IV - Río Barbaña (1º tramo)

Plano S. XV
CLIC AQUÍ PARA AGRANDAR

O río Barbaña é o berce inicial de Ourense. No seu val, concretamente no declive ou ladeira de Monte Alegre, iniciouse a andadura urbana desta cidade. Esta, co tempo, iríase extendendo ata chegar ó Miño e, incluso, ao xuntarse con Canedo, ese Miño pasaría a estar totalmente dentro do núcleo urbano, pero o río primixenio da cidade foi o Barbaña. Se ollamos un plano da cidade da Idade Media vemos que a praza Maior estaba a unha distancia de 300 m. do Barbaña e a 1 Km. do Miño, ambas en liña recta. E 1 Km., nos tempos nos que as cidades estaban confinadas dentro dunha cerca, era moita distancia.

O Barbaña nace no Monte Cubreiro, no concello de Paderne de Allariz. Atravesa Taboadela e San Cibrao das Viñas, entra en Ourense polo sur e continúa polo leste facendo de lindeiro con San Cibrao das Viñas ata cerca do Piñéiral. Ali o linde vira cara o oeste e o río xa se fai totalmente ourensán. Cerca do Polvorín -no lugar coñecido coma A Sila- recolle as augas do río dos Muíños e continúa unificado ata morrer no Miño onde completará un total de 22 Km. de recorrido.

Historicamente, en Ourense, tivo, alomenos, 4 pontes (Pedriña, Portocarreiro, dos Pelamios e Codesal) como se pode ver no mapa adxunto, do século XV. Destas pontes non queda ningunha orixinal, pero sí os seus recambios.

A partir de 1968 acometeuse a canalización do río e o acondicionamento de paseos en ambas ribeiras, hoxe rematado nunhas 3/4 partes do recorrido do río pola capital. Hai uns anos, antes destes arranxos, había unha serie de pontillóns, agora reconvertidos en pasarelas ou pontes. (Ver fotos antíguas aquí )

Desde que entra no Concello de Ourense, xa nas proximidades da cidade, hoxe pode salvarse por 26 pasos dos cales uns, baixos, serven para pasar dun lado a outro do paseo do que falamos e outros, máis altos, comunican diversas rúas do entramado urbano. Todas son pontes (termo xenérico) pero xeralmente, aínda que con excepcións, as do primeiro grupo soen ser pasarelas peonís e as do segundo, viaductos. Eses pasos (por orde de situación) son os seguintes:

(Convencións:
- Consideramos 1º tramo ao que acaba na unión dos dous ríos
- A numeración asignada é arbitraria e de uso exclusivo para este traballo
- Nos recadros brancos danse os valores de latitude e lonxitude do sistema decimal de coordenadas xeográficas.)


1 - Pontillón carreiro. No lugar de Porteiro de Abaixo (Seixalvo), nun camiño vello que parte da rúa Penouzos (na ribeira da dereita) e que pasado o pontillón, continúa pola esquerda do río en terras de San Cibrao. Está sobre o tramo de río que é límite con estoutro Concello.

Trátase dun precioso pontillón clásico, ancho, de 3 vans e piso de terra, testemuña da construción popular antiga. Está formado por 4 piares paralelepipedos chantados de pé con 4 grandes lousas cubrindoos por riba, todo de pedra. Esa plataforma mide, aproximadamente, 6 m. de longo por 2,60 m. de ancho. Eso quere dicir que era unha ponte carreira, propia dos carros. ( Ver foto aquí ). Os piares, pola parte de augas arriba, teñen os seus tallamares. A súa feitura fálanos da súa antigüidade. Está escondido, quero dicir, fóra dos viais hoxe usuais. (Afortunadamente.)

Augas arriba retén unha morea de troncos que arrastra a corrente e non poden pasar, sinal de que ninguén se ocupa do seu coidado.

A parte desta ponte había outra algo máis arriba conectando Seixalvo (lugar de Alvaredos) co Piñeiral. Unha destas dúas posiblemente fose o portarium (citado en documentación medieval) que existía na zona, no que había que pagar por pasar, e que sería a orixe do actual topónimo "Porteiro".
Desde esta ponte pódese ir a pé, por unha pista pola marxe esquerda, ata a ponte seguinte, a da Presa, onde comezan os paseos beirais do río.   

42.31114, -7.86242  




2 - Ponte da Presa. Esta rúa procede da Verea Real de Seixalvo e pasa ao Piñeiral (Camiño do Marco). É unha sinxela ponte de formigón tipo trabe con varandas metálicas. Os seus únicos apoios son os estribos. Plataforma asfaltada. Paso de vehículos.

Dous metros antes da ponte, polo dereita, desauga o regato de Zaín. Tendo en conta que unha das acepcións de "presa" é "Canle que conduce a auga desde o río ao lugar a que é destinada" é de supoñer que esa conducción do regato é a que lle da nome á rúa e á ponte. Pola contra, hai quen opina que o nome é debido a unha presa industrial que seica houbo augas abaixo.

A partir desta ponte hai paseo de terra por ambas beiras do río.

O nome de "Camiño do Marco" que ten a rúa do lado esquerdo induce a coidar se alí non estaría un marco divisorio de Ourense e San Cibrao. Busqueino, pero non vin nada diso.

    42.31321, -7.8626820  



3 - Pasarela de formigón. Pasarela a nivel das dúas beiras do paseo, sen que existan outras rúas transversas. Trátase dunha estrutura de cemento colocada a modo de trabe con apoios laterais. Estreita, para paso exclusivo de peóns. Está sobreelevada como 1 metro sobre o nivel do paseo. Para salvar esta altura dispón, a cada lado do río, dunha parella de ramplas, enfrontadas entre si e perpendiculares á plataforma. Complétase cunha varanda metálica en todo o seu perímetro. O curioso desta ponte é que está como replicada en outras 4 pasarelas máis ao longo do paseo. En total son 5 co mesmo deseño e medidas.

42.31449, -7.86278  









4 - Ponte Sevilla. Chamábase asi en referencia á próxima Finca Sevilla, pero agora é mais ben unha amplia explanada que deixa a esa ponte acochada por debaixo. Era (e supoño que anque oculta seguirá sendo) a clásica ponte carreteira de pedra cun arco de medio punto que formaba parte de estrada OU-0517 que chega de inmediato ao Piñeiral e logo continúa a San Cibrao das Viñas e á Merca, onde enlaza coa OU-540.
No 2010 o Concello aprobou un PERI para a Finca Sevilla en cuia contorna se atopan dotacións públicas coma o Pazo de Deportes Paco Paz, o Instituto Ferro Couselo, Expourense ou a asociación Aixiña. Preveíase tamén un enlace a unha futura Ronda Bulevar (que segue sendo futura) e a un acondicionamento da Vía da Plata, así como unha ordenación en xeral das posibles edificacións

O resultado, de momento, é, coma dixemos, unha enorme explanada de cemento facilitando un acceso cómodo aos equipamentos mencionados así como aparcamentos. ( Ver foto aquí ). A estrada facía unhas curvas e o río pasaba perpendicular a ela; agora é unha recta e o río circula en diagonal, aínda que non se vexa. Máis ca ponte o que hai é un tunel. O doble paseo peonal que viña pola beira do río queda interrompido e se se quere continuar hai que subir ao nivel desa explanada-plataforma para volver a baixar a outro tramo do paseo.

    42.31659, -7.86272    

5 e 6 - Outras dúas pasarelas de formigón iguais á marcada co número 3. Non teñen conexións con outros vías. Serven para pasar dun lado ao outro do paseo.     42.318788, -7.863250      42.321338, -7.864252  


7 - Ponte da rúa Eduardo Pondal. Esta rúa de Mariñamansa enlaza, pasada a ponte, coa rúa Ermida. É unha ponte do nivel superior (o inferior é o dos paseos). Indo polo paseo esquerdo hai unas escaleiras metálicas para acceder a ese nivel superior. A estrutura da ponte divídese en duas partes: a esquerda, sobre o paseo, está formada por un arco de medio punto de formigón e o resto, á dereita, é unha ponte tamén de formigón tipo trabe. Varandas metálicas. A plataforma superior é de circulación rodada, pero algo estreita. ( Ver foto aquí ).

    42.323080, -7.864345  




8 - Pasarela de formigón entre os dous paseos. Igual ás anteriores.    42.32359, -7.86451



9 - Ponte da Avenida do Regato. Nivel alto: enlaza a Av. do Regato (que vén desde a rotonda de Nª. Sra. da Sainza) coa rúa de Xoán Manuel Pintos na beira esquerda do río.

Todo formigón, salvo as varandas de metal. Ten 4 carrís de circulación, 2 de aparcamento e beirarrúas. A plataforma faise extensiva a unha gran explanada nesa beira esquerda. Por eso por debaixo vese unha enorme cubrición. ( Ver foto aquí ).

Tamén pola parte inferior, incluso a un nivel máis baixo que o paseo da dereita, desemboca o regato que lle da nome á avenida superior. O nome deste regato é unha redundancia, "Regato de Regueiro Fozado", e vén soterrado nesa avenida desde a rotonda anteriormente citada, a da Av. Zamora con Nª. Sra. da Sainza. (Ese regato tamén recibe os nomes de "do Cano", "de Mariñamansa ou "de Rairo".)

    42.32431, -7.86456  





Vista desde augas abaixo. Ao fondo albíscase a ponte do Regato.

10 - Pontillón híbrido. Non é que se chame así senón que o cualifico eu dese xeito pola mistura de elementos que o forman. Trátase dunha ponte ancha, a nivel dos paseos e de 4 vans, pero que ten a particularidade de que, pola parte de augas abaixo, conserva os pés dun pontillón anterior. Sobre eles xa non están as clásicas lousas de pedra senón unha placa de formigón o doble de ancha. Visto desde augas arriba os piares vense coma retranqueados porque só se corresponden coa metade da plataforma.
Ten varandas metálicas.
Outro detalle é que os pés ou piares, tendo a forma e distribución dos antigos, son de perpiaño o cal (os expertos dirán) quizais nos falen dunha antigüidade relativa.

    42.32461, -7.8645036  





11 - Outra pasarela de formigón entre os dous paseos. Igual ás anteriores.    42.32587, -7.866046






12 - Ponte de Manuel Murguía. Ponte do nivel alto que comunica a rotonda da rúa Manuel Murguía cunha zona rural, polo sur do Polvorín, que se está agora mesmo empezando a urbanizar. Se o PXOM o permite estas partes da cidade -Os Ponxos, As Laxas- teñen moito potencial. A 300 m. da ponte está a praza do Cruceiro do Polvorín.

A ponte é das máis novas de Ourense -do ano 2010- e está presidida por unha escultura -Maio tradicional- de Acisclo Manzano. ( Ver foto aquí ). A súa silueta da impresión de robustez e consistencia. Ten unha enorme armadura de ferro (que hai que ollar desde abaixo), coa forma de dous arcos lixeiramente rebaixados, sustentada nos dous estribos e mais nunha pilastra central, todo isto de formigón. A plataforma, tamén de formigón, está encaixada na mencionada armadura. A súa longura é de 56 m. e o ancho está repartido en dúas beirarrúas e catro carrís de circulación. Por debaixo ten dous vans: un maior á dereita -para paso do río e do paseo dese lado- e pola esquerda outro menor para o outro paseo. Unha parte do seu orzamento foi achegado pola iniciativa privada como contraprestación a permisos de urbanización.     42.32775, -7.86527  


13 - Nova Ponte Codesal. Máis ben habería que dicir "Substituta da Ponte Codesal" xa que obra orixinal (ponte de sillería de granito, de dous arcos pareados de medio punto e construída no século XV ou XVI) foi trasladada á Cabeanca en 1984, sobre o regato do Porto. Por ela pasaba o camiño antigo de Celanova (trazado sobre a vía romana Bracara-Lucus). Consérvase o nome na rúa que vén desde a zona do Posío (Rúa de Ponte Codesal) e que emboca na ponte polo norte. A continuación, pasada esa ponte, xa é a Rúa do Polvorín.

A ponte actual é a típica ponte de trabe de formigón con 15 m. de longo.

    42.33, -7.86767  










14 - Ponte de Marcelo Macías. A rúa Marcelo Macías é un vial de saída da cidade. É unha rúa recta, longa e bastante estreita para o seu cometido. Nace na zona do Posío e continúa en dirección oeste uns 1300 m. ata atopar o linde do Concello con Barbadás. É a estrada de Celanova (OU-540) ademais de ter enlaces coa estrada de Vigo e Madrid (as dúas direccións) e coa autovía A-52. A pouco de comezar o seu percorrido encóntrase coa valgada do río Barbaña, salvada con esta ponte.

Ata hai uns anos era unha ponte pequena, curta e estreita (tiña un ancho para o tráfico de 3,95 metros) que, ademais, debido a estar nun plano moi baixo, estaba precedida en ambas entradas por unhas pronunciadas pendentes. A de agora, construída no ano 1965, é un longo viaducto, ancho e iniciado a unha cota máis alta ca o anterior, o que reduce considerablemente as pendentes da estrada de acceso e, ademais, permite outras vias por debaixo coma son o acceso á ponte das Camelias e o camiño peonil chamado Rúa do Abrevadeiro. O primeiro van da esquerda, por onde descorre o Río dos Muíños, está conformado por dous murallóns, pero o resto está sustentado por 12 piares de cemento. A plataforma ten 172 m. de longo.

          42.33021, -7.86792      



15 - Pasarela peonil. Xusto ao pasar o río por debaixo da ponte grande pasa, a continuación, por unha pasarela que hai no nivel baixo. Esta, de ano 2010, é de formigón forrado de madeira con varandas tamén de madeira. Está uns metros antes da confluencia das dúas correntes, facilitando o paso peonil á zona verde triangular que hai entre ríos, igual que o facilita outra pasarela que hai enfronte, similar, pero sobre o río dos Muíños.

         42.33, -7.868     



Continúa Barbaña