VIII- Outros

Río e Regato do Porto


O Río do Porto nace en Madrosende (Parroquia de Beiro) no propio Concello de Ourense. Recolle as augas de varios regatos entre eles o Regato da Burata o cal, á súa vez, recíbeas do chamado Regato do Porto. É dicir, o regato do Porto é un subafluente do río do Porto. Ese regato nace tamén cerca de Madrosende, pero en outra vertente. As dúas denominacións, de clara homonimia, préstanse a errores. O Río desemboca no Miño por onde as termas do Muíño da Veiga.

Sobre o propio Río do Porto hai varias pontes, pero temos dúas delas que merecen ser destacadas:



Ponte Ceballos. Sobrevoando a ponte, o río e a veiga contigua, a unha gran altura, vese un viaducto do Ave.

A Ponte Ceballos. Está cerca de Cachaxúas (parroquia de San Miguel de Canedo.) No tramo de estrada previo á costiña de Canedo, en tempos camiño Real de Ourense a Santiago e Ruta da Prata. É unha ponte en pedra do ano 1806 segundo reza a inscripción de unha das dúas pilastras de pedra chantadas no medio dos dous petrís. ( Ver foto aquí ).

É unha ponte de sillería de granito cun único van formado por un arco de medio punto de 7,5 m. de luz e muros de acompañamento en talude. Os petrís son tamén de granito. A rasante hoxe axustada á estrada está asfaltada, pero cando se construíu era de grandes lousas de granito.
Ao pasar pola ponte esta queda un tanto desapercibida e se se quere ter unha visión do seu alzado resulta pouco menos que imposible debido á vexetación que tapa calquer perspectiva.

Foi declarada B.I.C. o 11/2/1991.

    42.3609, -7.91317








A Ponte Paiota. Ao N. de Eirasvedras (parroquia de San Miguel de Canedo). Na coñecida coma rúa do Medio. En tempos cubría o Camiño Real de Ourense a Pontevedra. É unha ponte pequena, pero moi xeitosa. Do século XVII-XVIII, toda ela de sillería de granito cun so arco de medio punto rebaixado cunha luz de 3,70 m. Petril de pedra e rasante lixeiramente alombada e empedrada.

Ten un aspecto rústico e, ao mesmo tempo, vese ben acabada. Sen embargo da a impresión de que está totalmente esquecida polas autoridades con algunhas pedras removidas (incluso unha doela do arco), con vexetación nas pedras e un entorno degradado manifestamennte mellorable.

Declarada B.I.C. o 11/2/1991.

    42.35706, -7.91470 













Sobre o regato do Porto hai varias. Mentaremos tres:

1. A Ponte Codesal.

Falando con propiedade habería que dicir "A vergoña da Ponte Codesal".

É, coma xa dixemos ao falar do Barbaña (Cap. IV), unha ponte histórica que estaba á entrada do Polvorín. Trátase dunha ponte medieval, do século XV - XVI, construída con sillares de granito, con 2 vans correspondentes a dous arcos de mediopunto de 5,40 e 5,35 m. de luz, tallamar de base triangular no medio, rasante horizontal, enlousado de pedra e peitorís, tamén de pedra, anque posteriores. Ten unhas rampas de acceso, que na situación orixinal non tiña, para adaptala ao terreo, aquí con pouco desnivel do río.

Era unha dos catro pontes históricas do Barbaña e daba uso ao camiño vello de Celanova, pero en 1984 (seguramente con boa intención) foi "desterrada" ao emplazamento actual: unha carballeira no medio do monte na Parroquia de Beiro, ao norte do Concello. Está cerca (350 m.) da Caveanca e a 800 m. de Regoalde. Por alí pasa, tamén, a estrada OU-526 a uns 60 metros da ponte, pero esta queda case oculta desde a estrada debido ao frondoso arboredo. Por riba, non hai nin un sinal nin un camlño. Pode que algún día tivese un camiño (os camiños son a razón de ser das pontes), pero hoxe non o ten. É coma unha ponte pantasma chantada por riba do regato, pero sen acceso ningún. Por alí non se vai a ningunha parte. Da a impresión de que foi botada alí coma quen deixa unha lavadora no medio do monte en vez de levala a un punto limpo.

E aínda menos mal que non a derrubaron e que, en 1991 foi declarada BIC (Ben de Interese Cultural) na categoría de Monumento Histórico-Artístico.

Esa ponte, que cando a riada do Barbaña de 1945 levara por diante varias obras, entre elas a ponte dos Pelamios, puido presumir de resistente agora está seriamente ameazada. Polo pronto por un dos lados xa lle caeron ao río os peitorís de pedra.

Por outro lado a carballeira que a arrodea ("Carballeira do Regato do Porto") está inventariada polo Concello de Ourense coma "Ben Natural e Paisaxístico" o cal lle outorga unha protección teórica, pero se se quere protexer un ben desa natureza hai que empezar por limpalo, atendelo e coidalo. Todo iso alí son cousas descoñecidas. A ponte está cuberta de maleza e as riberias e o cauce do río convertidas en desmesuradas matogueiras. Non hai ningún punto desde o que se poida contemplar a ponte no seu conxunto. Calquera perspectiva está vedada.

A continuación poñerei as coordenadas xeográficas igual ca nos outros casos, pero nesta ocasión fágoo coa idea de informar do sitio aos axentes de Patrimonio e do Concello pois é moi probable que, por algunha razón, non teñan constancia deste BIC. Iso, cando menos, é o que parece.

42.3940636632, -7.9009872334



2. Ponte do camiño da Abeleda.- Na Parroquia de Castro de Beiro, na estrada que vai da Abelaira (xunto á Cima da Costa) ata a Abeleda.

Ponticela adintelada de pedra, con dous vans feitos en cachotería de granito. Rasante horizontal, asfaltada por riba do taboeiro, orixinalmente de pedra. Petrís orixinais de pedra dun lado e banda metálica do outro. Semi-oculta polo mato.

42.3805746, -7.915464











3. Ponte chamado "da estrada". Tamén na parroquia de Castro de Beiro. Na estrada OU-521 (de Castro de Beiro a Palmés). Xusto antes do cruce de Vilariño.

Ponte de pedra oculta pola vexetación.Ten un só van de arco de medio punto e muros adxacentes. Todo en granito, incluso os petrís. Asfaltado.

    42.373225, -7.930724




Aínda que non a coñezo teño noticia doutra pontella rústica e pequena un pouco máis arriba (aprox. 42.37349, -7.93067), quizais de acceso a un muíño, formada por dúas lousas apoiadas en muretes de cachotería formando dous vans de sección rectangular.





Regato de Piñor


O Regato de Piñor (a veces chamado de Ervedelo) nace en Godexás, parroquia de San Lourenzo de Piñor, Concello de Barbadás, e dende alí deriva cara o NL, pero con continuas reviravoltas. Cando entra en Ourense, despois de bordear os altos de Santa Ladaíña, inicia unha carreira ata chegar ao río Miño. Salta e corre por un fondo cavorco ao longo dun pronunciado corgueiro, cinguindo polo oeste toda a moderna urbanización de Vista Fermosa. Porcorre uns 600 m. por terras ourensás ao que habería que engadir outros 2,7 kms por Barbadás para ter o percorrido total.

Desde que entra en Ourense sálvase por:

● dúas pontellas na rúa das Pipileiras,

● un viaduto -a considerable altura- da autovía das Rías Baixas e

● outra pontella máis ao final da rúa Poeta Manuel Antonio.

Nos últimos 120 m. do seu percorrido, xa en terreo semi-urbano, sálvase por 3 pontes de moi distinta consideración:

● unha ponte de pedra, a Ponte Regueira, da estrada de Reza e Cortegada (OU-402), construida en 1873. Pola fachada sur conserva un arco de medio punto (Foto á dereita), pero pola norte o que se ve é unha trabe de cemento con oco adintelado resultado dunha ampliación do ancho

● o elevado viaduto do acceso centro a Ourense desde a autovía (que tamén sobrevoa a anterior) e

● unha pontella no Paseo das Ninfas, xa case á beira do Miño, de estrutura de cemento, varandas de ferro e chan de terra.

   

   




Río Barbantiño


O río Barbantiño nace na parroquia de Orbán, Concello de Vilamarín, pasa polos Concellos de Cea, Amoeiro e Punxín. Nun tramo final fai de lindeiro entre este Concello e o de Ourense

No lugar coñecido coma Os Beleiros podemos ver as dúas pontes das outras tantas variantes da estrada de Vigo (e Pontevedra): a vella e a nova. A vella, a unha cota próxima ao río e a nova a un nivel superior.

A primeira, unha vez pasada á ponte, tiña (e ten) unha bifurcación para escoller viaxe a Pontevedra ou a Vigo. A nova fai o mesmo, pero coa súa serie de ramificacións oportunas.

A vella é a clásica ponte viaria, con dous vans de arcos medio punto e con consistentes estribos ou muros laterais. Todo en sillería de granito. Correspóndese coa obra, rematada en 1861, da, entón, fabulosa estrada Vigo-Villacastín. Posteriormente fóronlle engadidos uns voadizos laterais para sostén das beirarrúas.

 ,    42.350027, -8.0027761




A ponte máis nova é un viaducto de formigón tipo trabe. Obra dos anos 70 correspondente ao Plan de Accesos a Galicia.

320 m. máis abaixo hai un viaduto do ferrocarril, da liña a Vigo. Consta dun van formado por un arco de medio punto. Sillería de granito.