![]() |
MEMORIA DE OURENSE |
|||
![]()
Había unha vez unha cidade, pequena e tranquila, que, a mediados do século XIX conservaba a mesma estrutura urbana que viñera mantendo inalterable desde 6 séculos atrás. No decorrer dos tempos anteriores os cambios foran mínimos: unha casa que había que renovar por mor do paso do tempo e da precariedade da construcción, outra que era substituída por unha xeración de propietarios con máis fortuna ca os seus predecesores ou algunha outra levada polo lume. Pero todas -eso si- acomodadas no mesmo espazo e nas mesmas rúas, prazas, canellas e recovecos de sempre. Esas rúas, tortas, estreitas e –as máis delas- costentas, posiblemente foran urdidas no seu día empregando algún secreto máxico para que non puidese pasar por elas o tempo. A vida na cidade transcorría monótona e repetitiva e os ecos que cortaban os silencios eran sempre, día tras día, ano tras ano, a mesma mestura das badaladas impoñentes da Catedral e os sons habituais dunha veciñanza de vivencias case que rurais. O nome desta cidade era Ourense e dicían que ese nome proviña dos romanos e que estaba relacionado coa palabra “ouro”. |
Hai 50 ou 60 anos aínda había recunchos espallados pola cidade que -a pesar dos seus desleixos e deterioros- conservaban -prodixiosa e teimudamente- unha atmosfera de feitizo rural e un suposto engado de tempos xa pasados. Algúns foron restaurados tratando de emular a construción antiga, pero... hai que recoñecer o dificultoso que resulta acadar a mesma alma ademais de atanguer o mesmo corpo. |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
As mudanzas da cidade O bispo Lourenzo.-Don Lourenzo, bispo da Sé Auriense e señor xurisdicional da cidade (1218-1248), foi, en palabras de Otero Pedrayo (Guía de Galicia, Ed. de 1945), "el tercer gran fundador de Orense". - Foi o promotor da última das 3 etapas en que se soe dividir a construcción da Catedral (remate naves, torres das campás, comezo do Pórtico do paraiso, etc.), - reconstruíu (sobre 1228) a Ponte Maior, derrubada dende tempos ignorados, dándolle a configuración ramplante actual, - refixo o seu Pazo Episcopal (hoxe Museo Arqueolóxico), e - ordenou o burgo ó seu cargo (Ourense) na forma e distribución que había de persistir en todo o Medioevo e Idade Moderna. A cidade erguería máis tarde (século XV) portas e cerca con intencións defensivas -e quizais tamén fiscais-, pero a súa configuración e perímetro lindeiro seguían -e seguiron- sendo os mesmos dese goberno productivo que foi o pontificado de D. Lourenzo, o "prelado constructor". Despois de D. Lourenzo o plano de Ourense permanecería, practicamente, inalterado. Nin había necesidade de cambiar nin ó home medieval se lle podía pasar tal cousa pola cabeza: as cidades eran o que eran e ocupaban o que ocupaban, sen máis nada. |
Os séculos estables.- Durante varias centurias e ata xa terciado o século XIX, os cambios urbanísticos foron mínimos e vagarosos. Neste período -aparte das obras de reforma e de renovación de edificios concretos- as actuacións máis salientables foron as seguintes: -- Século XIII.- Convento de San Francisco. (Nas abas de Monte Alegre, nas aforas da cidade.) -- Século XIV.- Portas da cidade. -- Século XV.- Catro ermidas extra-muros (fóra da cidade): Posío, Porto Vello, Pía da Casca e San Lázaro. -- Século XVI.- Hospital de San Roque e Capela dos Remedios (Ambos tamén extra-muros). Capela dos santos Cosme e Damián. (ó pé dunha das portas da cidade.) Casa Consistorial na Praza do Campo. -- Século XVII.- Conventos dos xesuitas (xunto a unha porta) e dos dominicos (fóra). -- Século XVIII.- Pouco e pouco van desaparecendo as portas. (Non son substituidas porque xa non fan falta, pero tampouco a cidade se sae do seu emprazamento.) Quedan 3 en pé. -- Século XIX.- Cemiterio de San Francisco (fóra), o mesmo ano (1833) que Ourense pasa a ser capital de provincia. |
Neste dilatado período aínda que o urbanismo estivese paralizado non pasou o mesmo coa arquitectura. Paulatina, pero progresivamente, a cidade foise conformando no seu interior a teor das evolucións sociais e políticas. Reformas, reconstruccións e obras novas foron habituais en distintas épocas, especialmente en sinalados momentos de auxe comercial propiciado polo comercio do viño. Como lembranza desas obras quedan ("milagrosamente") uns cantos exemplares ó longo do casco histórico. |
A modo de testemuña -restrinxida- podemos sinalar algúns dos exemplos perdurados: (Fai clic en calquera destas fotos) |
![]() ![]() ![]() ![]() ![]() ![]() |
As novas perspectivas.-
Trinta anos despois de encetado o século XIX Ourense tiña a súa propia feitura. Sería nese momento cando había de empezar a primeira gran mudanza. Se quisésemos marcar algún fito definitorio poderíamos poñer 3, a falta de un: Ano 1833.- Designación de Ourense como capital dunha provincia, Ano 1836.- Comezo das obras de estrada Villacastín-Vigo e Ano 1837.- Acordo municipal do derrube das 3 últimas portas. O primeiro deses feitos significaba (como en moitas outras poboacións españolas) a apertura a un mundo de posibilidades e ventaxes, a segunda supuña un xeito de integración (non só teórica, senón material) no conxunto do Estado e o terceiro, anque sen ningún valor de seu, viña a simbolizar a predisposición dos prebostes locais a modificar a urbe recibida. (Se as portas se houbesen deixado non tería ningunha consecuencia -máxime se pensamos que as tres estarían hoxe en rúas peonís-, pero naquel momento foi coma un berro, novidoso, ansioso de expansión.) Evidentemente, de estes 3 acontecementos, o que tivo unha repercusión máis direita e material no urbanismo foi o da estrada de Vigo. No seu percorrido próximo á cidade, seguindo máis ou menos o trazado do vello Camiño Real que pasaba pola Ponte Maior, esta estrada pronto se convertería en rúa, a rúa do Progreso. Sería un dous dous eixes modernos lonxitudinais catalizadores da expansión. O outro eixe sería "a Travesía". (Hai un terceiro eixo lonxitudinal, a rúa Santo Domingo ou Corredoira, pero este caso -o do primitivo camiño a San Lázaro- foi máis temperán.) En 1873 Ourense remataba ó Norte na rúa de San Miguel a cal chegaba, por abaixo, ata a nova do Progreso. Nese ano o Concello acorda comprar e derrubar un par de casas desa rúa e abrir -perpendicularmente- unha nova, continuación da do Instituto (hoxe Lamas Carvajal), con percorrido ata o Campo de San Lázaro. Sería a chamada, nun primeiro momento, Travesía (logo Paz Novoa e hoxe Paseo), que en poucos anos se convirtiría no centro da cidade. En 1881, no veciño Concello de Canedo, inaugúrase o ferrocarril. Nese primeiro momento entrará en servizo a liña Ourense-Vigo que se completaría 4 anos despois co traxecto Ourense-Monforte. 30 anos despois de aberta a Travesía, xa no século XX (concretamente en 1903), o Concello solicita do Goberno a continuación de dita estrada ou Travesía -incluíndo unha ponte sobre o Miño- que chegase ata a estación do F.C. de Ponte Canedo. En 1910, como un número máis do programa de festas do Corpus dese ano, colócase a primeira pedra desa Nova Ponte en medio da ledicia e do entusiasmo colectivo. Inauguraríase en 1918. |
![]() Fai clic na imaxe |
A desmesura.- Despois (a consecuencia das consabidas aventuras e desventuras históricas e políticas) virían unhas décadas de paro e inactividade para logo -máis tarde, alá polos anos 60- aparecer outra nova etapa de mudanza. Esta vez frenética e desmesurada. As causas que a propiciaron serían varias: un éxodo rural cara as cidades, unhas remesas de cartos dos emigrantes en Europa, unha sensación de desenrolo en todo o país, un afán xeneralizado de mercar todo o mundo o seu piso e, como consecuencia de todo iso -como é ben sabido- unha espiral inflacionista e unha fervenza de febril actividade económica. |
![]() |
![]() |
Esa febre manifestaríase de dúas maneiras: ampliación (da cidade) e substitución (da cidade). Poderíase falar de dúas mudanzas distintas. Contemporáneas, pero separadas. Unha que mudou campo e arrabaldes por urbe e outra que pretendía cambiar o Ourense que xa estaba “feito”. En ámbalas dúas maneiras houbo actuacións afortunadas alternando con outras lamentables. |
A ampliación.- A maioría das cidades medraron dun xeito similar ó dunha mancha de aceite: arrincando dende un núcleo central efectuaron a súa expansión todo ó redor aumentando progresivamente os lindes exteriores. Ourense, non. Ourense, coma outras cidades galegas, non se construíu con ese proceder. Partindo dunha inicial vocación rural, a súa xénese foron lugares e casaríos espallados por todas as inmediacións. Unha especie de aldea aquí, unha casa de labranza alá, dúas ou tres casas á beira dun camiño noutro lado... E así o espazo foise salpicando de “pintas”: A Rabaza, as estradas da Lonea, da Granxa ou de Celanova, A Cruz Alta, O Polvorín, Mariñamansa, O Couto... Cando estes e outros moitos núcleos foron “engordando” acabaron por atoparse, xuntarse e constituír o Ourense da ampliación. |
![]() ![]() ![]() ![]() |
Outro factor de ampliación foi a absorción, en 1943, do Concello de Canedo o cal, aparte dun vasto territorio rural, aportaría unha próspera unidade urbana, Ponte Canedo, ó conxunto cidadán. |
![]() | Vista parcial de Ponte Canedo nunha postal de L.Roisin de c. 1930 na que se ven construcións do Camiño de Peliquín coma, por ex., o antigo Cuartel (de Canedo) da Garda Civil. |
![]() | Outra postal, esta de P. Ferrer, c.1910, con outra vista parcial cercana á anterior. |
A substitución.- Outras veces en vez de facer cidade nova optouse por cambiar o que xa estaba feito e -incluso en moitos casos- consolidado. Edificios que xa conformaban a urbe foron reemprazados. As veces o cambio estaba xustificado. Noutras ocasións os valores urbanos e estéticos quedaron esquecidos ante intereses particulares.
Hai un progreso material cando se substitúe un chamizo de pallabarro por unha casa de pedra con estilo; pero non pode habelo cando se derruba un edificio modernista para mudalo por outro anódino, eslamiado e standard. Pode que o novo sexa máis confortable e con máis capacidade de almacenaxe de xente, pero o conxunto urbano queda empobrecido. O primeiro Plan de Ordenación urbana non foi aprobado ata 1955, seguido de outros varios, resultando - pódese dicir que todos eles- bastante ineficaces á hora de frear o descontrol imperante.
Con este descontrol os empeños privados impuxéronse á prestancia pública, as tebras da ignorancia ás luces da sabenza, a falta de sensibilidade ós criterios do bo gusto e Ourense, coma sen non fose merecente de telo, perdeu unha gran parte do seu patrimonio arquitectónico. Coa indulxencia dunhas autoridades máis pendentes de superar as estatísticas e recadar taxas ca de outras cousas. Con técnicos forzados pola competitividade a esquecer, ou eludir, saberes adquiridos. Coa tolerancia dunha poboación entre sorprendida, despistada e cómplice. E deste xeito moitos edificios de “pedigrí” ourensán foron suplantados por outros vulgares, exactamente iguais ós de centos de barrios anódino-modernos de calquera lugar do mundo, clons ou fotocopias uns de outros. E menos mal que coa chegada da democracia se impuxo unha mentalidade máis sensible e máis cívica e esixente senón hoxe Ourense tería desaparecido. Si, desaparecido. O seu lugar -exactamente o mesmo espazo- estaría suplantado por outra cidade, chamada -incluso- da mesma maneira, pero... que non sería Ourense. |
Anexos: |
Un paseo polo tempo Rúa Xoán XXIII (Diagonal) Progreso Ponte Canedo |
![]() Volver ó principio desta páxina |
![]() Ir ó índice de Memoria de Ourense |
![]() Ir a INICIO |
© M.D.Q.-2011