Algunhas datas da época conflitiva:

1256.- Alfonso X recibe homenaxe directo do Concello.
1259.- O Rei convoca en Toledo a Bispo, Concello e Cabido. Oídas as queixas confirma o señorío episcopal, pero tamén concede certas atribucións ó Concello.
1293.- A consecuencia dun conflito os soldados do bispo incendian o convento dos franciscanos que había na Praza do Correxidor. A resulta disto o bispo foi apresado polo Adiantado Maior de Galicia, excomungado polo Papa e obrigado a construír un novo convento, que foi edificado na ladeira do Monte Alegre.
1366-1379.- Nas sucesivas guerras entre Pedro I e Henrique II o Concello apoiaba o rei lexítimo mentres que o bispo estaba ó lado do Trastámara.
1385.- Ataque do Duque de Lancaster, pretendente ó trono de Castela. Como dato histórico, pero anecdótico, cabe reseñar que o tal Duque se ben someteu militarmente á cidade e se proclamou nela Rei de Castela, as calores de Ourense dobregaron de tal maneira as tropas asaltantes que tivo que claudicar ante Xoán I.
Todo o século XV.- Acosos dos nobres ós veciños.
1421.- Enfrontamentos dos nobres co bispo Francisco Alonso, afogado no Pozo Maimón.
1442.- Un nobre queima a sinagoga e casas de xudeus.
1445.- Asalto de veciños ó Pazo Episcopal.
1467.- Revolta dos Irmandiños que chegan a controlar Ourense e Castelo Ramiro.
1471.- Ataque do Conde de Benavente enfrontado ó de Lemos (daquela protector da cidade). Ocasiona importantes danos na Catedral que logo tería que reparar.