cidade.)
                      Casa Consistorial na Praza do Campo.
-- Século XVII.- Conventos dos xesuitas (xunto a unha porta) e dos dominicos (fóra).
-- Século XVIII.- Pouco e pouco van desaparecendo as portas. (Non son substituidas porque xa non fan falta, pero tampouco a cidade se sae do seu emprazamento.) Quedan 3 en pé.
-- Século XIX.- Cemiterio de San Francisco (fóra), o mesmo ano (1833) que Ourense pasa a ser capital de provincia.

Dous planos

Compárense estes dous planos. Un correspóndese coa Idade Media e o outro está feito en 1856, xa iniciado o despegue. As diferencias máis apreciables son o novo barrio ó norte da Praza do Ferro (Barrio da Corredoira) e o trazado da Rúa Progreso, ainda sen edificacións.

Tamén se pode constatar no segundo, como novidades, nas aforas, o convento de San Francisco e o Xardín do Posío.

(Facer clic na imaxe para ampliar.)


   Neste dilatado período aínda que o urbanismo estivese paralizado non pasou o mesmo coa arquitectura. Paulatina, pero progresivamente, a cidade foise conformando no seu interior a teor das evolucións sociais e políticas. Reformas, reconstruccións e obras novas foron habituais en distintas épocas, especialmente en sinalados momentos de auxe comercial propiciado polo comercio do viño.

Como lembranza desas obras quedan ("milagrosamente") uns cantos exemplares ó longo do casco histórico.


    A modo de testemuña -restrinxida- podemos sinalar algúns dos exemplos perdurados:

    (Fai clic en calquera destas fotos)

Cadórniga María Andrea Oca
casa s.XVI Museo Boán


As novas perspectivas.-
   Trinta anos despois de encetado o século XIX Ourense tiña a súa propia feitura. Sería nese momento cando había de empezar a primeira gran mudanza.

Se quisésemos marcar algún fito definitorio poderíamos poñer 3, a falta de un:

         Ano 1833.- Designación de Ourense como capital dunha provincia,
         Ano 1836.- Comezo das obras de estrada Villacastín-Vigo e
         Ano 1837.- Acordo municipal do derrube das 3 últimas portas.

O primeiro deses feitos significaba (como en moitas outras poboacións españolas) a apertura a un mundo de posibilidades e ventaxes, a segunda supuña un xeito de integración (non só teórica, senón material) no conxunto do Estado e o terceiro, anque sen ningún valor de seu, viña a simbolizar a predisposición dos prebostes locais a modificar a urbe recibida. (Se as portas se houbesen deixado non tería ningunha consecuencia -máxime se pensamos que as tres estarían hoxe en rúas peonís-, pero naquel momento foi coma un berro, novidoso, ansioso de expansión.)

Evidentemente, de estes 3 acontecementos, o que tivo unha repercusión máis direita e material no urbanismo foi o da estrada de Vigo. No seu percorrido próximo á cidade, seguindo máis ou menos o trazado do vello Camiño Real que pasaba pola Ponte Maior, esta estrada pronto se convertería en rúa, a rúa do Progreso. Sería un dous dous eixes modernos lonxitudinais catalizadores da expansión. O outro eixe sería "a Travesía". (Hai un terceiro eixo lonxitudinal, a rúa Santo Domingo ou Corredoira, pero este caso -o do primitivo camiño a San Lázaro- foi máis temperán.)

En 1873 Ourense remataba ó Norte na rúa de San Miguel a cal chegaba, por abaixo, ata a nova do Progreso. Nese ano o Concello acorda comprar e derrubar un par de casas desa rúa e abrir -perpendicularmente- unha nova, continuación da do Instituto (hoxe Lamas Carvajal), con percorrido ata o Campo de San Lázaro. Sería a chamada, nun primeiro momento, Travesía (logo Paz Novoa e hoxe Paseo), que en poucos anos se convirtiría no centro da cidade.

En 1881, no veciño Concello de Canedo, inaugúrase o ferrocarril. Nese primeiro momento entrará en servizo a liña Ourense-Vigo que se completaría 4 anos despois co traxecto Ourense-Monforte.

30 anos despois de aberta a Travesía, xa no século XX (concretamente en 1903), o Concello solicita do Goberno a continuación de dita estrada ou Travesía -incluíndo unha ponte sobre o Miño- que chegase ata a estación do F.C. de Ponte Canedo.

En 1910, como un número máis do programa de festas do Corpus dese ano, colócase a primeira pedra desa Nova Ponte en medio da ledicia e do entusiasmo colectivo. Inauguraríase en 1918.
Obras Ponte Nova

Coido que, de todas as imaxes dispoñibles, esta da Ponte Nova a medio facer é a máis axeitada para representar o que esa obra significou naquel momento. ¿Podes imaxinarte con que ilusión os ourensáns da época seguirían eses traballos? ¿Como sentirían que era unha ponte cara o futuro? ¡Por fin Ourense superaba as estructuras do pasado! ¡Por fin se podería cruzar o Miño sen ter que acudir ó legado dos romanos! ¡Por fin a cidade tería unha obra pública digna das urbes modernas!



A quenda da burguesía e o modernismo.-
   Nas últimas décadas do XIX e primeiras do XX o urbanismo tivo os seus protagonistas na nova clase da burguesía, comerciantes e industriais -os máis deles vidos dafóra- que non dubidaron en facer edificios para a súa vivenda e negocio acordes cos novos tempos. Non somos quen de pensar nos motivos íntimos que moveron as súas iniciativas, pero si hai que salientar que, grazas a eles, a moderna Auria tivo unha época de esplendor e recoñecida prestancia.

Neses anos a cidade foi medrando en señorío e elegancia, foi gañando a pulso a categoría de "capital" e foise afacendo a unha nova idea, aquela que chamaban “progreso”.


Paseo
Primeiro tramo da Travesía (Hoxe Paseo) aberta en 1873.
(Fai clic)


   Foron anos que deixaron rúas únicas e con personalidade propia (repletas de estilosas fachadas labradas con mil filigranas no duro granito do país) coma Progreso, Paseo, Alba, Bispo Cesáreo, Santo Domingo ...

A arquitectura empregada soe encaixarse no "modernismo" por coincidir temporalmente ca época dese estilo aínda que as obras non se axusten todas a un modernismo puro senón, máis ben, a un certo eclecticismo.

imaxe enlace
Fai clic na imaxe

A desmesura.-
   Despois (a consecuencia das consabidas aventuras e desventuras históricas e políticas) virían unhas décadas de paro e inactividade para logo -máis tarde, alá polos anos 60- aparecer outra nova etapa de mudanza. Esta vez frenética e desmesurada.

As causas que a propiciaron serían varias: un éxodo rural cara as cidades, unhas remesas de cartos dos emigrantes en Europa, unha sensación de desenrolo en todo o país, un afán xeneralizado de mercar todo o mundo o seu piso e, como consecuencia de todo iso -como é ben sabido- unha espiral inflacionista e unha fervenza de febril actividade económica.

tunel San Francisco
Ponte Burga

   Esa febre manifestaríase de dúas maneiras: ampliación (da cidade) e substitución (da cidade). Poderíase falar de dúas mudanzas distintas. Contemporáneas, pero separadas. Unha que mudou campo e arrabaldes por urbe e outra que pretendía cambiar o Ourense que xa estaba “feito”.

En ámbalas dúas maneiras houbo actuacións afortunadas alternando con outras lamentables.

Burgas e campo

Ata non hai moito a cidade trasmitía a súa maridanza co campo mantendo leiras en múltiples recunchos como se ve nesta postal das Burgas (de L. Roisin de aproximadamente 1930) con hortas e viñas a 100 metros da mesma Praza Maior.


A ampliación.- A maioría das cidades medraron dun xeito similar ó dunha mancha de aceite: arrincando dende un núcleo central efectuaron a súa expansión todo ó redor aumentando progresivamente os lindes exteriores. Ourense, non. Ourense, coma outras cidades galegas, non se construíu con ese proceder. Partindo dunha inicial vocación rural, a súa xénese foron lugares e casaríos espallados por todas as inmediacións. Unha especie de aldea aquí, unha casa de labranza alá, dúas ou tres casas á beira dun camiño noutro lado... E así o espazo foise salpicando de “pintas”: A Rabaza, as estradas da Lonea, da Granxa ou de Celanova, A Cruz Alta, O Polvorín, Mariñamansa, O Couto... Cando estes e outros moitos núcleos foron “engordando” acabaron por atoparse, xuntarse e constituír o Ourense da ampliación.

Curros Enríquez Diagonal Av. Santiago Villa Valencia

  Outro factor de ampliación foi a absorción, en 1943, do Concello de Canedo o cal, aparte dun vasto territorio rural, aportaría unha próspera unidade urbana, Ponte Canedo, ó conxunto cidadán.


Río Miño

Vista parcial de Ponte Canedo nunha postal de L.Roisin de c. 1930 na que se ven construcións do Camiño de Peliquín coma, por ex., o antigo Cuartel (de Canedo) da Garda Civil.


Máis rio Miño

Outra postal, esta de P. Ferrer, c.1910, con outra vista parcial cercana á anterior.
Hoxe consérvase (rehabilitado en parte) o pequeno núcleo do Ribeiriño, onde estivera a primeira Estación do F.C.

A substitución.- Outras veces en vez de facer cidade nova optouse por cambiar o que xa estaba feito e -incluso en moitos casos- consolidado. Edificios que xa conformaban a urbe foron reemprazados. As veces o cambio estaba xustificado. Noutras ocasións os valores urbanos e estéticos quedaron esquecidos ante intereses particulares.

Hai un progreso material cando se substitúe un chamizo de pallabarro por unha casa de pedra con estilo; pero non pode habelo cando se derruba un edificio modernista para mudalo por outro anódino, eslamiado e standard. Pode que o novo sexa máis confortable e con máis capacidade de almacenaxe de xente, pero o conxunto urbano queda empobrecido.

O primeiro Plan de Ordenación urbana non foi aprobado ata 1955, seguido de outros varios, resultando - pódese dicir que todos eles- bastante ineficaces á hora de frear o descontrol imperante.

Con este descontrol os empeños privados impuxéronse á prestancia pública, as tebras da ignorancia ás luces da sabenza, a falta de sensibilidade ós criterios do bo gusto e Ourense, coma sen non fose merecente de telo, perdeu unha gran parte do seu patrimonio arquitectónico. Coa indulxencia dunhas autoridades máis pendentes de superar as estatísticas e recadar taxas ca de outras cousas. Con técnicos forzados pola competitividade a esquecer, ou eludir, saberes adquiridos. Coa tolerancia dunha poboación entre sorprendida, despistada e cómplice. E deste xeito moitos edificios de “pedigrí” ourensán foron suplantados por outros vulgares, exactamente iguais ós de centos de barrios anódino-modernos de calquera lugar do mundo, clons ou fotocopias uns de outros.

E menos mal que coa chegada da democracia se impuxo unha mentalidade máis sensible e máis cívica e esixente senón hoxe Ourense tería desaparecido. Si, desaparecido. O seu lugar -exactamente o mesmo espazo- estaría suplantado por outra cidade, chamada -incluso- da mesma maneira, pero... que non sería Ourense.


Mapa de imaxes 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13


Anexos:


Un paseo polo tempo
Rúa Xoán XXIII (Diagonal)
Rúa Progreso .... (versión flash) ... (versión video)
Ponte Canedo ... (versión flash) ... (versión video)


arriba
Volver ó principio
desta páxina
índice
Ir ó índice de
Memoria de Ourense
índice
Ir a INICIO

© M.D.Q.-2011