A modo de resumo
De onde procede o nome?
Probablemente dunha azarosa evolución de Rovoyra Sacrata (Reboreda Sagrada), nome da localización no século XII dun mosteiro en terras de Montederramo. Este é un nome no que a realidade puido máis ca etimoloxía.
Cal é o territorio da Ribeira Sacra?
- Primeiro foron as ribeiras do río Sil, no percorrido correspondente ao seu canón e algo máis.
- Despois foi incluído no termo tamén o canón do Miño.
- Logo os viñateiros déronlle ese nome ás colleitas de certas zonas achegadas a eses ríos.
- Máis tarde os políticos e os promotores turísticos denominaron dese xeito a unha moi ampla e excedente zona máis ou menos próxima á inicial.
- Agora preténdese retornar ao concepto da segunda fase, e dicir, aproximadamente o que son os canóns do Sil e do Miño.
Aos que temos xa uns cantos anos, aínda isto último nos pode parecer excesivo (por incluíren a zona do Miño), pero podemos aceptalo alegando, como diría Martínez Sueiro (ver o Cap. 3), que... non é, pero merece selo.
No mapa (interactivo) que ofrecemos pódense visionar (xuntas ou por separado) as extensións das distintas concepcións do territorio. A 1ª capa é unha estimación subxectiva. As outras catro son totalmente obxectivas, consonte os regulamentos pertinentes.