Entre os veciños de "sempre" (do "meu sempre", quero dicir) de Ponte Canedo atópanse os Fernández Sobrino (Manolo e Paco) e os Ruiz Sobrino, todos eles netos maternos do primeiro Sobrino que vivíu por estas terras, onde xa van pola quinta xeración.


Siglo XIX. Benito Sobrino Moretón e Eleuteria Álvarez, ambos solteiros, eran naturais e veciños de Tiedra (Provincia de Valladolid). Benito, na década dos oitenta, vense a Ourense, a traballar nun almacén, recentemente aberto, dun Tabarés. Ó pouco tempo ven tamén a familia de Eleuteria e ámbos mozos formalizan unha relación que xa tivera algún trato alá en Tiedra. Casaron e independizáronse montando unha tenda fronte á Praza de Abastos. (Unha tenda, daquelas, era, por antonomasia, o nome das tendas de ultramarinos, de venda de comestibles polo miúdo. Os almacéns eran os que facían as vendas por xunto.)

Sería polos coñecementos innatos de "marketing" do Sr. Benito ou polo que fose, o caso é que o negocio foi medrando e ó pouco tempo era a tenda que máis vendía, non só de Canedo senón incluso de Ourense.

Foron uns anos de prosperidade nos que tiveron 5 fillos: Josefa, Francisco, Rosita, Magdalena e Serafina. Pero, á volta duns anos, chegou a desgracia: A gripe do ano 16 levouse ó fillo Francisco de 18 anos e en 12 días, probablemente de pena, morrerían tamén os pais, Benito e Eleuteria.

O negocio, pouco e pouco, comezou a devecer. Fixérase cargo del o marido de Josefa, a filla máis vella, pero o home tiña pouca idea de negocios. En cambio era moi rezador, tanto que cando ía á Adoración Nocturna logo polo día quedábase durmido. A xente púxolle un alcume: "O Medallas". Na web da Parroquia pódese ler que en 1933 a familia de Xosefa Sobrino doou á igrexa (inaugurada en 1920) o retábulo da Milagrosa e o Santo Cristo (obra dos irmáns Núñez).

O negocio veuse abaixo e repartiron o que poideron entre os irmáns, pero a irmá máis nova, Serafina, coñeceu a Manuel Fernández Salgado, outro home emprendedor e de "instinto" comercial, e casou con el. Este novo matrimonio colleu o relevo do negocio establecéndose fronte da Igrexa. Volveron os tempos bós.

Máis tarde nese local estableceríase a Funeraria "La Gloria" e Manuel e Serafina mudaríanse ó baixo dunha casa nova, feita por eles cen metros máis arriba. Foron os pais dos nosos amigos Manolo e Paco Fernández Sobrino.

Un dato anecdótico: O nome de "Medallas", aplicado ó marido de Xosefa, continuaría coma un sambenito familiar e a tenda de Manolo e Serafina, sen comelo nin bebelo, seguiría sendo para moita xente (seguramente sen saber por qué) a tenda do Medallas.

Foto de familia case ó completo. Inda non nacera Serafina, a filla máis nova.