D. José Antonio Moretón

A finais do século XIX (despois de inaugurado o ferrocarril a Monforte e Castela) produciuse unha inmigración de comerciantes casteláns a Ourense, máis concretamente, ó barrio da Ponte do Concello de Canedo. De entre os varios lugares de orixe destaca a vila de Tiedra (provincia de Valladolid). De alí proceden familias como Tabarés, Sobrino, Ruiz... De alí era, tamén, D. José Antonio Moretón Alonso e os seus irmáns, veciños nosos do pasado século XX.

D. José Antonio estableceuse na Ponte cun almacén de aves e ovos e construíu unha casa adicada a vivenda e negocio (como era habitual na época) xusto ó lado da igrexa das Caldas. Quedou solteiro e aparte do seu negocio prestaba tempo e atención a asuntos públicos para o benestar dos veciños e para a mellora do barrio. Anexionado o Concello ó da capital foi concelleiro e continuou coas súas inquedanzas. Atención especial lle dedicou ó barrio do Rincón que baixo a súa protección tivo un desenrolo urbanístico eloxiable. Como recoñecemento ó seu labor o Concello determinou darlle o seu nome á esa rúa, a do Rincón.

Despois diso volvería ser concelleiro en varias lexislaturas.

A foto (Foto Gómez), de 1947, recolle a cerimonia do descubrimento da placa do seu nome. Vense aí a D. Eduardo Valencia, alcalde naquel momento; a D. Xermán, párroco das Caldas; a D. Miguel Araujo (futuro Bispo de Mondoñedo) daquela recén ordenado e coadxutor da parroquia e a diversos concelleiros e veciños, varios recoñecibles para os pontinos de certa idade. É pena que na foto nos apareza o homenaxeado, pero é de supoñer que haxa máis fotos dese día na que si estea. ¿Quen as poderá ter?

A foto anterior, do outro día, e a que segue, de hoxe, correspóndense co mesmo lugar. Só están separadas por 67 anos.
       

Representación do Concello nunha procesión do Santiago. 2º pola esquerda (sen contar ó garda, claro). O primeiro era o meu pai.

Arrededor de 1956. Corporación Municipal baixo a presidencia do Alcalde Domingo Saavedra. Moretón Alonso é o segundo pola esquerda.