Contribución a unha Toponimia de Canedo

I.- Introducción

II.- Lugares de Canedo



Por Manuel Domínguez





I.- Introducción

Gustaríame que houbese  un traballo sobre os topónimos de Canedo. Como non o hai pensei en facer eu unha escolma con todo o que puidese atopar en distintos traballos, pero, nas poucas obras que hai sobre a toponimia de Galicia, tampouco localizo material referido ós lugares habitados de Canedo. Entón, en vista diso, vou iniciar eu “algo” coa ilusión e desexo de que tras miña veña alguén, con máis medios e coñecementos, que poida amplialo e completalo. Con isto xa estou a dicir que o que vou ofrecer  non son máis que uns apuntes, unha lista de pistas, propostas ou hipóteses que nunca serán concluíntes nin definitivas.

A Toponimia é unha disciplina difícil, complexa e enrevesada. Quizais por isto precisamente resulta tan atractiva. A laboura nela semella o traballo dun detective. Parte da curiosidade innata das persoas por saber o significado do nome dun lugar. ¿Por que tal sitio se chama como se chama, moitas veces desde tempos inmemoriais, incluso prehistóricos?

Os tratadistas clásicos distinguen entre topónimos transparentes e topónimos opacos segundo teñan ou deixen de ter algún significado para as xentes que entendan a lingua do lugar. A Ponte ou El Puente é un nome do que todos saben a que se está referindo. É un topónimo transparente. En cambio, Untes, na actualidade, non sabemos (ou non sei eu) que quere dicir. É un topónimo opaco.

Os transparentes, que soen coincidir con palabras do léxico común, en Galicia teñen a particularidade de que, debido ó carácter arcaico de tal romance, a maioría das veces non se sabe se a palabra é latina ou galega polo que o mesmo pode ser un topónimo do século II d.C. como de tempos recentes.
Todos os opacos nun primeiro momento significaron algo. Podía ser un elemento xeográfico (un río, un monte...), unha característica dese accidente (revolta, pena...), un lugar con determinadas arbores (freixedo...), unha construción singular (muíño...), o nome do propietario ou poseedor do terreo, etc.  Nese momento todos sabían de qué estaban a falar. Pero os pobos foron cambiando e as falas tamén. Algúns deses nomes foron traducidos. Outros xa tiñan a súa palabra tan asentada como topónimo que se seguiu dicindo igual. Igual ou parecido, porque os cambios de lingua ou as evolucións das mesmas traen consigo unhas fonoloxías distintas e unhas adaptacións. Co paso do tempo a forma resultou ser distinta da orixinal e incomprensible para os usuarios.

Ás veces, o pobo ante un nome enigmático, pero parecido a algunha palabra do linguaxe común  adopta  esta para facer o nome comprensible. É o que se coñece como etimoloxía popular. (A etimoloxía popular –chamada por algúns etimoloxía asociativa- parte da “necesidade da xente de que os seus topónimos lles “digan algo”.)
Un exemplo de etimoloxía popular témolo no Barco de Valdeorras. O primeiro nome, prerromano, era ibar-ko, ‘val’. Chegado un momento resultáballe descoñecido e pensarían que estaba mal dito e identificárono cun ‘barco’. Ata é posible que houbese algunha barca para cruza-lo río que lle servise de coartada. 

Sabendo isto parecería sensato buscar documentación escrita para ver, polo menos, como se dicía cando un nome se empezou a escribir. Pero esta solución tampouco vale. Os documentos antigos (digamos a partir do século X) foron alterados, inda que fora, moitas veces, de boa fe. Escribáns, copistas e notarios (ás veces foráneos) pensando que un nome estaba mal posto facían as súas ultra-correcións poñendo un nome que lle soaba mellor ou, simplemente, dándolle unha forma latina a algo que non o era.
Un exemplo destas prácticas “cultas”  témolo nos topónimo “Eirexa” e "Igrexa" . En Galicia hai moitos e a maioría coinciden en designar o lugar concreto onde está situada a igrexa parroquial, pero tamén hai sitios así chamados que non teñen nada que ver con tal construción nin derivan do latín ‘ecclesia’ senón de nomes de persoa prerromanos como  Erhesius, Gerexso e outros.

Todos estes casos son os que configuran un terceiro grupo de topónimos (ademais dos opacos e transparentes): os “transparentes aparentes”.
Con todo isto –visto por riba e polo sinxelo- xa se pode un facer a idea das dificultades que a Toponimia ou Toponomástica trae consigo. Dificultades que non só están en descubrir o significado dos nomes opacos senón, e tamén, en saber de un que aparentemente é transparente se realmente o é ou se nos está encubrindo outro opaco.
Un exemplo  chamativo (pero non illado senón un entre tantos) é o do Concello de Valdoviño o cal, para calquera galego –e así se considerou sempre- quere dicir simplemente “Val do viño”. Pois ben, estudos máis modernos, consideran que en realidade trátase da evolución dun antropónimo (nome de persoa), correspondente a un primeiro colono de nome xermánico (non quere dicir que el o fose) chamado Baldewín (que hoxe sería Balduíno).

As opinións dos expertos son todas moi distintas e, ás veces, sen relación entre elas. Hai quen ten preferencia polos topónimos derivados de presuntas palabras celtas, outros escudriñan non antropónimos dos poseedores de nome xermánico. Algún remóntase a unhas supostas raíces preindoeuropeas. Os máis tradicionais rebuscan unha explicación no latín.
Despois de todo isto ¿que podo facer? Como moito recoller a información que poda atopar e deixar constancia dela, pero sen ousar sacar ningunha conclusión. O tempo e os futuros estudos de outros decidirán. Polo tanto non busques nisto o tratado dun erudito senón os apuntes dun “amateur”.

SEGUIR (II.- Lugares de Canedo)