MEMORIA DE OURENSE    


A Ponte Nova


Para evitar a conxestión da Ponte Vella (a Romana) e para facilitar a comunicación ca estación do FF.CC., aberta en 1881 no Concello de Canedo, o Ministerio de Obras Públicas construíu esta segunda ponte, chamada Ponte Nova. Adxudicada en 1910 a unha empresa de Bilbao, por un importe de 1.157.000 ptas., inaugurouse con gran pompa popular o 20 de xuño de 1918, unindo (como segunda alternativa) ós dous concellos que daquela había en cada unha súa beira do río.
Os enxeñeiros foron, sucesivamente, Martín Díaz de la Banda e Miguel Fernández García. O primeiro actualmente da nome a unha rúa nas proximidades (a antiga Baixada ó Miño) e o segundo a unha rúa nas Lagoas.

Complemento desta obra foi a apertura dunha estrada dende esa ponte ata o Campo de San Lázaro, para empatar alí ca, entón, chamada "Travesía".

Esta ponte e, antes, a estrada Villacastín-Vigo determinaron o desenvolvemento urbanístico de Ourense. A partir deses feitos a cidade comezou a saír daquela área restrinxida e tradicional na que estaba asentada -os arredores das Burgas e da praza Maior- e encetou a súa novedosa e constante andadura de cara ó río Miño e á Ponte Vella, dos que, a dicir verdade, sempre estivera, ata entón, "relativamente" lonxe.

Anterior Índice Seguinte

© M.D.Q.-2007