IV- Outros varios

Praza da Mariña
A construción da estación de Ourense-Empalme obrigou a facer unha variante da estrada de Santiago a cal se xuntaría cos restos do trazado vello un pouco máis arriba da estación. Nese punto quedaba “descolgado” un triángulo de terreo que, pasados uns anos, se convertería en xardín dándolle a categoría de praza, a Praza da Mariña, en honra da Mariña Española.
Está equipada cunha fonte de imitación e con mesas e quiosco onde os veciños xogan ás cartas.
 
"Bulevar" da rúa Río Mao
É unha rúa paralela á Av. de Santiago. Non é, exactamente, un xardín senón, máis ben, unha rúa axardinada. Non ten dúbida que é unha rúa con personalidade propia. Non é así o total da rúa, pero a maior parte, nunha longura de 260 m. e cun ancho de case dous terzos do total da rúa, está acondicionada para paseo, descanso e xardín.
 
Praza de Diego González Blanco
Zona do 21. Desde a Av. de Santiago pode accederse por Río Xares ou por Madre María Soledad de la Cruz.
Ocupa aproximadamente uns 5.500 m2.
 
Parque de Santa Teresita
Zona do 21. Desde a rúa Santa Teresita ata case As Eiroás (concretamente ata a cima da rúa Río Limia). Aproveitando o extenso bloque ou quinteiro interior que forman as traseiras das casas de varias rúas. Foi concibido co Plan de Urbanismo de 1996 e inaugurado no 2.014.
Ten un campo de fútbol, zona infantil, zona de cans pequenos e moito espazo verde. Poucas sombras.
 
Parque de Covadonga
En 1956 a entón chamada Sindical inaugurou, co nome de Virxe de Covadonga, un grupo de 100 casas protexidas nun altiplano preparado cerca da aldea de Guizamonde. A finais de século fóiselle prestando atención ao espazo baleiro ao tempo que se foron edificando varios bloques grandes de casas, alleos o planeamento anterior, co que a poboación medrou considerablemente. En 2009 acondicionouse aquela explanada lateral dándolle o aspecto actual. É moi extenso e ten algunha cancha deportiva, pero, en xeral. as dotacións son mínimas. Ata, incluso, ten poucas árbores. A día de hoxe pouco máis é ca unha explanada erma. O que si que ten son unhas vistas preciosas sobre a cidade e os barrios de Canedo.
 
Parque de Quintela
Antes era “Praza de Quintela”. Chámanlle parque, seguramente, desde a remodelación que fixo o Concello no 2009. Era un campo comunal dos veciños desde sempre. Está repartido en catro zonas: descanso, xogos, deporte e lavadoiro.
Anda polos 1.500 m2 e localízase na estrada de Castro de Beiro
 
Parque do Pino
Espazo, pegado á vía do tren, por onde pasaba antes a estrada de Vigo e que quedou en desuso ao facer a actual variante. É coma unha illa entre vías e estradas. A beirarrúa ten moito tránsito de xente, pero o parque –dado que alí non hai casas- apenas se ten visitantes.
Preparado no ano 1980.
Ten unha zona de aparellos, infantís e de adultos, unha pradería e, ao fondo, unha elevación artificial con escaleiras e muros. Na cima, un acolledor e sombrizo recuncho. Esas paredes, no seu primeiro momento, eran unhas fervenzas artificiais escalonadas; agora son unha especie de socalcos sen sentido.
 
Parque do Centro Cívico da Ponte
O Centro Cívico está na rúa Euloxio Gómez Franqueira, 45 e no seu derredor, ata –por abaixo- a estrada N-120, está este espazo con varias zonas verdes e cancha deportiva. Nun extremo arranca a pasarela peonil que comunica coa estación de Autobuses.
 
Parque "Mirador do Peco"
Situado ao final da Urbanización de San Rosendo, concretamente todo ó longo da rúa Xosé Luís López Cid, montando sobre a estrada N-120 que queda a un nivel bastante máis baixo. (Isto antes estaba ao lado do barrio de Quintián e era unha finca a cuxo dono se lle coñecía como O Peco.)
Son uns 9000 m2 e foi construído sobre terreos “cedidos” polos promotores da urbanización. Inaugurado no 2006.
Ten unha cancha deportiva (baloncesto), zona de xogo infantil, camiños e verde. (Cando o inauguraron habilitaron, segundo se dixo, unha zona para cans e gatos, feito que hoxe está totalmente esquecido.)
 
Xardíns de Antón Failde
E o retallo que queda (xunto co entorno máis próximo da capela) do outrora extenso Campo dos Remedios, delimitado pola rúa Pardo de Cela que comunica o Progreso co Couto. Pouco máis de 3.300 m2.
Destaca nel un mural pétreo de 8 x 3 m, traballado en baixorrelevo por Antón Faílde e que representa escenas campesiñas. Trátase dunha obra que realizou en 1962 para a Feira do Campo de Madrid, onde estaba permanente, pero que trouxeron para Ourense ao ser a feira pechada. Instalouse neste lugar en 1988.
(Antón Failde ten tamén unha rúa no barrio das Lagoas. Non confundir os dous enderezos.)
 
Parque do Couto
Parque moi elemental, constrinxido pola Av. Ribeira Sacra, dúas das súas rotondas e 3 dos seus accesos. Entre as Pontes do Milenio e a Novísima.
Ten unha pista circular e unha grande cantidade de bancos.
8.000 y pico de metros cadrados. De 1982.
 
Parque das Aventuras
A continuación do do Couto, separado por unha rotonda e a ponte Novísima. Lindeiro coa rúa Bispo Lourenzo. Para o resto da cidade pasa un tanto desapercibido.
Parque sen grandes pretensións. Ten o equipamento mínimo imprescindible para ser considerado parque. O nome que ten non se sabe a que vén.
 
Parque do Porto Vello
Por debaixo do barrio das Lagoas, na ladeira que cae cara o Miño. Entre a Avenida Ribeira Sacra e a rúa Pablo Iglesias. É o entorno da pequena e fermosa capela rústica dedicada á Virxe do Porto Vello.
A capela, mostra de arquitectura popular, data do s. XIV con reformas do XVII como é a colocación do escudo da fachada. A súa fundación fora motivada porque alí operaba un dos portos fluviais que en tempos idos facilitaban o cruce do río en barca.
O seu entorno estaba abandonado e no 2010 o Concello preparouno con camiños, pasarelas, iluminación, trebellos de deporte, varandas, etc.
Ocupa uns 16.000 m2.
 
Xardín As Lagoas
Foi inaugurado con este nome e como Parque Medioambiental no ano 2011, froito da colaboración do Concello de Ourense coa Universidade de Vigo, co afán de integrar o Campus universitario na cidade.
Ten cerca de 50.000 m2 con varios edificios universitarios por alí espallados.
 
Parques Canle e Carrileiros
Parques A Canle e Carrileiros Ambos na rúa da Canle, ao pasar o Auditorio. Barrio da Cruz Alta.
Na parte máis alta está o Parque A Canle. Ocupa 3.200 metros cadrados e está construído sobre uns depósitos de auga (ocultos con muros e escaleiras) do subministro da cidade. É do ano 2009. Basicamente é un parque infantil bastante completo e mais unha zona de asentos, outra que suple un xardín cunhas xardineiras metálicas sobrepostas e tramos de céspede e arbustos.
Xusto ao lado, independente, está o Parque Ferroviario dos Carrileiros, un recinto municipal xestionado pola Asociación “Carrileiros & Foula”, con moito atractivo para os rapaces. É un circuíto ferroviario, con trens incluídos, a escala reducida. Inaugurado no 2003 e ampliado no 2011. Actualmente ten máis de 4000 metros cadrados. Forma parte do Complexo cultural de San Francisco.
 
Praza da Lexión
É a praza do populoso barrio da Carballeira, na zona de Marcelo Macías. Zona infantil, de ximnasia, parterres, bancos e un pequeno estanque. Todo ao derredor, sen separación ningunha, é un aparcadoiro de coches. Separado por unha rúa hai unha gran cancha deportiva.
 
Parque de San Francisco
Está construído sobre a Estación ferroviaria de San Francisco, concretamente por riba do túnel que desemboca nesa estación. Por un lado ten a rúa Serra Martiñá e polo outro a Serra de Queixa. Distínguense 3 niveis presentando no inferior os xogos de nenos así como dous grupos escultóricos de Antón Failde. Estes grupos (“O afiador” e “O paraugueiro”) estiveran na plataforma da estación do tren, pero a vandalismo deixaraos en moi mal estado. No 2007 foron restaurados e colocados neste lugar.
 
Parque Avila
No barrio do Novo Barrocás, entre as rúas José Gil e Carlos Velo, a uns 120 m do Parque Angelita Paradela. Ten unha parte chaira, onde están os xogos para nenos, e outra ladeira con pradería e camiños pavimentados.
(Ver o Parque Angelita Paradela, no Cap. II)
 




V - Outras entradas desta web relacionadas co tema



Logo, para volver, cerra a pestana [x] no navegador