Escolma 6

AS PRIMEIRAS LEIS

O dereito primitivo era, en todas partes, consuetudinario, e dicir, baseado no costume. Son os usos habituais (ora impostos por un membro máis forte, ora de resultas dunha experiencia conciliadora tendente ó ben do grupo) que se acatan e se ensinan de palabra. Ca aparición da escritura aparecen os primeiros “códigos”, os cales, cunha acepción distinta da actual, non son uns corpus xurídicos onde se basculen metodicamente as normas usuais. Estas danse por sabidas; o que se expón son precisións, puntualizacións, emendas ou engadidos, actualizacións. Por outra banda, como o dereito anterior ten un carácter de tabú, de intocable, as emendas e as novidades sempre son feitas por algún personaxe de prestixio e de autoridade indiscutibles. Por iso os códigos antigos están asociados a nomes relevantes, como Hattusil ou Suppiluliuma (reis hititas), Hammurabi (rei de Babilonia), Moisés, etc.

O Código de Hammurabi é o texto lexislativo máis antigo que se conserva completo. Unha das copias, gravada en pedra (como calquera Código antigo que se prece) foi atopada en Susa, onde fora levada como botín de guerra. Actualmente está no Louvre. É unha estela na que está escrito o contido do Código con un baixorrelevo superior no que figura o deus Shamash (deus-sol da Xustiza) entregándolle o tal Código ó rei Hammurabi, este revestido de atributos babilonios e sumerios.

Antes ca el houbo outros, tamén en Sumer, pero que non chegaron completos ata nós. Así, por exemplo, do redor do 2.450 a.C., son as Reformas de Entemena. Este era un rei da cidade de Lagash e se facía unhas reformas é sinal de que había leis anteriores que reformar. Outro rei da mesma cidade, Urukagina, cara o 2.350 a.C. promulgou unha Recompilación de Leis. E sábese algo do  Código de Ur-Nammu, o primeiro considerado como Código xurídico, do ano dous mil cento e pico, redactado en lingua sumeria e que fixa a estructura de tódolos códigos mesopotámicos posteriores.

Todos estes Códigos estaban baseados nunha forte concepción relixiosa, proclamando o benestar do pobo. Nos fragmentos que se conservan non se aprecia que aplicasen a Lei do Talión nin a pena de morte. (A vida era un don dos deuses e só estes a podían quitar.) O de Hammurabi será máis rigoroso e introduce esas dúas posibilidades, en ben do orde do Estado

O Código de Hammurabi data do 1.753 a.C. e está escrito en acadio. Non é un Código no senso actual senón unha recompilación de casos prácticos e concretos para os que decreta unha sentenza. Non hai definicións doutrinarias nin conceptos xurídicos. É un dereito, simplemente, casuístico. Os “artigos” soen comezar co condicional “se”. Por exemplo

"Se un home colle no campo a un escravo ou a unha escrava fuxidos e llos leva ó amo, o amo daralle dous siclos de prata.”

“Se un home esconde na súa casa a un escravo ou a unha escrava fuxidos do Pazo ou incluso dun individuo común e cando se pregoa non os saca, ese dono de casa será executado.”

Igual que pasa cos demais Códigos antigos este non é unha “creación” orixinal de quén figura como titular. Antes dos Códigos xa existía o Dereito, un Dereito común, habitual, oral, asumido por cada grupo humano; cada un destes grupos tería unha valoración dos feitos e unhas penas conseguintes. O Código o que fai é oficializar unha desas valoracións e facela igual para tódolos súbditos. Recompila leis e costumes anteriores, pero as cousas que xa estivesen claras para todos nin sequera as menciona.

Por exemplo: O Código de Hammurabi distingue 3 clases de persoas, os homes libres, os homes secundarios e os escravos. Pero nin as define nin di nada das orixes destas crases nin de porqué se pertence a unha ou outra. Dáse por sabido.

Non se sabe se se aplicaba en todo o seu rigor ou se só pretendía ser un medio de intimidación para preserva-la harmonía social.

Inclúe a Lei do Talión, que as lexislacións sumerias anteriores descoñecían. Esta lei (máis que lei habería que chamala “principio xurídico”) pode que sexa de orixe amorreo. É unha lei anterior, moi antiga, non escrita, que ó ser recollida por diversos Códigos da antigüidade (este entre eles) estana validando e dándolle carácter ‘positivo’.

Hoxe considérase unha barbaridade, pero eu coido que no seu momento supuxo un gran avance social. Pensemos nos tempos prehistóricos e máis salvaxes. É fácil pensar que si un home mancaba a outro nun ollo quedaba exposto a que este lle escachase a cabeza. E se lle partía un dente podíanlle corta-lo pescozo. Pero o Talión ven dicir: “Ollo por ollo. Dente por dente.” Como se dixera “O merecido, si, pero ¡coidadiño! Sen pasarse. Ollo por ollo e dente por dente. Máis nada.”  Por outro lado, ó incluír o Talión  nun Código, estase reservando o castigo ó Estado. Elimínase a vinganza persoal.

O apelativo de “Código” referido ó de Hammurabi é un convencionalismo posterior. O propio texto defínese como Sentenzas de Equidade. Os temas que trata son propios da vida ordinaria, moi dispares entre si e sen metodoloxía ningunha. Casos específicos, sen normas xerais.

Poden ser aspectos de acusacións infundadas,
“Se un home acusa a outro home e lle apón un asasinato pero non pode probalo, o acusador será executado.”

con un procedemento “xudicial” específico (a “ordalía”) se a acusación é de bruxería,
“Se un home lle apón a outro home actos de bruxería pero non pode probalo, o que foi acusado de maxia terá que achegarse ó divino Río e botarse ó divino Río e se o divino Río o leva, seralle lícito ó acusador quedarse co patrimonio. Pero se o divino Río o declara puro e o deixa salvo, quen o acusou demaxia será executado. O que se botou ó divino Río quedarase co patrimonio do acusador.

de tipo penal,
“Se un home abre un boqueira na parede dunha casa, executarano e deixarano colgado fronte á boqueira aberta.”

de responsabilidade civil,
“Se un home abre o seu rego para regar e logo se descoida e deixa que a auga se leve o campo dun veciño, pagará unha indemnización en cebada segundo a colleita do seu veciño.”

de responsabilidade penal,
“Se un mestre de obra fai unha casa a un home e non asenta ben a obra e a casa que acaba de facer se derruba e mata ó dono da casa, ese mestre de obra será executado.”
“Se morre un fillo do dono da casa, que executen a un fillo do mestre de obra.”

de seguridade do Estado,
“Se unha taberneira ten un local no que se axuntan conspiradores e non agarra a eses conspiradores e os leva ó Pazo, que esa taberneira sexa executada.”

sobre o matrimonio,
“Se un home toma unha esposa e a ela lle ataca a sarna, e el quere tomar por esposa a outra, que a tome; pero que non rexeite á súa esposa con sarna; ela vivirá na casa que fixo el e, mentres viva, el seguirá manténdoa.”

de actuacións profesionais,
“Se un médico fai unha incisión profunda nun home con bisturí de bronce e lle salva a vida ó home, ou se lle abre a sen a un home con bisturí de bronce e lle salva un ollo ó home, percibirá 10 siclos de prata.”
“Se un médico fai unha incisión profunda nun home con bisturí de bronce e lle provoca a morte ou se lle abre a sen a un home con bisturí de bronce e deixa chosco ó home, que lle corten a man.”

E así ata 284 “casos”.
Volveremos falar deste tema co gallo da Lei de Moisés.

………….

O Decálogo (‘Dez palabras’) pode que proveña dos tempos de Moisés, inda que agora máis elaborado. En principio debeu de ser un conxunto de 10 fórmulas sinxelas e fáciles de recordar, pero que virían a dicir o mesmo que hoxe . Amais de ser a lei básica do dereito hebreo é a máis xenuína de todas elas, fronte a moitas outras inspiradas no dereito común da rexión.

………….

Dese Decálogo derivan os coñecidos Dez Mandamentos das igrexas cristiáns, inda que con unha pequena modificación: suprímese o precepto que está en segundo lugar (“Non farás escultura nin imaxe algunha nin do que hai enriba nos ceos, nin do que hai embaixo na terra, ...”), e para que sigan a ser dez, divídese o último en dous. (O mandamento orixinal “ Non desexarás á muller do teu próximo, nin cobizarás a súa casa, o seu campo, o seu servo ou a súa serva, o seu boi ou o seu asno; nada que sexa do teu próximo” transforma a primeira frase -a da muller- no noveno mandamento e o resto -os bens alleos- no décimo. ) Tamén se cambia a mención do sábado polo domingo. E se lle da unha numeración ordinal do 1º ó 10º.

………….

O ‘Código da Alianza’, inda que hoxe estea no mesmo contexto, é posterior. Son normas que presupoñen unha comunidade agrícola e sedentaria, coma podería ser a dos primeiros anos en Canaán. Trátase daquela parte, do total das Leis, que podería ter algunha similitude co Código de Hammurabi, cos Códigos hititas ou co Decreto de Horemheb, pero non por unha influencia directa destes Códigos senón por proceder todos do mesmo dereito común . Non obstante, como este era variado e de sentenzas distintas, é de supoñer que fose seleccionado e adaptado en consonancia co espírito do Decálogo, a lei fundamental.

Amentamos antes a lexislación sobre o ‘boi escorneador’. Vexamos na táboa seguinte como entenden este ‘caso’ o Código de Hammurabi e a Lei de Moisés:

CÓDIGO DE HAMMURABI

LEI DE MOISÉS

Se un boi, ó ir por unha rúa,da unha cornada a un home e o mata, non ha lugar a unha reclamación xudicial. (Disposición 250)

Se un boi escornease home ou muller, e de resultas morrese, o boi será apedrado, e non se comerá a súa carne; mais o dono do boi quedará absolto. (EXO 21,28)

Se o boi dun home soe dar cornadas e o seu vecindario xa lle fixo saber que da cornadas e el nin lle recorta os cornos nin o controla, se logo ese boi da unha cornada a un fillo de home e o mata, pagará 1/2 mina de prata.
(251)

Pero se o boi era escorneador dende onte e dende antes de onte, e foille dado aviso ó seu dono e non o velou, e matase home ou muller, o boi será apedrado e tamén morrerá o dono.
(EXO 21:29)

Se é escravo de un home, pagará 1/3 de mina de prata.
(252)

Se o boi escornease servo ou serva, pagará trinta siclos de prata ó seu señor, e o boi será apedrado.
(EXO 21:32)

 

Se o boi de un escornea ó boi de outro, causándolle a morte, venderán o boi vivo e repartiranse o prezo, repartindo igualmente o boi morto. Pero se era visto que o boi escorneaba dende tempo atrás e o seu amo non miraba por el, pagará boi por boi e o boi morto será seu.
(EXO 21,35)

Hai outra situación na que se volve dar unha coincidencia de casuística: a de mancar a unha muller embarazada. “Hammurabi” fai distinción segundo a categoría da damnificada. “Moisés”, non. É, tamén, un exemplo de aplicación da Lei do Talión.

CÓDIGO DE HAMMURABI

LEI DE MOISÉS

Se un home golpea a unha filla de outro home e lle causa a perda do froito das súas entrañas pagará 10 siclos de prata polo froito das súas entrañas.
(209)

Se uns homes, no transcurso dunha rifa, dan un golpe a unha muller preñada e provocan o parto sen máis dano, o culpable será multado conforme ó que impoña o marido da muller e mediante arbitraxe.
(ÉXODO 21, 22)

Se esa muller morre, que maten unha filla súa.
(210)

Se é a filla dun individuo corrente a quén lle causa a golpes a perda do froito das súas entrañas pagará 5 siclos de prata. (211)

Se esa muller morre, pagará 1/2 mina de prata. (212)

Se golpea á escrava dun home e lle provoca a perda do froito das súas entrañas, pagará 2 siclos de prata. (213)

Se esa escrava morre, pagará 1/3 de mina de prata. (214)

Pero se resultase dano, dará vida por vida, ollo por ollo, dente por dente, man por man, pé por pé, queimadura por queimadura, ferida por ferida, mazadura por mazadura.

En toda a trama normativa do Levítico hai tamén dúas situacións que foran tratadas por Hammurabi.

CÓDIGO DE HAMMURABI

LEI DE MOISÉS

Se a esposa dun home é sorprendida deitada con outro varón que os aten e os tiren a auga; se o marido perdoa a vida á esposa, o rei perdoará tamén a vida ó seu súbdito.(129)

Se un home comete adulterio coa muller do seu próximo, será morto tanto o adúltero coma a adúltera. (LEV.20,10)

Se un home deixa chosco a outro, deixarano chosco. (196)

Se lle rompe un oso a outro, que lle rompan un oso. (197)

Se un home lle arrinca un dente a outro home de igual rango, que lle arrinquen un dente. (200)

Se deixa torto a un individuo común ou lle rompe un oso, pagará unha mina de prata. (198)

Se deixa chosco a un escravo ou lle rompe un oso, pagará a metade do seu valor. (199)

Se lle arrinca o dente a un individuo común, pagará 1/3 de mina de prata. (201)<

Se algún causa unha lesión ó seu próximo, coma el fixo así se lle fará: fractura por fractura, ollo por ollo, dente por dente; faráselle a mesma lesión que el causara a outro. (LEV. 24,19)

 

Similitudes.- Os detractores sistemáticos da Biblia (que os hai) din que a lei mosaica é unha copia do Código de Hammurabi. Isto ademais de inxusto e falaz é arbitrario. Ninguén que se moleste en ler ambos textos pode dicir unha cousa así. Entre case un milleiro de normas mosaicas e as 284 disposicións de Hammurabi só hai similitude de casuística nos catro casos que expuxemos máis arriba, así como en 2 ou 3 supostos máis. Está tamén a aplicación –por ambos- da Lei do Talión (como en tantos outros códigos). Pero ese é todo o parecido. A lei de Moisés trata centos de cousas (sobre todo relixiosas e civís) que o outro código nin menciona. Por outro lado, a lei mosaica inclúe (a parte do espírito máis avanzado do Deuteronomio) un Decálogo -a lei básica- dunha categoría moral sen asomo de parecido en ningún outro código da antigüidade. Quitado de dous preceptos (o das imaxes e o do sábado) esta Lei é asumible por calquera pobo e, inda hoxe, é considerada por moita xente coma o resumo dunha lei natural impresa no subconsciente do home.

………….

Sábado.- Sobre o precepto de celebrar este día diremos que, se ben non ten unha importancia filosófica ou teolóxica, si que tivo gran transcendencia práctica. Esta consiste na instauración (o “invento”) do ‘descanso semanal’, o cal, inda que fose cambiando o día da semana, se impuxo historicamente e agora é aceptado, coma cousa normal, en todo o mundo. Para os cristiáns sería o domingo; para os musulmáns, o venres; pero a idea provén dos xudeus que seguen a celebrar o sábado.

………….


VOLVER A "ARQUIVADOR"