O litoral de Galicia

Morrazo

1.- Galicia, situada no vértice N.O. da península ibérica, ten na súa contorna máis contacto co mar que coa terra. Dun perímetro total de 2.108 Km., 610 Km. son interiores (os lindes con Asturias, León, Zamora e Portugal) e os outros 1.498 son de litoral. (Se considerásemos tamén as illas e illotes a cifra subiría a 1.720 Km.) Iso é debido, como é ben sabido, á forma recortada da costa galega cos seus entrantes e saíntes, chea de recoveques, voltas e reviravoltas.

Se medísemos a costa nun "croquis" simplificado feito de liñas rectas unindo "Ría de Ribadeo - Cabo Ortegal - Cabo Touriñán - Esteiro do Miño" teríamos una lonxitude de soamente 340 Km.

2.- Galicia é a Comunidade Autónoma con máis quilómetros de costa (1.498) despois das Illas Canarias que ten 1.583. Eses quilómetros repártense da seguinte maneira:

Provincia da Coruña ............. 956
       "      de Pontevedra ....... 398 e
       "      de Lugo ................. 144

A Coruña é a provincia da península con máis litoral. (Baleares ten máis, pero as Canarias, sendo dúas provincias, xa non.)

3.- Considérase que hai 75 Concellos costeiros. (71 que lindan claramente e 4 máis que case o fan. Depende como se miren os esteiros.) Estes 75 Concellos ocupan un 15% do territorio galego, pero neles habitan aproximadamente o 50 % da poboación. Tamén neles as cifras macroeconómicas son maioritarias.

4.- O litoral galego está bañado por dous mares: o Cantábrico, que, convencionalmente, chega ata o Cabo Ortegal, e o Atlántico que domina todo o resto. A costa primeira, máis ben rectilínea e con rías pequenas, é unha continuación da rasa asturiana. O resto -con outra litoloxía, outras orientacións e outros ventos- mostra un perfil moi peculiar, con moita variedade e o fenómeno caraterístico das rías, eses vales fluviais anegados por unha suba do nivel do mar (ou afundimento da terra) en pasadas eras xeolóxicas. Suba que motivou que a auga se fose entremetendo e ocupando todo canto desnivel atopase. O tramo final, ó sur do país, volve ser rectilíneo e abrupto. Deste xeito a costa alterna cabos con rías e nos intermedios aparecen baías, enseadas, calas, radas e esteiros; cantís, rasas e rochedos; praias e arnelas; dunas e frechas; marismas e lagoas costeiras.

5.- Os cabos máis importantes son:
- A Estaca de Bares, o punto máis ó Norte da península Ibérica. (Entre as rías do Barqueiro e de Ortigueira.)
- O Cabo Ortegal. (Entre a ría de Ortigueira e os cantís de Teixido -San Andrés-.)
- O Cabo Prior. (Ó norte de Ferrol.)
- A Punta de Santo Hadrián. (Cerca de Malpica e fronte ás Illas Sisargas.)
- O Cabo Vilán. (Ó norte da ría de Camariñas)
- O Cabo Touriñán, o punto máis occidental de Galicia, e polo tanto de España. Non de Portugal. (No Concello de Muxía.)
- O Cabo Fisterra, considerado a "fin da terra" polos romanos. (Paralelo á ría de Corcubión.)
- O Cabo de Corrubedo. (Prolongación da Serra do Barbanza.)
- O Cabo Silleiro. (Ó sur das rías de Vigo e Baiona.)
Hai máis cabos e un sinfín de puntas.

6.- As rías son:
Ribadeo, Foz, Lieiro, Viveiro, O Barqueiro, Ladrido, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Ares, Betanzos, A Coruña, O Burgo, Corme e Laxe, Camariñas, Lires, Corcubión, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra, Aldán, Vigo e Baiona.

7.- En canto a illas, aínda que se apunta que hai máis de 300, as máis significativas son:
- As illas Sisargas. Costa de Malpica.
- O arquipélago de Sálvora (Sálvora, Vionta e Sagres). Na entrada da ría de Arousa.
- A illa de Arousa. No medio da ría de Arousa.
- As de Cortegada e As Malveiras (Malveira Grande e Malveira Chica). Ó fondo da ría de Arousa.
- O arquipélago de Ons (Ons e Onza). Fronte á ría de Pontevedra.
- O arquipélago das Illas Cíes (Faro, Monteagudo e San Martiño). Fronte á ría de Vigo.

8.- Existen distintas divisións ou catalogacións didácticas para o estudo do litoral galego. Neste btrballo optouse pola exposta no Plan do Ordenación do Litoral (da Xunta de Galicia) por considerala a máis precisa e tradicional. Dita catalogación divide a costa en sete sectores, zonas ou comarcas, a saber:

- Mariña Lucense,
- Rías Altas,
- Golfo Ártabro,
- Arco Bergantiñán,
- Costa da Morte,
- Rías Baixas e
- Costa Sur.

NOTA PREVIA SOBRE AS FOTOS.- As fotos que ilustran este traballo e coas que se montaron 5 albumes distintos son, quitado dalgunha propia que se indica, propiedade da Xunta de Galicia e proceden do P.O.L. (Plan de Ordenación do Litoral) onde están publicadas cunha Licencia creativecommons.org/licenses/by-nc-sa/ (Ver) . Ditas fotos foron descargadas, sen facer cambios, da web http://www.xunta.es/litoral/