Por un documento en latín do ano 1188 sábese que xa entón en Ourense había un "concilium", precedente do Concello. En toda a época medieval o Concello, a pesar de representar ós veciños e de ter certas atribucións, pouco máis era que o que é hoxe unha "Asociación de veciños". O poder político dependía do bispo ou do rei e a forza do Concello residía no que poidesen acadar en cada momento.
Os primeiros Concellos reuníanse ó aire libre, nun terreo fóra da cidade que, por esa razón, foi coñecido como "Horta do Concello". Era, en termos actuais, o conxunto da Praza do Bispo Cesáreo, do tramo correspondente da avenida de Pontevedra e da fronte da Alameda.
Esta, ó fondo, de cara o Barbaña, era un cascallal onde se vertía dende sempre todo o entullo que se producía na cidade. En 1842 o terreo foi nivelado e acondicionado para paseo con árbores, nacendo a Alameda. O terraplén seguíu alí e o nome polo que se coñecía acadou a categoría de topónimo: A Barronca. (Se o seu uso gramatical fose o de nome común, ó falar en castelán diriamos "el barranco" -que é a súa tradución- e eu nunca oín que se lle chamase así.)