Os suevos, pobo xermánico procedente do Norte de Europa, penetraron na Hispania cruzando o Pirineo Occidental, no ano 409, xunto cos vándalos e os alanos. No 411 asentaron na Gallaecia asinando un pacto (foedus) co emperador Honorio, pero 9 anos despois rompen con Roma e decláranse independentes pasando a súa monarquía a controlar todo o Noroeste peninsular. Foi a primeira escisión do antano poderoso Imperio e o primeiro reino que houbo en Europa despois de Roma.
Os suevos deste reino substituíron politicamente ó poder romano, pero, en cambio, asimilaron a súa cultura, a fala e, incluso, as divisións administrativas. Ca súa conversión ó catolicismo e a admisión dos matrimonios mixtos lograrían a fusión cos galego-romanos. O reino, con gran variedade de situacións, mantívose independente durante 163 anos. Non deberon de ter unha Corte fixa, pero posiblemente Ourense o fose nalgún momento da súa historia. O tal reino foi anexionado polo dos visigodos no 583.