A foto está deteriorada polo paso do tempo, pero paga a pena.


Estación de Ourense, en Ponte Canedo. Tempos da incivil guerra civil.

Ese día, coma outros moitos, Ourense agardaba por un tren que viña do "frente" portando feridos. Uns irían para as súas casas e outros a diversos hospitais.

O xentío que ocupa a estación está formado por familiares, xentes afíns ó réxime, solidarios (de corazón ou de apariencia) e curiosos.

A foto foi tomada polo pontino D. Andrés Rodríguez Valeiras, posiblemente o primeiro fotógrafo (inda que non profesional) de Ponte Canedo. Un auténtico pioneiro.
Cando a guerra de Africa, Andrés con 18 ou 19 anos estivo alí co Rexemento Zamora e dende alí mandaba fotos á revista "Vida Gallega".
En Ponte Canedo estableceuse como industrial, fundando, entre outras, unha fábrica de caramelos e unha confitería (Arva) que aínda segue, regalándonos o paladar cos seus sabores, rexentada polas súas fillas.
A súa gran afección foi a fotografía. Nesta páxina hai outras varias feitas por el nun tempo en que eran contadas as persoas que tivesen cámara e, moitas menos, as que tivesen laboratorio e soubesen revelar aquelas placas de cristal que entón se usaban. (Quizais ninguén en todo Ourense, quitado dos profesionais.)