Esta foto corresponde a unha excursión de Acción Católica na que se pode ver a D. Germán e a un noviño D. Miguel Araujo, futuro bispo de Mondoñedo e daquela coadxutor da parroquia das Caldas.

D. Germán Fernández Román foi o "señor abade" anterior a D. Xesús. Foino desde 1919 ata 1949, ano no que se xubilou. Nese mesmo ano veu D. Jesús, primeiro como ecónomo e logo, no 56, como párroco. D. Germán vivía, igual que fixeran secularmente todos os seus antecesores, na Casa Rectoral que estaba entre o cemiterio (primitivo solar da igrexa histórica, románica) e A Chavasqueira. Hoxe, por mor da estrada de Vigo e a ponte do Ribeiriño está todo cambiado, pero, hai anos, do cemiterio partía unha rampa cara ó leste que subía ata a Casa Rectoral e logo, torcendo á esquerda, unha ponte (sobre a vía "vella") cruzaba camiño de Quintián.

Cando veu D. Xesús non habitou nesa Rectoral. Se en tempos fora o centro da Parroquia agora, no "moderno" 1946, quedaba marxinada. D. Xesús veuse a vivir á rúa do Rincón ata que construíu a actual Casa Parroquial na avenida das Caldas, inaugurada en 1960.

De D. Germán, eu, que era un raparigo, gardo o recordo, agora grato, dun feito que entón me resultaba chocante: dicía a Misa en latín (como era natural) e no púlpito predicaba en castelán, pero de portas afora falaba coa xente en galego. Supoño que era o seu idioma natural e que el era un home sen complexos.