Parque Ribeira de Canedo
Beita dereita do Miño entre as pontes Nova e Maior
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - > ComentariosNa marxe dereita do río Miño, como unha primeira liña do barrio da Ponte.
O que antes eran uns eidos particulares, abandonados e desleixados os máis deles, desde a Ponte Nova cara abaixo ata a Ponte Maior, agora, grazas a un “Proxecto de acondicionamento da marxe dereita do Miño…” subscrito entre o Ministerio de Obras Públicas e o Concello de Ourense no ano 1993, presenta unha transformación radical.
Está estruturado en 2 niveis distintos, a modo de socalcos independentes, cunha parte superior pavimentada e outra inferior en estado natural: terra, árbores, céspede, estanque, etc.
Un muro todo ao longo sepárao do río.
Parque do Barbaña
Entre o río Barbaña e a Avenida de Porugal
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - > ComentariosNa marxe esquerda do río Barbaña, nunha ribeira ocupada antano por viñas e hortas, a finais do s. XX procedeuse ao seu acondicionamento para executar un dos parques máis grandes de Ourense. Algo máis dos 20.000 m2. Foi inaugurado en 1995.
Acolle esculturas de Quessada e Acisclo Manzano, a “Fervenza das Poetas” en recordo das poetisas ourensáns Pura e Dora Vázquez, fontes, zona infantil, cafetería e espazos varios.
Nun extremo, por riba, crúzao unha pasarela peonil que comunica o barrio do Couto coa Alameda.
Parque Avilés de Taramancos
Ä dereita do río Barbaña, cerca do Pavillón de Deportes dos Remedios
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - > Comentarios
Na rúa dese mesmo nome, na marxe dereita do Barbaña pouco antes de morrer no Miño. Antes eran terreos traseiros de casas, en tempos viñas e ultimamente, entullos. Agora son auga, paseo, xogos e plantas.
A superficie total é de 5.200 m2 nos que hai que incluir unha lagoa artificial de 1.300 m2. Foi inaugurado no 2.010.
Parque Angelita Paradela
Un bo parque para unha boa urbanización
- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - > Comentarios
Ao sur de Ourense, dando á estrada de Rairo, pasada a Residencia Sanitaria, temos unha gran urbanización, o Novo Barrocás, deseñada coas máis modernas premisas urbanísticas e sendo, ao mesmo tempo, unha gran descoñecida para os ourensáns, seguramente pola mala comunicación que ten co resto da cidade.
A un lado desta urbanización, e continuando ata a dos Rosais, está este parque de 16.000 m2, adicado a unha coñecida mestra ourensá. Foi inaugurado no ano 2007.
Ten pistas pavimentadas, aparellos de nenos e adultos, mesas e alpendres, pradería e un bosque de piñeiros mansos. Foi o primeiro parque acondicionado con enerxía fotovoltaica con paneis solares.
(Moi preto está o Parque Ávila, do que falamos no capítulo seguinte.)