VII- Río Loña

O río, que nace en Loña do Monte (concello de Nogueira de Ramuín), atravesa no seu percorrido de algo máis de 20 quilómetros, os concellos de Nogueira de Ramuín, Pereiro de Aguiar e leste de Ourense, para desembocar no río Miño. No Concello do Pereiro encora en Cachamuíña e Castadón e desde que entra en Ourense pódese cruzar polos seguintes pasos:



Ponte de Mende.- Na entrada de Mende, xusto en fronte do colexio público. Precioso pontillón "reciclado". Orixinariamente era unha ponte de arquitectura popular montada sobre 7 pés ou piares que son paralelepipedos estreitos chantados de pé e recubertos de grosas lousas. Conserva ditas lousas se ben só son visibles por debaixo. Por riba está esfaltado. Ademais polas beiras engadíronlle senllas beirarrúas a base de colocar un par de longas trabes de ferro en cada un seu lado e entre elas poñer un chan metálico de enreixado. Estas beirarrúas, engadidas, sobrevoan aos piares e levantan da calzada o groso das trabes de ferro. Complétanse con doble varanda as dúas. Os piares ou muretes, pola parte de arriba das augas, están tallados cos correspondentes tallamares.

    42.347, -7.8397    








Paso da Rúa das Augas. Ao final desta rúa hai un camiño rural que conduce a este paso con saída pola outra beira, á estrada. É un pontillón de imitación. Un paso peonil de construción recente. A estructura é copiada dun pontillón clásico, pero feito en formigón. Ten dous piares con 3 ocos así como varandas metálicas.

    42.3486, -7.84048    









Ponte Medieval ou Ponte Loña. Está documentada xa no século XIII aínda que é moi posible que na época romana existise outra, de pedra ou de madeira, para dar acceso á vila galaico-romana de Santomé. Está situada no camiño antigo de Ourense a Os Peares.
É unha airosa ponte de sillería de granito, alombada, cun só arco apuntado de 12,87 m. de luz. e longos muros laterais.

O peitoril de granito e mais o enlousado son recentes. Foi reparada en 1969 polo Concello e restaurada en 1988 pola Xunts. Declarada B.I.C. o 11/2/1991.

    42.348, -7.84937    








Ponte da Lonia. É a ponte da estrada vella (despois da Av. Alfonso R. Castelao), antigua estrada de Monforte, xusto na entrada ao lugar da Lonia.

É unha boa ponte carreteira con 3 arcos rebaixados apoiados nos estribos máis en dous piares de boa factura, todo en granito. Para agrandalo, a plataforma orixinal foi substituida por outra de formigón mais ancha que sobresae dos piares, e dicir, forma senllos voadizos, reservados para as beirarrúas e algo da calzada.

Os hidrónimos son os topónimos máis "conservadores". Iso explica que, neste caso, rio e lugar, tendo un étimo común -flumen Laonia- evolucionasen de distinta maneira. O río é Loña e o poboado (desde hai pouco máis dun século) é A Lonia.

    42.348 -7.85044    




Pontes da desembocadura: Ponte da actual N-120 e Pasarela do Camiño Bombeo. Están bastante xuntos, tanto que dende en fronte (Oira) parecen un só:

A Ponte da N-120. Ponte moderna de formigón de uso exclusivo desa estrada nacional, a cal é a mesma que, continuando pola beira do Miño, se entremete por debaixo da Ponte Maior. É unha ponte adintelada de formigón, de trabes con plataforma por riba. Ten 3 vans polos que pasan o río e os 2 camiños das beiras.

    42.34961, -7.85523    


A Pasarela, peonil, forma parte do circuito do "Paseo do Miño", pero soe chamárselle do bombeo por estar este, xa de antes, alí ao lado. É unha estructura que podemos chamar mixta xa que está resolta de duas formas distintas segundo o tramo. Na metade, aproximadamente, da dereita temos unha ponte colgante e na outra, unha ponte de lousa, aínda que en superficie non se aprecie diferencia. Na primeira metade dous mastros inclinados, ambos na beira dereita do río aguantan, cada un, de 13 tirantes de aceiro que sosteñen á plataforma. Este tramo da ponte correspóndese, como é natural, cun só van polo que circula e desauga o río. O resto, xa en seco, está formado por 4 columnas redondas, e o estribo esquerdo, que sosteñen a súa propia plataforma, continuación da homóloga da outra parte. A unión das dúas anda polos 100 m. de lonxitude. Complétase todo con varandas metálicas.

    42.34975, -7.855367