● É evidente que unha presa non é unha ponte, pero, esta presa do encoro de Velle, podémola incluír aquí porque, aparte do seu cometido propio, facilita o tránsito -de persoas e vehículos- entre ambas beiras do río. Situada na parte NL do Concello de Ourense correspóndese coas parroquias de Cudeiro e Velle. Os lugares comunicados máis próximos son os de Oira e O Vinteún, por unha banda, e os de Velle e A Lonea pola outra.
Foi construída entre os anos 1963 e 1966. A central eléctrica está do lado de Velle. Entre Lugo e Ourense o Miño conta con outros dous embalses antes de este (Belesar e Os Peares). Despois de Ourense ten outros dous (Castrelo e Frieira).
● A ponte de Velle está 300 m. máis arriba e foi inaugurada en decembro de 1992 para unir as estradas de Santiago e de Monforte de Lemos ou, se se prefire, a N-525 (Santiago) coa N-120 (Logroño-Vigo). Fíxose coa pretensión de liberar o tráfico pesado do centro de Ourense. Conecta, igual ca no caso anterior, as parroquias rurais de Cudeiro e Velle, pero neste caso nunha cota moi superior (máis de 35 m. sobre o río).
É unha ponte de formigón, tipo pórtico, con 3 vans dos que o central ten 170 m. de longo. O taboleiro ten 380 m. de lonxitude por 12,8 m. de ancho, con 3 carrís de circulación e as dúas beirarrúas.
Pasarela de Oira
● Pasarela peonil, xunto á praia fluvial de Oira, inaugurada no 2011.
Con esta obra -costeada pola C. Hidrográfica Miño-Sil- completouse o paseo circular polas beiras do Miño acadando unha longura total do mesmo de 12,7 Km. É esta unha pasarela metálica tipo colgante de tirantes de aceiro anclados en dous mastros (mástiles) inclinados de cemento. Ten unha lonxitude de 110 metros entre eses mastros. A plataforma en forma de S resulta orixinal. ( Ver foto aquí ). Os tirantes están colocados polas partes interiores dos dous arcos do "S", 14 tirantes de cada lado. A plataforma, de 2,5 m. de ancho, está recuberta dunha madeira africana de gran durabilidade.
Para acceder, pola banda dereita hai escaleiras e rampla xa que aí existe bastante desnivel; en cambio pola parte esquerda a plataforma remata a rentes do camiño peonal.
III- Río Miño (Aforas - Augas abaixo)
Pasarela de Outariz.
● Se continuásemos río abaixo, desde a ponte Novísima que vimos no Apartado I, despois de 4,9 Km. chegaríamos a unha pasarela peonil, a das Pozas de Outariz.
Enlaza estas Termas, na beira dereita que é Concello de Ourense, coa explanada de aparcamento e a estrada OU-402, na beira esquerda, que é Concello de Barbadás. Así mesmo serve para completar o paseo circular do Miño cos seus 12,7 Kms.
Foi levantada no 2006 e financiada pola, daquela, Confederación Hidrográfica do Norte e o Concello de Ourense. Está formada por dous arcos metálicos duns 90 m. de luz dos que, a media altura, está pendurado o taboleiro. Este ten uns 200 m. de longo.
42.347, -7.91746
Viaduto de Outariz
● Uns 250 m. máis abaixo o río é cruzado por un alto viaducto. Trátase do acceso norte á autovía A-52, Autovía das Rías Baixas. Parte este acceso da N-120 (estrada de Vigo) -banda dereita do Miño- e enlaza coa citada autovía do outro lado do río, en terras de Barbadás.
En realidade trátase de dous longos viadutos emparellados en case todo o seu percorrido por riba do río, correspondentes ás entradas e saídas da cidade. Miden de longo, respetivamenre, 215,5 e 214,4 m. Os anchos son de 13,2 m. para dous carrís cada un. Ambos teñen tres vans e dous pilotes de formigón colocados á par dos do viaduto xemelgo.
● Logo, 7 Kms. río abaixo, volve ser cruzado por outro viaduto. Esta vez é o da Chamada Autovía Central de Galicia, a AG-53. Iníciase na beira esquerda do río, derivando da A-52 en terras de Toén, e cruza por riba do Miño e de Santa Cruz de Arrabaldo, cun curto recorrido por terras desta parroquia antes de pasar ás de Punxín e continuar camiño de Santiago.
Entrou en funcionamento no ano 2009.
Ten 400 m. de lonxitude, 25 m de ancho e 30 m. de alto.