DESCRICIÓN ELEMENTAL

  Ver versión en castellano

* Galicia é terra de ríos. Esta é unha das súas características xeográficas. E isto é así para ben ou para mal. A parte positiva son as regas, as aceas, os lavadoiros, a pesca, os pelamios, a enerxía, o baño, o frescor do estío, o adorno da paisaxe, o lecer, etc. En contra sempre estiveron (aínda que esta culpa sexa máis da orografía e da fondura dos leitos ca dos ríos en si) as dificultades nas comunicacións con esas estradas e camiños de enormes e reviradas subidas e baixadas para, alá no fondo, poder conectar (por ponte ou por barca) as ladeiras contiguas dos sucesivos vales e montes.

* Hai millóns de anos a actividade oroxénica e os movementos tectónicos, traballaron fracturando e pregando o terreo. Logo diversos tipos de erosión completaron o traballo. O resultado foi unha enorme, dispar e heteroxénea fracturación do territorio cunha mestura de accidentes orográficos conformadores de innumerábeis vales, valgas, valgadas, escorredoiros, cavorcos, engrobas, depresións, etc. que servirían de leito para acoller as augas que o clima atlántico e as súas nubes xenerosamente lles proporcionan.

* Sendo isto así en termos xerais compre constatar que a configuración fluvial non é exactamente do mesmo xeito na costa e no interior. As características morfolóxicas da Galicia costeira son lixeiramente distintas das da Galicia interna. Mentres naquela o bordo do litoral (o pre-litoral) está formado por serras entrelazadas e consecutivas (de non máis de 600 m. de altitude), coma un parapeto desordenado, no interior -aínda sendo tamén terreo montañoso, pois todo é Macizo Galaico, e contando, incluso, coas cimas máis altas- aparecen con frecuencia superficies de aplanamento e distintas terras chairas enmarcadas entre serras de diversos niveis. Isto motiva que existan dous modelos de redes fluviais: as mariñáns, de ríos de curto recorrido e bacías máis ben estreitas (coma unha competencia de minifundios hidro-orográficos), e as de terra dentro, de ríos máis longos e vagarosos que reciben e concentran múltiples achegas de augas que baixan das súas serras lindeiras. En consecuencia as bacías dos ríos galegos pódense clasificar, para o seu estudo, en dous grandes grupos: as bacías costeiras e as bacías do interior.

1.- As bacías costeiras. Podemos, á vez, dividilas entre cantábricas (ou setentrionais) e atlánticas (ou occidentais). (Aínda que o Cantábrico sexa parte do Atlántico soe estabelecerse de xeito convencional que o cabo Ortegal marca a divisoria.)


O Xallas, río costeiro, verte no mar a través dunha ferveza.
(Fai clic na imaxe)

Entre as primeiras (cantábricas) temos, de leste a oeste, entre outras, a do Eo (compartida con Asturias), a do Masma, a do Ouro, a do Landro, a do Sor. a do Baleo e a do Mera.
Das atlánticas podemos mencionar (de norte a sur) as dos ríos Grande de Xubia, Belelle, Eume, Baxoi, Lambre, Mandeo, Mendo, Mero, Anllóns, Grande, Castro, Xallas, Tambre, Ulla, Umia, Lérez, Verdugo-Oitavén e Miñor, entre outros.
Todos os mencionados (así coma os seus tributarios) son ríos moi curtos, pero hai 4 deles que son excepción nesta peculiariedade e que, se quixeramos ser máis precisos, habería que incluilos nunha categoría intermedia pois comparten carecterísticas dos dous grandes grupos. Falamos do Eo (92 Km, -79 por Galicia-), o Eume (77 Km.), o Tambre (125 Km,) e o Ulla (131 Km.).
Tamén compre destacar o Navia, río dun total de 111 Km. que nace no Cebreiro (Lugo) e pasa a Asturias onde desemboca no Cantábrico.

2.- As bacías do interior. Son principalmente tres: a gran cunca do Miño, a do Limia e a do Támega.


As augas do Sil, río de interior, chegarán ó mar a través do Miño.
Foto tomada desde o mirador de Pe do Home (Nogueira de Ramuín).
(Fai clic na imaxe)

A do Miño soe estudarse englobada coa do Sil. En conxunto esta bacía dobre Miño-Sil é, con moito, a máis importante de Galicia xa que cobre aproximadamente un 42 % do territorio (á parte da superficie drenada polo Sil na provincia de León).
O Sil acolle algunhas sub-bacías considerables coma son as do Bibei e Navea (pola esquerda -Ourense-) e as do Lor e Cabe (pola dereita -Lugo-).
Pola súa parte o Miño recolle augas, entre outros, dos sistemas do Anllo, Tamoga, Ladra, Neira e Ferreira, en Lugo, do mencionado Sil (entre Ourense e Lugo), do Avia e Arnoia en Ourense e do Tea e Louro en Pontevedra.
Aparte da do Miño-Sil non se poden esquecer as cuncas do Limia e do Támega. Son dous ríos que nacen na provincia de Ourense e que logo (un polo Oeste e o outro polo Sur) cruzan a fronteira e pasan a Portugal. O primeiro para desembocar directamente no Atlántico (en Viana do Castelo) e o segundo para verter no Duero, alí chamado Douro.

* En xeral tódolos ríos galegos nacen e morren no país. Exceptúanse, por unha banda, o Sil que nace en terras de León e, por outra, o Navia, o Limia e o Támega (xunto este con algún pequeno máis) que, como casos contrarios, nacen en Galicia e logo marchan para fóra.

* Cando falamos de bacías (falando con propiedade habería que dicir "bacías hidrográficas" -ou "cuncas hidrográficas"-) estámonos a referir ao territorio drenado por todo un sistema formado por un río "principal" (o que desemboca no mar e que lle da nome á bacía) máis toda unha serie de ríos secundarios (afluentes e subafluentes) de distintos ordes e graos. A súa representación gráfica tería unha forma arborescente con pólas e gallas sucesivamente diversificadas.

* Todos eses elementos (ríos grandes, ríos pequenos, regachos, regatos, correntadas, enxurradas, regos, regueiros...), formados, como dixemos, ó longo dos millóns de anos das eras xeolóxicas, teñen agora ben establecidos os seus comportamentos e encomendas que veñen executando con toda naturalidade, coma un rito milenario. Probablemente sen alteracións significativas desde que o home ocupa estas terras. Pero modernamente, desde hai uns 70 anos, ese "home" propúxose emendar a situación e, á parte doutras agresións, levantou represas de cemento (encoros enerxéticos, presas de abastecemento, minicentrais) convertendo tramos de río en lagoas estancas. Cambiando "correntes de auga" por "auga estancada". Con todo o que iso implica. Non é só o cambio da paisaxe e da configuración dos ríos, senón toda unha serie de danos colaterais: desaparición de núcleos de poboación e terras vizosas; perda de pesca; barreiras que impiden a migración de determinadas especies; acumulacións de residuos líquidos e sólidos; retención dos limos beneficiosos; alteracións dos caudais, dos hábitats faunísticos, do pH e dos elementos químicos das augas; colmatación dos fondos; eutrofización; inzamento e estorbo das herbas acuáticas; a súa posterior putrefacción; mingua da calidade das augas; risco (aínda sen avaliar) de actividade sísmica; etc., etc. Certo que estamos a falar de obras necesarias e convenientes, pero tamén é certo que puideron ter sido realizadas (coma noutros países) con criterios de desenvolvemento sostible e con respecto da natureza e da súa biodiversidade.(Claro que nese caso os cuantiosos beneficios dalgunha empresa haberían sido algo máis moderados.)
De cando en vez, hai algún río que se rebela e pretende reivindicar unha situación anterior. Pero, fóra diso, os nosos ríos aí seguen, a pesares dos atrancos, abusos, agresións e maltratos dos (transitorios) seres humanos. Anque, iso si, agardando e dependendo cada vez máis da nosa axuda e da nosa defensa.


Vista preliminar