ARQUIVADOR    

www.canedo.eu
LEMBRANZA DUN PATRIARCA


 Heroes humanos.- A historia que vou lembrar é facilmente constatable lendo a Xénese e sei que non achego nada novo traéndoa aquí, pero resulta que non me resisto a facelo. Trátase, concretamente, da figura de Xacob, tal como a presenta a Biblia.
As historias “familiares” que se contaban naquela sociedade primitiva (fose, primeiro, nos campamentos, logo nas aldeas ou nas vilas) se se repetían e transmitían de xeración en xeración era porque lles agradaban. Porque, dalgún xeito, eles se identificaban ou se recoñecían naqueles patriarcas. Se aquilo que se contaba  non fose do seu agrado deixarían de facelo ou poñerían de protagonistas  a  xente allea,  non ós seus (supostos) familiares e devanceiros.
Logo pois, esta sinopse é un recordatorio que serve para resaltar :
1º.- Os patriarcas que nos describe a Biblia son seres moi humanos, cas súas debilidades e os seus defectos. Existiran fisicamente ou non, a súa figura tivo que ser real ou copiada de alguén real porque senón teríanos presentado como seres perfectos.
2º.- É un retrato do carácter daquelas xentes primitivas, dos propios “forxadores” dos relatos.  Se as actuacións de Xacob, un home con máis defectos ca virtudes (visto hoxe por nós) se seguiron contando e transmitindo (nos tempos da transmisión oral) é porque os transmisores se identificaban con ese heroe. De non ser así os relatos irían devecendo, deixando de contarse e desaparecendo.
  3º.- A existencia da narración –sen complexos- deses comportamentos (en lugar da critica ou da ocultación) dálle unha certa “verosimilitude” orixinaria ó conxunto.
 
Xacob era fillo de Isaac e neto de Abraham. Un “estupendo” elemento. Cando menos dende a mentalidade de hoxe. Situándonos naquel tempo, cando os valores morais e sociais inda estaban por facer, non se lle pode pedir moito. Estamos a falar de tempos remotos da humanidade. 1700 ou 1800  a.C.
El e Esaú eran irmáns xemelgos. E di o texto que antes de nacer xa se apuxaban no seo da súa nai. Logo, Esaú, cazador, sería o predilecto do pai mentres Xacob, máis caseiro, seríao da nai.
Por ser fillo segundo (o segundo en nacer) non lle correspondía o patriarcado, segundo os costumes, pero el soupo amañarse para conseguilo. Un día que Esaú chegaba esgotado do campo e viu ó seu irmán comendo nun guiso, pediulle del. Xacob, oportunista,  aproveitou para proporlle que lle vendese o dereito de primoxenitura con ese  guiso de pago. O esfameado aceptou. Xacob fíxolle xurar que non se voltaría atrás. Xurar era coma asinar un documento. E Xacob era un gran tratante ou negociante.
 Non quedou a cousa aí pois, máis tarde, cando Isaac, ancián, pensou  morrer, quixo dar a súa bendición a Esaú. Xacob, disfrazado e con mentiras, suplantou ó seu  irmán e recibiu a bendición paterna, que non lle correspondía. A bendición paterna era algo que eles consideraban transcendental. A causa de todo eso, Esaú, quería matar a Xacob e este tivo que fuxir, refuxiándose na tribo do seu tío Labán, irmán da súa nai.
  Alí, nada máis chegar,  namorouse da súa prima Raquel e pediulla a Labán. Este deulle palabra de que casaría “ca súa filla” se traballaba sete anos  para el, cousa que aceptou, pero, chegado o momento, a quen lle deu foi a Lía, irmá máis vella de Raquel. Obrando arteiramente  celebraron un banquete pola tarde e á noite entregoulle, tapada con veos, como era usual, á súa filla. E di o texto que Xacob non se decatou do engano ata a mañá. Foi protestar irado e Labán explícalle: “Non se leva no noso país dar a máis nova antes ca máis vella. Cumpre esta semana de vodas  e dareiche tamén á outra polo servizo que me prestarás aínda outros sete anos.”  Xacob aceptou e así foi.
Unha vez casado coas dúas, estas querían competir entre si por ver cal  lle daba máis fillos. Para iso, aparte das súas actuacións propias,  prestábanlle cada unha súa escrava, pois, ó ser estas, propiedades persoais, os fillos que pariran serían da súa ama. Deste xeito amañouse con catro mulleres chegando a ter doce fillos varóns e, cando menos que se sepa, unha femia. O chope foi así:
A primeira en parir foi Lia e Raquel, créndose  estéril, cedeulle a súa escrava, ca que tivo fillos. Ser esteril considerábase unha ignominia e calquer muller estaba disposta ó que fose por ter descendencia. Esta actitude apréciase en moitos relatos.
Lía, ó ver o que fixera a súa irmá, determinou facer outro tanto, tamén con resultado de fillos. Xacob non lle fixo ascos a ningunha. O máis importante –na súa mentalidade semíta- era ter fillos. Ó final Raquel tivo a Xosé e Benxamín, morrendo do parto deste último.
Cando pasaron os anos e Xacob se independizou do seu tío, inda que seguisen vivindo no mesmo espazo, trataba de enganalo co gando. En realidade as mañas usadas son do máis inxenuo, pero mostran a mala fe con que as facía.
Postos a mal, Xacob fuxe con toda a familia e pertenzas. Labán vai tras el. Cando se reunen, os dous se senten ofendidos e argumentan as súas queixas pretendendo ambos ter razón. Chegan a un acordo e fan un pacto chantando un marco na terra que ningún haberá de traspasar para o outro lado.
  Pasados vinte anos do seu problema con Esaú chegou a reconciliarse con el. A véspera do encontro pasou a noite loitando con “alguén” que non se sabe moi ben quen era nin por que loitaban, pero, ó final, ese personaxe mudoulle o nome (confirmado por Deus noutro pasaxe posterior) e díxolle que dende aquela se chamaría Israel. (Na mentalidade antiga o nome tiña moita importancia como elemento simbólico. O seu cambio implicaba un cambio tamén de idiosincrasia.)
 No encontro co seu irmán, humíldase diante súa e ambos se desfán en regalos e boas palabras. Acordan volverse xuntar no campamento de Esaú pero indo alá por separado, xa que a impedimenta de Xacob non lle deixa ir de presa. Pero este, cheo de medo, marcha en dirección contraria e déixao plantado.

Os fillos tamén eran uns humanos “interesantes”. Os textos non os xulgan (non o soen facer), pero contan algunhas cousas. Por exemplo, cómo Rubén, o primoxénito, se deitou con Bilhá, unha das concubinas do seu pai (escrava de Raquel e nai de dous dos seus irmáns.)
 Ou o episodio do rapto de Dina, irmá deles: Estando acampados fronte a cidade de Siquem, en territorio cananeo, un príncipe dos xivitas, moradores desa cidade, encaprichouse de Dina, raptouna e forzouna. Logo, prendido dela, quixo arranxa-lo feito e casar. Foi cando o seu pai falar con Xacob, pedíndolle a man de Dina e propóndolle un pacto de unidade. De resultas das negociacións  acordan unir ós dous pobos, intercambiando as mulleres e vivindo todos xuntos. Os de Xacob poñen como condición (escudados na relixión), que se tiñan que  circuncidar todos, o cal os outros aceptan. Pero cando tal fixeran, e inda estaban adoecidos, foron Simón e Leví, fillos de Xacob, e espada en man atacaron ós xivitas, mataron a todo varón que atoparon e saquearon a cidade. Polo que poidera pasar a familia tivo que marchar de alí.
Outra foi a que fixeron co seu irmán Xosé. Este, por ser fillo da vellez de Xacob e mais por ser o primeiro fillo tido de Raquel, o seu gran amor, era o preferido do pai. Por isto, e porque era máis espelido caos outros, tíñanlle unha gran envexa. Un día que tiveron a oportunidade, por atoparse a solas con el no campo, onde pacía o gando, aproveitaron para desfacerse del. Houbo distintas propostas pero, finalmente, a que se decidiu foi a de vendérenllo a uns mercadores que ían camiño de Exipto. Mentíronlle ó pai amosándolle a túnica de Xosé tinguida en sangue, como se algunha besta o devorara.
 Podemos recordar o caso de Xudá (fillo de Xacob e Lía), que tivo unha “aventura” ca súa nora Tamar,  inda que hai que dicir no descargo deles, que ambos actuaron de boa fe.  Por parte del, por non recoñecela, e por parte dela porque o único que pretendía era ter un fillo do sangue do seu home defunto. Cando este morrera, sen deixar descendencia, Xudá déralle por novo esposo, como era preceptivo, ó seu fillo segundo, Onán (1) ,-o que “derramaba a terra”-. Este tampouco lle deu descendencia e  tamén morreu. Quedaba un terceiro irmán, que inda era rapaz, pero que logo, ó medrar, non llo acababan de dar por home. Estando así as cousas  Tamar decidiu intentalo co sogro (que quedara viúvo). Disfrazada e enfeitada, encandeouno, non sen antes asegurarse unha prenda. Esta prenda, máis tarde, serviría de testemuño para demostrar a uns acusadores que ela non se ía con calquera, senón que o seu exclusivo obxectivo era conseguir un fillo do sangue do seu marido.   

(1) Do nome de Onán deriva a palabra ‘onanismo’, o cal non resulta atinado. O que Onán practicaba –segundo se deduce do texto- era o coitus interruptus.


VOLVER A "ARQUIVADOR"