ARQUIVADOR    


Conversas...
No ano 2004 escribín un ensaio (que está rexistrado, pero non publicado) titulado “CONVERSAS LAICAS Ó REDOR DA BIBLIA”. Está dividido en dúas partes. Na segunda fago uns comentarios ós libros do Antigo Testamento dende o punto de vista puramente humano e literario, e decir, evitando as conotacións relixiosas. Na primeira parte abordo diversos e variados temas, distintos entre si, pero que, dalgún xeito, teñen algunha relación ca Biblia ou que, sendo alleos e anteriores a ela, interesa coñecer para entendela mellor.
Publicalo aquí sería demasiado longo. O que vou facer e “colgar” periodicamente distintas escolmas parciais, incluso nunha orde distinta a do libro.



ESCOLMA 1

... ... ...
Os comezos da civilización.- Aparte de civilizacións menores (logo desaparecidas ou absorbidas polas grandes) a Civilización humana deu os seus primeiros pasos en tres lugares distintos asociados a grandes ríos: Mesopotamia (Tigris e Éufrates), Exipto (Nilo) e A India (Indo). A clave do comezo estivo no paso dunha agricultura de supervivencia a unha agricultura excedentaria. Unha economía deste tipo permite ter produto para trocar por outras cousas e elimina a necesidade de que todos, á unha, se afanen no cultivo da terra. Con iso moita xente pódese dedicar a outros mesteres e especializarse noutros traballos (artesanías varias, comercio interior e exterior, etc.). Tamén impón construír asentamentos fixos, organiza-la sociedade e, necesariamente, ter unha autoridade coordinadora.

As condicións previas e necesarias eran, por un lado, ter unha terra excepcionalmente fértil. Unha terra vizosa e agradecida que atrouxese máis xente, permitise que esta vivise mellor e que aumentase a poboación. E, por outro lado, o desenrolo mental preciso para decatarse da situación e saber sacarlle proveito á colaboración social. Ambas cousas dábanse nas zonas mencionadas cando tiñan a súa vida neolítica adiantada. A partir de aí os procesos serían imparables. Deixaremos o caso da India (allea ó noso traballo) e diremos algo sobre a progresión dos outros dous movementos.

... ... ...
Ríos fecundantes.- Exipto e Mesopotamia parten dun mesmo feito natural. Un caudaloso río que descorre por unha enorme chaira, facilitando os canles de rego, e que, ademais e sobre todo, ten unhas enormes crecidas que asolagan temporalmente as terras aportándolles materia fertilizante. Hai unha diferenza: mentres as cheas do Nilo son regulares (cara o 15 de Agosto) e en boa época (despois da colleita e antes da sementeira) as do Éufrates son imprevisibles e tumultuosas. En Exipto o deus das crecidas, Hâpî, era unha divindade benéfica. En Mesopotamia, Nin-Girsu e Tiamât, que mandaban no caos das augas, eran seres maléficos.

As crecidas de Mesopotamia dependen do clima de Asia Menor e dos seus desxeos. O trombón das augas ven de súpeto, sen aviso nin data fixa, pero case sempre cando as plantas están medrando. Cumpría tomar medidas e para elo tiveron que facer encoros, muros de contención e canles de desaugue. Iso aparte dos canles específicos, principais e secundarios, para a rega dos períodos normais. Todo a maiores dos labores normais da agricultura. Un traballo de colosos, que esixía moito esforzo e colaboración. Podería parecer incrible, pero eles fixérono. Alá polo 4º milenio a.C. (Nalgún momento entre os anos 4.000 e 3.000 a.C.)

As augas destes ríos e os limos desas augas abonaron o proceso de progreso nas dúas rexións. En Exipto nunha franxa (moi longa e estreita regada polo Nilo) no medio do deserto. A súa civilización quedou constrinxida a esa área e só, moi tardiamente, se permitiu aventuras imperiais fora dese territorio. En Sumer a nova vida estendeuse case simultaneamente a toda a Mesopotamia e logo, xa máis devagar, ó resto do Crecente Fértil, e algo máis tarde (como consecuencia do cada vez máis activo comercio) as illas e ribeiras do Mediterráneo e de aí, pouco a pouco, ó resto de países.

Dúas civilizacións distintas.- A pesar de comezos tan similares as dúas civilizacións tiveron un desenrolo distinto. A máis coñecida é a exipcia. Co gallo da espectacularidade dos monumentos faraónicos (pirámides, esfinxe, templos) e o misterio dos seus interiores foi de sempre admirada e estudada. En cambio Sumer non se "descubriu" ata mediados do século XIX en que se fixeron as primeiras escavacións. A pesar das aparencias, a civilización exipcia non tivo maior transcendencia para nós. (Independentemente de que puidese ter achegas concretas.) En parte porque (coma se fose una civilización autista, quizais pola situación xeográfica) viviu practicamente de costas ó resto do mundo e, en parte, por ser unha civilización intrinsecamente distinta. A civilización sumeria, en troques, foi o noso precedente, inda que non se soubese ata o antedito século XIX.

Unha civilización chega á súa maioría de idade cando usa unha escritura. (Máis que nada porque é aí cando pasa da Pre-historia a Historia.) Os precedentes pictográficos da escritura datan no caso sumerio do 3.500 a.C. e no exipcio do 3.000. Inda que non se poida asegurar nada, pois todo coñecemento depende dos achados, parece fora de toda dúbida que a primeira escritura foi a sumeria e que os exipcios (e outros pobos) o que fixeron foi copiarlles a ídea para producir un sistema propio. O pictográfico sumerio derivou na escritura cuneiforme e o exipcio no sistema xeroglífico. O primeiro foi pasando por varias fases (seculares) e adaptándose a distintas linguas (xa fóra de alí) ata que coa incorporación do alfabeto consonántico ideado polos fenicios (outro pobo semítico do Crecente Fértil) e, despois, co engadido das vogais dos gregos, sentou as bases da nosa escritura actual. O xeroglífico, con algunha reforma, máis que nada caligráfica, inda durou ata o 1.500 da nosa era, pero a súa repercusión fóra foi mínima. Nun principio, Sumer estaba dividida en cidades-estado, sendo cada una delas propiedade dun deus determinado, representado na terra por un "rei" humano. Así, por exemplo, Ur pertencía a Nannar, deus da lúa; Uruk, a Anu, deus do ceo, etc. En Exipto (unificados, moi cedo, dous reinos, o do Norte e o do Sur.) pertencía todo ó Faraón, que era un deus en si mesmo. Era un país de vilas e aldeas. Non había cidades, quitado das sucesivas capitais que os faraóns foron fundando, que non eran para asentar cidadáns, senón para a súa maior gloria e deleite.

O panteón ("o equipo de deuses") sumerio era innumerable (a miles) con Anu, o señor do ceo, á cabeza; seguido de Enlil, o deus-aire, o "executivo"; Utu, o sol; Nannar, a lúa; etc. Reuníanse en asemblea e tomaban os seus acordos. En tempos decidiran repartirse a terra e, en cada cidade, cada un elixiu seu representante. En cada unha desas cidades tiñan o temenos (Zona Sagrada), onde estaba edificado o cigurat ("monte do ceo"), e dicir, a casa do deus. O cigurat era unha enorme torre de máis de 20 metros de altura que dominaba a cidade e o chan. Calquera labrego traballando no campo, ao ergue-la súa vista de cara á cidade tería a sensación de que o deus o estaba observando. Para que parecese realmente un monte ata tiña árbores e vexetación na terraza superior. (Vese que os uruk, portadores desas crenzas, proviñan dalgún país montañoso cuxas cimas eran sagradas. O establecérense na gran chaira mesopotámica, a falta de montes, non dubidaron en “facelos”.) En cada cidade, á parte desta residencia do deus-propietario había templos dos outros deuses. As cidades-estado eran independentes, pero os cidadáns de todas elas compartían as mesmas crenzas. Cando a situación política evolucionaba, os sacerdotes ían explicando os cambios, parellos cos da terra, que se producían na asemblea dos deuses.

O sumerio era un pobo intrinsecamente transcendente e relixioso. Todo o que pasaba na terra, absolutamente todo, era atribuído ós deuses. O representante do deus, o rei, administraba as terras e podía cederllas (o que hoxe sería unha concesión administrativa) ós paisanos e así, estes, dispor delas, vender ese dereito ou legarllo ós fillos. Había distintos estamentos (labregos, artesáns -organizados en gremios oficiais- funcionarios, escribas, sacerdotes, comerciantes, transportistas, etc.) e, xa daquela, distintas clases sociais.

En Exipto so había dúas clases de xente: Os "funcionarios" e... os demais. No 1º grupo estaban os funcionarios propiamente ditos (os burócratas), os sacerdotes, os recadadores de impostos, os soldados e unha multitude de artesáns que, traballando só para as obras do Faraón, cobraban de el. Incluso o comercio exterior (barcos incluídos) eran monopolio do Faraón. A civilización exipcia nin sequera se debería de chamar así, senón civilización faraónica.

En suma, eran dous modelos de civilización distintos, pero mentres un deles (espectacular, iso si) se esgotou en si mesmo o outro prevaleceu ata nós. Gústenos ou non, as raíces da nosa civilización son sumerio-semitas.

O mel e as moscas.- Aqueles dous mundos rechamantes, illados no medio de barbarie, por forza se tiñan que converter nos panais do rico mel o que acoden as moscas. Exipto, pola súa situación xeográfica inda se foi mantendo (a pesar de episodios hostís como os dos hicsos, os libios, os pobos do mar e as loitas internas e as sucesións de Dinastías), pero Mesopotamia habería de pasar por tódalas vicisitudes e avatares que se poidan imaxinar. As invasións exteriores foron constantes. Inda así, era tal a diferenza de culturas entre os residentes e os invasores, que sempre estes acabarían asimilando o modo de vivir e pensar dos vencidos.

... ... ...
A sucesión de poderes (De Sumer a Babilonia).- En Mesopotamia a contradicción entre separatismo político e unidade económica e cultural forza a que algunhas cidades, ben por hexemonía, ben por predominio militar, tenten de impoñerse ás outras. Polo 2.600 a.C. os reis de Ur (ricos e con bo exército) son soberanos de todo Sumer.

En 2.385 a.C., Sargón I, o Grande, rei de Acad (na zona central) conquista toda a rexión e faise chamar "rei de Sumer e Acad", chegando o seu dominio ata o Mediterráneo. Polo norte chega á Alta Mesopotamia, terra dos asirios , pobo, daquela, moi atrasado con respecto deles.

Este rei tiña a súa lenda. Segundo esta era fillo dun nómade semita e dunha sacerdotisa do templo. Cando naceu, a súa nai abandonouno nunha canastra nas augas do Éufrates. Recollido por un xardineiro chegou a rei. Será casualidade pero é curioso as coincidencias que se dan co futuro Moisés. O neno Sargón, futuro rei dos acadios, é semita. Moisés, futuro dirixente dos hebreos, tamén. Sargón foi deixado no río pola súa nai, sacerdotisa. Moisés, pola súa irmá María, que sería máis tarde, tamén sacerdotisa. E ambos "renaceron" en canastras nas augas dun río importante.

Os acadios mantiveron a hexemonía política, pero asimilaron a cultura establecida que continuou sendo sumeria agás a lingua. Parece ser que o sumerio seguiu sendo a lingua oficial pero o acadio, pouco a pouco, foise impoñendo no uso popular. Pódese falar dunha cultura acadio-sumeria.

Despois de Sargón, e tras un intervalo de dominio estranxeiro (os guti), a cidade de Ur volveu prevalecer a partir do 2.100 a.C. Soe considerarse que nesa cidade, ó redor do 1.900, estaba establecida a tribo de Teraj, pai do mítico patriarca Abraham.

Novas invasións de elamitas e amorritas. Estes (amorritas ou amorreos), semitas procedentes de Siria, entran polo norte e chegan ata Babilonia, á que escollen como capital, asumindo gran parte da cultura acadio-sumeria. Logran converter á cidade nun gran centro comercial e político e instauran alí unha Dinastía propia, a Amurru , polo 1.830 a.C.

Hammurabi, 6º rei desa Dinastía, logo de derrotar ós elamitas en 1.783, unifica de novo toda a Mesopotamia e engádelle os territorios de Siria e Canaán. Igual que pasara con Sargón, o Crecente Fértil volve ser unha singularidade política.

Obra importante de Hammurabi foi o Código que leva o seu nome, recompilación de disposicións legais (500 anos antes da Lei de Moisés) válida para tan vasto territorio. Todo o país, baixo o nome de Babilonia, vive unha época de esplendor e cultura e Mesopotamia, como ocorrera séculos atrás, volve ostentar o liderado mundial da civilización.

----------------

(1) Os pictogramas inda non son escritura. Simbolizan cousas. Na escritura, propiamente dita, os símbolos representan sonidos.

(2) Con riscos en forma de cuñas. Escribían con punzóns en tabelas ou taboíñas de barro.

(3) Non confundir ós asirios, pobo afincado ó norte da Mesopotamia, cos sirios, elementos varios de Siria, no medio e medio do Crecente Fértil.

(4) "Amurru" é palabra acadia.

 


VOLVER A "ARQUIVADOR"