Ourense

A presunta primeira documentación deste topónimo é unha simple mención que atopamos nun enigmático e controvertido documento coñecido como Parochiale Suevum. E digo controvertido porque para empezar non sabemos sequera que tipo de escrito é nin con que pretensións foi feito. Á primeira vista parece, simplemente, unha clasificación -datada no ano 569- de territorios eclesiásticos asignados as dioceses galegas, pero hai tales anacronismos e ausencias que fai desconfiar de que non se trate diso. Posiblemente sexa un alegado reivindicativo, feito con posterioridade, para defender algunha reclamación recordando, a modo de argumento, circunstancias quizais esquecidas das divisións eclesiásticas da primeira igrexa sueva. Aquí non imos entrar neste tema(1), pero si que debemos tomar nota da mención feita nese documento. E esta é que cando cita a sé auriense (“Ad Auriensem sedem:”) relaciona 10 circunscricións "parroquiais" e pon en primeiro lugar a chamada, en latín, “Palla Aurea” [Pala Áurea], nome que é interpretado (aínda que non por todos) como o correspondente a Auria. Pero unha vez vista esta simple referencia xa non se pode precisar máis. Non sabemos se esa era a expresión primitiva do topónimo ou se foi usada con algún sentido nese momento. Tampouco non sabemos a que pode equivaler ese apelativo de Palla. Tal palabra significou 'cova', 'refuxio', ‘manto’ (de muller), ‘palio’ e varias acepcións máis aparentemente intrascendentes sin que ninguén atine a atopar algún tipo de relación. Tamén, segundo algúns autores, podería designar un declive de terreo. E é certo que a Auria primitiva estaba precisamente na liña de máxima pendente que vai de Monte Alegre ao Barbaña pasando polas Burgas, pero isto non demostra nada. E outro dato a ter en conta é que Pal- é unha raiz hidronímica dalgunha lingua prerromana.

A historia e conformación do topónimo Ourense podémola dividir en dúas etapas, ambas seculares. Unha primeira marcada pola presenza da palabra Auria e unha segunda que recolle a transformación de Auria en Ourense. No que concirne a esta segunda etapa hai bastante coincidencia en todos os autores; non así na primeira.

1ª.- Vexamos primeiro, pois, esta segunda etapa. O paso de Auria a Ourense.
Os xentilicios refírense ás persoas dun lugar, pero, por extensión, poden adxectivar outros elementos, como por exemplo o propio lugar. Cando en 1071 Sancho II se refire á “civitate Auriense super flumen Minei” está falando da “cidade de Auria …” Auria na Idade Media é importante non por si mesma senón por ser sé episcopal, a “sé auriense”. A linguaxe eclesial, propicia a designar as sés polo seu adxectivo (a tudense, a lucense, a bracarense, etc.), favoreceu que esta cidade fose designada en latín de dúas maneiras: co nome propio Auria e co adxectivo Auriense, ambas coas desinencias propias das súas declinacións. Ó final, esta última forma –a do adxectivo- foi prevalecendo na fala popular. Iso ó menos é o que se deduce dos escritos en romance (máis verosímil e representativo -que o latín- da fala real de cada momento), onde se aprecia tamén a probable e sucesiva modificación de Aurense, Aurens e Ourens ata, finalmente, Ourense. (Non se pode establecer un proceso evolutivo en función dos anos consignados– especialmente nos textos latinos- pois as formas dos tales textos supoño que dependerían máis que nada do grao de conservadorismo dos respectivos notarios.)

Exemplos:
1200: Et hoc sub era Ma CCa XXXVIIIa, regnante rege Alfonso in Legione; tenente terra Castelle Osorius Iohannis; tenente Auria episcopo Adefonso. (San Clodio do Ribeiro)
1275: Facta carta era Ma CCCa XIIIa, XVII dias de feuereiro, regnante rege Alffonso in Legione et Castella; episcopo in Auria domno Iohanne Didaci; tenente Nouoam Nuno Gonzalui. (San Clodio do Ribeiro)
1221: L(aurentius) episcopus in Auriam. (S. Estevo de Ribas de Sil)
1109: Didacus Auriense sedis episcopus confirmavit. (San Vicenzo de Pombeiro)
1205: Regnante rege Alfonso; in Auriensi episcopus Adefonsus; tenente Castella Osorio Iohannis. (San Clodio do Ribeiro)
1199: Ad pontem auriensem quantam hereditatem in ipso porto emi et ganaui et laboraui. (Galicia Histórica. C. Diplomática)

1261: Byspo en Aurense don Johán. (Vida e fala dos devanceiros)
1259: Rey de Leon e Castella, Toledo, Murza, Geen, Cordova et Sivilla don Afonso, seu merino mayor en Galliza don Rui Garcia; ricome en Limia don Fernan Anes, merino en Limia Rui Garcia, juyz Stevao Payz, bispu in Aurens don I. (Santa María de Oseira)
1240: Assi como queria comer que me soubesse ben, | assi queria bõo son [d]e seculorum amen | pera meestre Joan. | Assi com ' eu beveria [do] bõo vinho d ' Ourens, | assi [eu] queria bõo son de [O] cunctipotens | pera meestre Joan. (Afonso X o Sabio)
1287: Don Johán Eanes, coengo d ' Ourens; (Vida e fala dos devanceiros)
1258: Regnando Rey don Alonso en todos seus regnos; bispo en Ourense don J Dias; tendo Caldelas don R Alfonso; merino mayor en toda Galiza don R Garçía; (Vida e fala dos devanceiros) "

Deixemos para os eruditos e especialistas se todo isto foi unha evolución popular lóxica ou se tivo unha mestura de cultismo, cousa que se discute a un nivel técnico. O que agora nos temos que preguntar é de onde procedía o Auria inicial.

2ª.- A orixe da primitiva Auria tense explicado con varias motivacións:

• A relación co ouro (en latín aurum, -i) ou, máis concretamente, con ‘áureo’ (aureus, -a –um). Isto é case un tópico e é a explicación máis socorrida, pero non parece que a abundancia do ouro fose tan nutrida como para designar así a unha nova cidade. [Unha fantasía: a categoría de ‘áurea’ podería non ter relación co metal (ouro) senón coa cor (dourada). Se cando os romanos chegaron aquí era outono verían que o lugar estaba cuberto por un ‘manto dourado’, unha ‘palla aurea’.]

• Hai quen busca algunha conexión co nome de Oira, o castro habitado máis achegado daquelas e que podería ter tido algunha influenza no topónimo. (Claro que tamén puido haber sido ó revés.)

• Outros autores supoñen que, cando chegaron os romanos, xa existía un nome precedente de Auria e propoñen como étimo seu o preindoeuropeo *awer, que fai referencia a 'auga, río, chuvia'.

• Cabe unha orixe "mestiza" como, por exemplo, que o suposto nome arcaico derivado do preindoeuropeo *awer lles sonase ós oidos dos romanos como algo similar a aureo e eles, todos cheos de razón, pronunciasen auria ou aurea.

• Sen embargo puidera ser que a tal orixe residise en algo máis prosaico e vulgar, alleo tanto os resplandores do ouro como á prestancia dos nomes ancestrais. Simplemente, puido ser o nome da posesión dun individuo chamado Aurius, un antropónimo romano. Que así mesmo podería ser Auria, muller.
Alguén dirá que se fose Auria -muller- non habería maior problema, pero ¿Aurius?
Si. Vexamos. Os romanos, na lingua máis arcaica, soían converter un nome propio nun atributo (adxectivo) concordando o xénero co do nome. Por exemplo as calzadas promovidas polo cónsul Apio Claudio ou polo procónsul Gnaeus Domitius pasaron a chamarse Vía Apia e Vía Domitia, respectivamente, poñendo o atributo en feminino. Ou a cidade de Zaragoza, sendo en honor de Cesar Augusto (masculino) pasou a ser Cesaraugusta (feminino). Pois ben, aquí puido haber unha casa, unha finca, unha mansión (hospedaxe), unha casa de baños ou, o máis común, unha casa campestre, e dicir, unha vila (villa, -ae) chamada Auria por estar promovida ou rexentada por alguén chamado Aurius. Nun principio o nome estaría representado por un sintagma de dúas palabras no que a primeira sería villa, mansio, praedium, ou calquera outra feminina, e a segunda Auria. Por exemplo 'Vila Auria'. Co tempo esta última palabra, o determinante, sería a supervivente.
Por outra parte que o antropónimo Aurius tivese, á súa vez e na súa orixe, unha simboloxía relacionada co ouro non ten nada que ver, pero esta circunstancia ben puido servir para alimentar a confusión.
Este mesmo étimo, Auria de Aurius, é o que se soe dar para a vila de Oria, da provincia de Almería. Evidentemente os resultados (Oria e Auria) son diferentes, pero ambos os dous están conformes coas súas correspondentes leis fonéticas.

----------------------------
(1) Quen estea interesado no asunto pode consultar o libro “Antigüedad del episcopado auriense”, de Juan-Carlos Rivas Fernández, onde se expón con detalle e amenidade todo o concernente a este documento. (Duen de Bux, Ourense, 2003)