É sabido que este veterano apelativo, "A cidade das Burgas", é usado para se referir á cidade de Ourense. Na súa intención están presentes as burgas do casco urbano histórico, máis antigas ca propia cidade e, probablemente, unha das motivacións da súa formación. Sen embargo os cidadáns máis avisados saben que o concepto podería ter un ámbito espacial máis grande e referirse a gran parte do Concello. Podería abarcar non só ese complexo urbano senón tamén outros mananciais, ubicados á beira do Miño, no antigo Concello de Canedo, e que tamén, desde sempre recibiron o nome de Burgas:
As Burgas das Caldas,
A Burga do Muíño e
As Burgas de Canedo.
Lamentablemente algunhas autoridades locais, créndose descubridoras ou inventoras destes fenómenos da natureza, tomáronse a libertade de cambiar os nomes de forma arbitraria, faltando ó respecto científico que na Toponimia se debe ter polas formas populares e tradicionais e facendo oidos xordos ós veciños que no seu día lles advirtiron do error. (Isto é independente e non tén nada que ver co debate do que falabamos no tema anterior. Sexa nome común ou nome propio é, en tódolos casos, a palabra tradicional usada polo pobo.)
O caso máis desabrido é o do histórico nome de “Burgas das Caldas” substituido polo máis “mercadotécnico” de “Termas da Chabasqueira”. O primeiro termo, ‘Termas’, inda sendo gramaticalmente aceptable resulta totalmente extrano ó noso sentir e o segundo, Chabasqueira, é incorrecto. A Chabasqueira é un núcleo urbán (hoxe parcialmente desaparecido para deixar paso ós accesos á ponte Novísima), moi posterior no tempo á constancia das Burgas e que, efectivamente, é o núcleo máis próximo ó manancial, pero que é un sitio distinto. Onde está o manancial é unha zona, ata hai pouco deshabitada, que tén nome de seu. É a zona das Caldas, chamada así históricamente pola cantidade de xurdencias de auga quente que hai en toda ela. Nas Caldas segue hoxe o cemiterio así chamado e nas Caldas estivo ata o ano 1920 unha igrexa románica denominada, precisamente, de Santiago das Caldas. Tal nome facíase extensible á Parroquia dependente dese templo. Este foi substituido por outro novo, construído algo afastado dalí –concretamente na Ponte-, o cal conservou a mesma denominación a pesar de que xa non estaba nas Caldas.
Tamén ás “Burgas de Canedo” queren chamarlle “de Outariz”, sendo Outariz un pequeno casarío monte arriba que non ten nada que ver con esas burgas. Outariz está ó outro lado da vía do tren, dos dous accesos da autovía e da estrada nacional. En realidade as Burgas de Canedo están máis na zona de As Chairas inda que o nome polo que sempre se coñeceu o lugar foi a das tales Burgas.
Se fósemos desconfiados ou suspicaces teríamos que pensar que hai xente no centro da cidade que pensa que a palabra “burga” é propiedade deles e que fan todo o que poden para erradicar tal denominación de todas as outras localizacións.