MEMORIA DE OURENSE |
|||
|
Para evitar a conxestión da Ponte Vella (a Romana) e para facilitar a comunicación ca estación do FF.CC., aberta en 1881 no Concello de Canedo, o Ministerio de Obras Públicas construíu esta segunda ponte, chamada Ponte Nova. Adxudicada en 1910 a unha empresa de Bilbao, por un importe de 1.157.000 ptas., inaugurouse con gran pompa popular o 20 de xuño de 1918, unindo (como segunda alternativa) ós dous concellos que daquela había en cada unha súa beira do río. Esta ponte e, antes, a estrada Villacastín-Vigo determinaron o desenvolvemento urbanístico de Ourense. A partir deses feitos a cidade comezou a saír daquela área restrinxida e tradicional na que estaba asentada -os arredores das Burgas e da praza Maior- e encetou a súa novedosa e constante andadura de cara ó río Miño e á Ponte Vella, dos que, a dicir verdade, sempre estivera, ata entón, "relativamente" lonxe. |
© M.D.Q.-2007