Río dos Muíños e resto Barbaña

Confluencia dos dous ríos.



V - Río dos Muíños


Este pequeno río é un afluente do Barbaña. Ademais de río dos Muíños tamén é coñecido coloquialmente como río de Pontón, de Barbadás, da Valenzá e, incluso, de Vilaescusa. Con todos eses nomes non ten ningún sentido o que fixo alguén no Concello (non se sabe nin como nin cando) de que ignorando o nome e considerando que se trataba dun "Barbaña pequeno" tivo a ridícula idea de chamarlle... Barbañica!

Nace no Concello da Merca, atravesa Barbadás (lindando nun tramo con San Cibrao) e entra en Ourense, onde logo dun moi curto recorrido (apenas 1.300 m.), desemboca no Barbaña, pasado o Polvorín.

Desde case os lindes con Barbadás hai dous paseos que recorren ambas ribeiras deste río ata O Polvorín. O comezo deste paseo, para cambiar dunha beira á outra, hai unha pasarela -pasado un doble tunel por debaixo da OU-540-, aínda en Barbadás (foto 0). Dalí para abaixo atopamos os seguintes pasos en Ourense:

Foto 1
Foto 0
Foto 3
Foto 2
Foto 5
Foto 4
Foto 7
Foto 6

1 - Ponte de madeira. Unha pequena e xeitosa pasarela ou ponte de madeira (cando menos aparentemente) de uso peonil. (Foto 1)

   42.323519, -7.875861  

2 - Uns metros máis adiante, pero a unha altura tal que imposibilita calquera conexión coa zona, transcorre o longo viaducto da estrada de Madrid (N-525). (Foto 2)

3 - Un típico pontillón de pedra de dous vans. O pé central posiblemente sexa antigo pois vese pedra vella en contraste co resto, é dicir, coas lousas horizontais que se ven novas. Ademais ese piso de pedra está un chisco máis baixo do paseo como para adaptarse a ese piar. Ten varandas de pedra. (Foto3) 42.326714, -7.872196  

4 - Pasarela dando á rúa Fonte do Picho. (Foto 4) 42.32828, -7.87011  

5 - Pasarela toda de ferro no Polvorín. Aí remata o paseo da beira esquerda. Historicamente, antes de ser de ferro, había unha pontella de pedra que conectaba co hoxe chamado "camiño vello de Barbadas" (á esquerda da corrente). (Foto 5) (Vista desde augas arriba vese que alí estivo un "pintamonas".) 42.32938, -7.8686  

6 e 7 - Para rematar, uns metros antes da súa mestura co Barbaña, o río pasa por debaixo da longa ponte de Marcelo Macías, (Foto 6) igual que o fai a corrente principal, e

42.32993, -7.86859  

seguidamente, a moi pouca distancia, pero ó nivel baixo, presenta outra pasarela de formigón con piso e varandas de madeira. (Foto 7) Está acochada cerca do estribo esquerdo da ponte grande. Pola banda esquerda da a un camiño de pouco recorrido e pola dereita a unha zona verde -entre ríos- comunicada con outra pasarela similar sobre o Barbaña.

42.3302, -7.86842.  


Dispois diso os dous ríos conforman como un y (y grego) invertido e continúan mesturados cara ó Norte.




Confluencia dos dous ríos: á esquerda o dos Muíños, a dereita o Barbaña

Texto Muiños: ⇑           Texto Barbaña: ⇓


VI - Barbaña (Augas mestas / 2º tramo)

A partir do punto de confluencia dos dous ríos ( Vista desde augas abaixo da confluencia ) continúan as seguintes pontes:

16 - Ponte das Camelias. Está nun nivel intermedio; o seu comezo pasa -case en perpendicular- por debaixo da ponte de Marcelo Macías. Esta ponte e a súa continuación van desde a Ponte Codesal á Ponte Pelamios, pero por un trazado interior, separado do río.

Foi inaugurada no 2006 e ten unha lonxitude de 153 m. e un ancho de 9 m. (Dous carrís e beirarrúas.) É unha ponte de trabes de cemento, resolto cun gran van, con apoios só laterais.

A Asociación de Veciños do Polvorín ten proposto que se lle chame Ponte da Muiñeira.

42.33095, -7.86767.  





17 - Pasarela de formigón con varandas metálicas. No nivel baixo. Polo lado dereito continúa uns poucos metros o paseo o cal, de súpeto, queda interrompido. Polo esquerdo accede á rua Ponte Pelamios.

42.33102, -7.86728.  










18 - Ponte dos Pelamios. De novo estamos ante un nome improcedente. A auténtica ponte dos Pelamios desapareceu coa riada de 1945. Era unha ponte medieval dun só arco, oxival, con planos inclinados nas dúas metades. O nome dos Pelamios obedecía en que nese lugar se sumerxían as peles para curtilas. A veces era tamén coñecida como Ponte do Outeiro.
Era xa unha substitución dalgunha estructura romana (¿pontella, pontillón, ponte de madeira?) que no seu tempo acollía á vía romana de Bracara a Lucus.

A ponte actual comunica os arredores da Praza de Abastos e As Burgas coa rúa Carriarico e a zona de Vila Valencia. Trátase dunha corrente ponte de formigón tipo lousa. Ten dous vans: un ancho para o río e outro estreito na beira dereita que debería ser a continuación do paseo, pero que está tapiado.
42.33445, -7.86716.  






19 e 20 - Pasarelas Tras Alameda (en tempos, A Barronca). Neste lugar hai dúas comunicacións peonís unindo ambos lados do Barbaña, pero a moi distinta altura. (Uns 11 m. de diferenza.) Primeiro, unha pasarela alta e longa que comunica Tras Alameda coa rúa Pura e Dora Vázquez (case na Av. de Portugal) e, segundo, unha pasarela baixa, ao nivel dos paseos da beira do río. A primeira , construída en 1995, é unha estrutura toda metálica de 110 m. de plataforma, sustentada por 3 piares tamén metálicos ademais dos apoios en senllos estribos. O piso é de madeira e as varandas de ferro. A pasarela pequena é de cemento, con apoio nos muros laterais do río, con varandas metálicas. Fronte dela, pola banda dereita, hai unhas escaleiras para subir a Tras Alameda. Na banda esquerda está o grande Parque do Barbaña.

      42.33617, -7.86826.   e       42.33619, -7.86835.  


21 - Ponte de Portocarreiro (ou da Fonte do Bispo). Este é outro lugar histórico cuio nome xa nos dí a súa utilidade. Porto carreiro = Porto / paso de carros. Porto, nesta acepción, pode ser sinónimo de vao. Por iso é dificil precisar se na antigüidade, neste punto exacto, había algunha infraestructura ou non. O que si houbo nas proximidades era algún pasal de pedras.

Enlaza a rúa Portocarreiro (continuación da rúa de Reza) coa rúa Camiño Fonte do Bispo e co parque do Barbaña. A nivel dos paseos. É outra plataforma de formigón apoiada nos muros laterais. Varandas metálicas. Paso de vehículos.

      42.33771, -7.8692  






22 - Pasarela de formigón. Parecida ás outras anteriores que vimos no primeiro tramo, anque non exactamente igual. (En vez de 4 ramplas para acceder ten de cada lado unha rampla e unha escaleira.)

      42.33872, -7.8694  






23 - Ponte rúa Ervedelo. Esta ponte é a sucesora de, polo menos, outras tres anteriores. A primeira da que se ten constancia era a Ponte Pedriña. Este nome (documentado no 1200) procede de cando aínda se falaba latín e era unha evolución de pontem petrinea, ponte pétrea, ponte de pedra. Isto quere dicir que se lle chamaban así era destacando esa propiedade que outro ou outros non tiñan. ¿Cales? Tanto podería ser algún outro de madeira do mesmo río (por ex. o máis tarde chamado Pelamios) como un de madeira alí mesmo, anterior ao propio Pedriña.

Esa ponte foi derrubada por unha das riadas do Barbaña e sustituida por outra de tipo medieval, probablemente parecida á actual do río Loña. Logo foi cambiada en 1887 por outra tipo murallón de pedra cun arco de medio punto de 11 m. luz no medio. As necesidades da circulación obrigaron a unha nova construción no século pasado dando lugar á obra actual. Esta é unha ponte de formigón tipo lousa coa plataforma apoiada nos estribos e dous robustos piares intermedios. Ten 3 vans repartíndose os dous laterais para paseos e o central para o río.

      42.33965, -7.86846  



24 - Ponte Lebrón. Máis a rotonda de Pardo de Cela. A ponte fora levantada en 1846 sendo unha iniciativa do alcalde Juan Lebrón do cal tomou o nome.

Era unha ponte moi sinxela que máis tarde sería reformada con tres arcos, rebaixados, en pedra. Despois de moitos anos de servicio coma ponte foi convertida en túnel. A súa plataforma foi ampliada cara o norte cun considerable recheo para acoller a continuación da rúa Pardo de Cela coas súas dúas rotondas. Hoxe, da ponte, só é visible un par de arcos da fachada sur.

      42.34297, -7.87063  









Parte inferior das dúas plataformas da desembocadura. Obsérvese a grecha que hai entre os dous taboleiros.

25 e 26 - Estrada N-120 e paseo das Ninfas. Xusto na desembocadura do río hai dúas estructuras de paso, tan xuntas que desde lonxe parecen unha soa. A primeira é un viaducto da estrada N-120 (a que vén pola beira do río Miño, coñecida coma Avenida da Ribeira Sacra) e a segunda, peonil, correspóndese co Paseo das Ninfas. Son dúas pontes tipo trabe de cemento, con cadanseus apoios: a grande nos estribos e a estreita en catro columnas de cemento (2 en cada beira). Ambas plataformas están á mesma altura e separadas uns 20 cms. entre si. Están xusto na desembocadura do río e alí mesmo está un dos piares da ponte do Milenio, como se lle quixeran poñer un tapón ao Barbaña. ( Ver foto aquí ).

      42.34482, -7.873612         42.34489, -7.87369  








           Río dos Muíños