
canedo.eu

O camiño de Santiago (Sant Iago) foi en tempos históricos (xunto coa de Roma e a de Terra Santa) unha das tres grandes rutas de peregrinación relixioso-católica máis importantes do mundo. Segundo a tradición ten a súa orixe no ano 820 cando se descubriron, en Iria Flavia, os restos mortais do Apóstolo Xacob, coñecido por Iago en Galicia e por Santiago no resto de España.
Durante séculos a devoción popular encarnouse en arriscados viaxes a través de malos e perigosos camiños (a maioría deles antigas vías romanas), con devotos non só dos reinos ibéricos, senón de toda Europa e significando, á parte dunha masiva manifestación relixiosa, toda unha relevante relación cultural, intelectual, social, artística e económica entre os peregrinos e os lugares dos camiños.
A palabra 'camiño' no contexto desta presentación pode ter dúas acepcións distintas: A primeira -a máis importante e que eu escribirei con maiúscula- é a desa experiencia de vida cuxo miolo non é só o feito de chegar senón todo o proceso de ir. A segunda refírese as distintas rutas, vías ou itinerarios. Estes camiños son o medio e a realización do Camiño é o fin en si mesmo.
Fai clic nun nome de camiño
O seu nome en hebreo era Ya’akov, que pasou ao latín como Iacobus. Este nome deu orixe ao galego Iago ao mesmo tempo que a composición latina Santus Iacobus se converteu no castelán Santiago. Outras evolucións, en distintos idiomas, deron lugar a Jacobo, Xacobe, Jacob, Yago, Tiago, Jaime, Jaume, James, Jacques, Giacomo, Diego, etc.
En galego a forma máis antiga documentada é a de Xácome (daquelas escrito Jácome). Pero hai outras variantes como Iago, Tiago, Diego e Xaime. A forma castelá, Santiago, excede a cuestión idiomática debido a que a súa orixe está nun berro bélico Sancte Jacobe, usado polas tropas cristiáns na Reconquista o cal pasou a ser unha referencia para todos os súbditos do reino de Asturias, primeiro, e, logo sucesivamente, de León e de Castela.
Os evanxeos refírense a el como “o Maior” para distinguilo de outro Iacobus, o denominado “Menor” ou “Alfeo”. Era irmán de Xoán, ambos fillos de Zebedeo e Salomé. Xesús, nunha ocasión, alcumounos Boanerges (Fillos do trono) polo seu carácter impetuoso. Eles dous xunto con Simón (Pedro) formaban o trío de preferidos, presentes nas ocasións máis sobranceiras.
Segundo a Biblia ambolos dous (igual ca Pedro e Andrés) eran pescadores no lago de Xenesaret cando Xesús os atraeu para ser seguidores seus e durante 3 anos foron discípulos e testemuñas da súa vida e das súas obras.
Despois de executado Xesús na Cruz eles, xunto cos outros discípulos, trataron de esconderse temerosos de pasar polos mesmos avatares do Mestre, pero ao cabo de 50 días todos eles, milagrosamente, tornáronse decididos, resoltos e arriscados ao mesmo tempo que instruídos, converténdose en prosélitos afanosos de pregoar as ensinanzas de Xesús non só en Xerusalém senón polo mundo coñecido. A ese efecto decidiron dispersarse pola terra para anunciar a Boa Nova. Xacobo escolleu o “fin do mundo” (finis terrae) como destino e realizou a súa labor evanxelizadora na Hispania. Acadou adeptos e discípulos e deixou a semente do cristianismo na península ibérica.
Volto a Xerusalém continuou alí a súa actividade, pero no ano 44, o rei Herodes Agripa mandouno decapitar, sendo o primeiro apóstolo en sufrir martirio. Os seus discípulos recolleron o corpo (o que estaba prohibido), embalsamárono e trasladárono en barco ata os confíns do mundo onde o Apóstolo estivera predicando. (Podería ser que a ruta mariñeira fose a mesma ca que fixera en vida.)
Atracaron no porto de Iria Flavia, porto romano no territorio da tribo celta Capori. A autoridade desa comunidade, a Raiña Lupa, despois de varias peripecias, facilitoulle un carro con touros para transportar o corpo chegando así ata o monte Libredón onde o enterraron. Os discípulos Teodoro e Atanasio quedaron de coidadores do sepulcro. Cando morreron foron enterrados no mesmo lugar.
O paso do tempo e os avatares e vicisitudes históricas farían que a localización dese conxunto funerario quedase esquecido.
A pesar dese esquecemento perdurou unha tradición popular sobre a existencia dese sartego, tradición documentada, entre outros, por Beda o Venerable ou o Beato de Liébana.
Beda o Venerable, monxe e erudito inglés (c. 672-735), posuidor dunha excepcional biblioteca e prolífico escritor, sinalou que Santiago predicara en Hispania y que estaba enterrado nas terras occidentais da Península Ibérica.
Ese emprazamento foi o descrito posteriormente como arcis marmoricis.
Esta localización tanto se pode referir a unha construción como a un topónimo. Pode ser “lugar de arcos de mármore” ou o nome dun lugar. A este respecto hai que salientar que hai moitas versións desta denominación (arcis marmoricis, achaia marmarica, achaia marmorica, etc.) o que induce a pensar que os escribas non tiñan claro onde estaba iso o que motivou versións variadas nas copias dos escritos.
Nalgún texto ulterior (coma o Breviarium Apostolorum de finais do s. VI) tamén se afirma que o apóstolo Iago o Maior está enterrado en Achaia Marmarica que se identifica con arcis marmoricis.
No ano 820 (hai quen di que entre 820 e 830) nun lugar despois chamado Compostela, diocese de Iria Favia, foi descuberto –en circunstancias extraordinarias detalladas pola tradición- o sepulcro de Apóstolo Xacobo.
O descubridor do sepulcro foi un anacoreta chamado Paio quen llelo comunicou ao bispo Teodosio e este, á súa vez, ao rei Alfonso II “o Casto”.
Alfonso, educado no mosteiro de Samos (Lugo) e rei de talante relixioso, debería acoller a noticia con entusiasmo, pero quizais lle supuxese unha contrariedade pois viña rachar os plans que tiña para Oviedo, onde -nun templo prerrománico fundado polo seu pai Fruela e no que se gardaban, na chamada Cámara Santa, valiosas reliquias visigodas traídas de Toledo por antecesores seus- pretendía facer dese lugar un importante santuario. Con todo convenceuse, ou convencérono, da importancia do descubrimento e no ano 834 trasladouse ao lugar do achado. Cando chegaron atoparon (nun cemiterio romano abandonado) un arcaico mausoleo de mármore, de época romana, con 3 sartegos e, neles, cadanseus corpos; un deles decapitado.
Pode que Afonso estivese desconfiado do valor daqueles restos, pero o bispo Teodomiro lograría convencelo, aínda que non saibamos como, e el, o rei, ordenou edificar un templo para resgarda-la tumba e mandou construír tamén un mosteiro (Antealtares) no que acoller a unha comunidade de monxes que velaría polo sepulcro.
Teño lido en moitos sitios (páxinas web) que cando Paio e Teodomiro atoparon a sepultura había un escrito (?) que dicía, en latín, ·"Aquí xace Jacobus, fillo do Zebedeo e de Salomé". Pero o raro é que esa referencia non estea en todos os estudos sobre o tema.
Máis tarde consideraríase esa viaxe de Afonso II como a primeira peregrinación, mais está por ver se ese percorrido foi efectivamente unha afervoada romaría para venerar persoalmente aquelas reliquias ou se foi unha visita de inspección e control. De tódalas maneiras esa ruta determinada -aproveitando antigas calzadas romanas e cun percorrido dos 320 km. que separaban Oviedo daquel novo lugar sacro- quedaría marcada coma o primeiro camiño de Santiago, o chamado “camiño Primitivo”.
Alfonso II, alcumado “o Casto” (porque morreu sen ter tido nin cónxuxe nin fillos) vivíu nun tempo moi convulso (acorde aínda coas malas prácticas visigóticas). Naceu cara o ano 760 e sendo aínda neno asasinaron ao seu pai o rei Fruela I. Os seus achegados, por precaución, levárono a el e mais á súa nai a Galicia, ao prestixioso mosteiro de Samos onde se criou e foi educado. A formación obtida ao cabo dos anos foi moi superior á normal da nobreza da época. Cando accedeu ao trono no ano 791 era un personaxe moi relixioso, culto e preparado. Reinou ata o 842, ano no que morreu. Os historiadores considérano o estabilizador daquela monarquía, ata entón dabondo axitada.
Nese ano 820 (é dicir, 109 anos despois da invasión musulmá e 98 da batalla de Covadonga) a maior parte da península estaba ocupada polo emirato de Cordoba, o Al-Andalus. Ao Norte estaba a Marca Hipánica, oa sur dos Pirineos, e no recuncho norte e noroeste (na Gallaecia) estaba o incipiente Reino de Asturias. O reino polo sur chegaba ata o río Duero, e polo leste lindaba coa dita Marca Hispánica.
Se ben nos mapas de deseño actual se sinala o río Duero coma unha fronteira lineal na realidade esta non era unha liña senón unha franxa moi extensa de territorio ermo e despoboado, unha terra de ninguén.
A palabra ”marca” daquela (no baixo latín) significaba “territorio fronteirizo” e, concretamente, a Marca Hispánica era unha especie de barreira defensiva formada por varios condados contiguos, ao sur dos Pirineos, para reter a ameaza do Islam. Fora promovida (uns anos antes ) polo emperador franco Carlomagno cuxos sucesores a seguían controlando. Tiña nos seus extremos os condados de Pamplona e Barcelona. Co paso do tempo, despois de morto Carlomagno, todos os condados iríanse independizando dos francos e acabarían sendo asumidos polos novos reinos de Navarra e Aragón.
No ano 820 no reino de Asturias a lingua escrita era o latín medieval e as linguas faladas serían unhas deturpacións do latín vulgar, preludios dos romances que se estaban a formar.
A noticia da descuberta foise estendendo (se ben de vagar, algo propio daquel tempo). Xentes do reino, monxes e algúns nobres, imitando ao rei, decídense a camiñar ao “locus Sancti Iacobi” para render culto ao Señor Santiago. A finais do século xa hai franceses e alemáns que fan o mesmo.
No século X, a práctica relixiosa das peregrinacións que algunha xente (minorías) realizaba á cidade de Roma (os “romeiros”) ou a Terra Santa (os “palmeiros”) veria incrementada as súas posibilidades de peregrinaxe con esta nova alternativa. Fose porque esta ruta resultase máis accesible que as anteriores para os cidadáns europeos, pola novidade en si ou por seguir o exemplo do rei Afonso o caso é que moitos devotos (nativos e foráneos) seguindo antigas vías romanas, encamiñaban os seus pasos a este lugar situado nun extremo do mundo.
A usanza foi a máis acadando ao seu máximo esplendor nos séculos XI, XII e XIII. A Coroa, o Papado e as ordes monacais defenderon a práctica do “Camiño”. Arranxo de estradas, construción de pontes, fundación de hospitais ao longo das rutas e unha conciencia, xeneralizada entre a poboación, da idea de hospitalidade fundada nunha valoración relixiosa do peregrino, merecedor de acollida, contribuíron ao éxito. A rede de hospitais foise formando coas ideas de hospitalidade, asistencia e acollida aínda que logo, secundariamente, se fose ampliando á atención sanitaria.
En 1122 o papa Calixto II (que anteriormente fora peregrino a Compostela) estableceu o Ano Santo Xacobeo a celebrar os anos nos que o 25 de Xullo, Día de Sant Iacobus, coincidira en domingo. Dende entón veñen celebrándose resultando trece ou catorce cada século. Implican una Indulxencia relixiosa baixo unhas determinadas condicións. O privilexio foi ampliado por outros varios pontífices.
Nos séculos XIV e XV engadíronse aos camiños terrestres unhas rutas marítimas combinando peregrinaxes e comercio internacional.
Os Reis Católicos, despois da toma de Granada (1492), en agradecemento a Santiago polo éxito guerreiro, planearon a construción do Hospital Real de Santiago para asistencia aos peregrinos ao remate da súa romaxe. En 1954 foi transformado en Parador de Turismo.
No século XVI (quizais antes) aflorou a picaresca e xunto cos peregrinos verdadeiros apareceron falsos peregrinos interesados en vivir da caridade ou do roubo. Tiveron que estabelecerse ordenanzas regulando a actividade. En 1590, por exemplo, Felipe II dispuxo que os peregrinos habían de contar cunha determinada autorización.
En 1589 estando o corsario inglés Drake atacando o porto da Coruña e ante o temor de que puidese atacar Compostela o arcebispo ordenou a ocultación do venerado corpo. Foi acochado no presbiterio, pero nun punto descoñecido polo que estivo oculto durante varios séculos ata que foi descuberto no ano 1879.
Nese mesmo século XVI chegaría a crise do camiño por unha chea de motivos: a Reforma protestante, as múltiples guerras de relixión que se xeraron por toda Europa, os cambios de mentalidade, etc. As peregrinacións nunca se extinguiron de todo, pero o número de participantes pasou de masivo a reducido.
Cara finais do XVIII tivo outros atrancos motivados pola Revolución francesa e polos procesos de desamortización que privaban de aloxamento aos peregrinos.
En1879 con motivo do re-descubrimento do corpo comezaría a recuperación, favorecida pola publicación en 1884 (despois dun longo proceso canónico) dunha bula do papa León XIII, a Deus Omnipotens, confirmando a autenticidade das reliquias. Isto daríalle un novo impulso as peregrinacións ata ser truncado pola guerra civil e as outras guerras europeas e mundiais.
Un novo restablecemento chegaría nas últimas décadas do pasado século XX.
A mediados do s. XX a práctica das peregrinacións era mínima aínda que nunca chegase a desaparecer do todo, mesmo tendo repuntas nos Anos Santos. Non obstante empeza a asomar unha lixeira arela de recuperación.
Na década de 1950 o Padre Elías Valiña, crego do Cebreiro, promoveu a restauración do Hospital e igrexa de Sta. María do Cebreiro. Na década dos 70, el e máis un equipo de colaboradores, dedicáronse a sinalizar o camiño pintando frechas amarelas. Este crego ten dúas teses doutorais e unha guía sobre o tema.
En 1965 o “Ministerio de Información y Turismo” publica a primeira guía moderna.
En 1982 recibe un forte empuxón coa peregrinación do papa Xoán Paulo II.
En 1987 o "Consello de Europa" crea a figura dos Itinerarios Culturais e a primeira certificación que emite, ese mesmo ano, é, xusto, a do “Camiño de Santiago de Compostela”.
En 1989 Xoán Paulo II repite a súa visita a Santiago.
En 1991 a Xunta de Galicia crea unha empresa pública para xestionar o Plan Xacobeo, un proxecto turístico-cultural ao abeiro do pretexto relixioso.
O 1993 sería un ano dun pulo rotundo:
- É un Ano Santo.
- A UNESCO declara Patrimonio da Humanidade ao camiño de Santiago Francés.
- A Xunta potencia indirectamente o Camiño co seu Xacobeo-93, un programa lúdico-turístico con necesaria implicación relixiosa.
A repercusión posterior pódese ver nestes datos:
O número de peregrinos oficiais no ano 1992 fora de 9.764 persoas e ao ano seguinte, 1993, chegaron aos 99.436 continuando anualmente con incrementos progresivos de tal xeito que no ano 2023, segundo a Oficina do Peregrino, o número de Compostelas expedidas foi de 446.078 e no ano 2024, 499.242.
Outras datas: 1998.- A UNESCO amplía a consideración de Patrimonio da Humanidade aos camiños por Francia.
2004.-A Fundación Príncipe de Asturias concede o Premio da Concordia ao Camiño de Santiago e o Consello de Europa elévao á categoría de “Gran Itinerario Cultural Europeo”.
2010.- O papa Benedito XVI visita a catedral de Santiago.
2015.- A UNESCO amplía o seu patrocinio ao camiño da Costa (Norte), ao Primitivo e a algúns subsidiarios.
A medra actual desta centenaria práctica é indubidable, cando menos en termos estatísticos, pero ao admirar eses datos asemade xurde a dúbida de se esta práctica será en esencia a mesma de sempre. As condicións de vida do peregrino actual, a súa mentalidade e os recursos á súa disposición nada teñen que ver cos mesmos parámetros do peregrino medieval. Habería que coñecer as íntimas motivacións duns e dutros.
Do peregrino medieval (salvo as inevitables excepcións) damos por feito que o facía por motivos relixiosos, pero ante os de hoxe podemos preguntarnos ¿Por qué hai xente que “perde” o seu tempo cun traballoso exercicio físico, machucando os pés dia tras día, cargando cunha mochila, durmindo de calquera maneira, case á marxe da civilización, sen (teoricamente) comodidades, sen medios ante riscos imprevistos e sen remuneración económica?
Ante esta pregunta é imposible atinar cunha resposta única. Cada persoa ten unha personalidade e unha psicoloxía distinta e pode haber tantas motivacións coma participantes. Con todo, a grandes trazos, podemos aventurar unhas xeneralidades:
Moitos, claro que si, farano por devoción, é dicir, por motivos relixiosos (veneración e honra, promesa, súplica, agradecemento, sacrificio, penitencia…). Outros por motivos espirituais non necesariamente relixiosos (busca persoal, reflexión, vivencia inédita …). Outros coma un reto deportivo, unha experiencia de proximidade á natureza, unha inquedanza cultural, unhas vacacións distintas, un desexo de aventura, un xeito de turismo ou, simplemente, por apuntarse a unha moda. Por haber ata hai, aparte dos peregrinos, o que agora, cun popular neoloxismo, se lles chama turigrinos.
Na evolución do Camiño, e acorde co desenrolo dos tempos, hai que destacar –fronte á austeridade de épocas pasadas- o incremento e medre de servizos para o peregrino, comezando polo aloxamento. Aos albergues tradicionais –prestados xeralmente por ordes relixiosas nos seus mosteiros- agora hai que engadir albergues públicos (municipais, autonómicos ou de asociacións) e particulares xunto con moitos establecementos de hostalería privados. Á parte diso hai moitas axencias de turismo especializadas no Camiño, todas elas co seu sitio web, onde programan viaxes, reservan prazas e facilitan toda crase de axuda. Hai tamén empresas que transportan a equipaxe e mais autobuses que levan ao peregrino ao punto de saída. En suma, unha complexa armazón económica e comercial.
De Arcis Marmoricis a Santiago de Compostela
Espazos primitivos.- Cando o rei Afonso I se atopou ante a edícula onde estaban os restos do Apóstolo mandou edificar sobre ela unha pequena igrexa que lle servise de protección. Tamén ordenou erguer un baptisterio e un pequeno cenobio para acoller a unha comunidade de monxes que coidarían dese conxunto. Este espazo, ao que se engadiría unha residencia do bispo e algunha dependencia eclesiástica mais, quedaría delimitado pola doazón de terras do rei acoutando un espazo ao redor do sepulcro. Este conxunto sería chamado, nun principio, Arcis Marmoricis. Máis adiante pasaría a ser coñecido como Locus Sancti Jacobi, “Lugar do Sant Iago”.
Non conseguín saber se esa denominación primitiva de Arcis Marmoricis xa existía ou se foi empregada en consonancia co texto do Breviarium Apostolorum. Pode que os nativos e veciños da contorna soubesen da existencia dun cemiterio romano en ruínas e que o coñecesen por ese nome. De ser así hoxe para nós ese nome sería unha expresión difícil, pero para eles, daquela, sería un nome vulgar. Ou tamén pode ser que o nome estivese totalmente esquecido e que o denominasen así por coherencia, para axustalo a un texto previo.
A mediados do século xurdirían novas construcións como a igrexa de Santa María da Corticela, un hospital de peregrinos e un rudimentario sistema defensivo, limitado a ese conxunto sacro.
Ao mesmo tempo, ou mellor dito, deseguido, iríanse asentando, fora dese círculo, xentes vidas da bisbarra para axudar aos monxes, traballar nos distintos labores de mantemento e construción e para dar algún tipo de atención aos primitivos peregrinos. Irían vindo canteiros e artesáns de todo tipo, mercadores e tendeiros. Abriríanse tascas e adegas, pousadas e mesóns. Quizais algún labrego, á parte dos monxes, probase a cultivar algo.
Este barrio, este arrabalde exterior, separado do Locus tería algún outro nome, pero a primeira noticia que se ten dise dato é do 955 no que, por primeira vez, se ten constancia do nome Compostelle. Na segunda metade do s. XI xa é habitual pero como elemento da frase ”urbe compostelle” ou "civitas compostelle". E sempre empregado para nomear exclusivamente á aldeola ou vilariño que se fora formando á beira do espazo sacro.
A mediados do s. XI, cando o conxunto veciñal tiña xa certo volume, o bispo Cresconio derrubou o muro que cinguía o locus Sancti e ergueu unha nova muralla en condicións que abarcaba todo o conglomerado. Tiña uns 2 km de contorna y cercaba un espazo de 30 hectáreas.
A partir de aí, máis ou menos, haberá un topónimo único para referirse ao conxunto unido dos dous espazos. Será xa o nome composto “Santiago de Compostela”.
Esa muralla, con pequenos cambios ao longo do tempo, duraría ata o s. XIX.
Catedral.-
A primixenia igrexa mandada construír por Afonso II, quedouse pequena pola afluencia de peregrinos aos poucos anos de levantada e ademais, esa afluencia ía en aumento. Así, en 872 o rei Afonso III “o Magno” ordenou a súa substitución por unha magna basílica que sería consagrada con gran pompa e a presenza de toda a corte ástur no ano 899.
Sería destruída –aínda que respectando o sepulcro- xunto coas demais edificacións, por Almanzor no ano 997. Foi reconstruída polo bispo Pedro de Mezonzo, pero cara o 1075 foi derrubada de novo para principiar as obras de actual catedral. O principal da obra sería rematado por Diego Xelmírez en 1122.
As dúas primeiras igrexas foran pre-románicas proxectándose cun novo estilo (chamado despois románico) esta Catedral, pensada para grandes concentracións de devotos e contemplando a posibilidade de varios actos litúrxicos simultáneos.
En 1168 o rei Fernando II de León, decidido a patrocinar aquelas obras, puxo ao fronte delas a o mestre Mateo. Este, entre outras cousas, acabaría cara o 1200 o Pórtico da Gloria e diante súa unha fachada (coñecida polos historiadores como a "medieval"). A catedral foi consagrada solemnemente o 11 de abril de 1211.
As obras continuaron co transcurso dos tempos: Claustro, ciborio, capelas, capelas funerarias, torres, etc.
No s. XVI, período renacentista, viría un século de reformas e ampliacións. No s. XVIII foi rematada, por Fernando de Casas, a barroca fachada occidental, a da praza do Obradoiro (chamada así porque tal era –obradoiro de cantería- o cometido dese espazo). Esta fachada substituíu á medieval pero conservando algúns elementos.
O conxunto catedralicio, marabilla do arte universal, descúbrenos mostras iniciais do románico de hai 900 anos ata outras do neoclasicismo de hai 200, pasando por achegas góticas, renacentistas e barrocas.
A catedral foi nomeada Ben de Interese Cultural en 1896 e a cidade vella que a rodea foi declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade en 1985.
Foto: https://www.turismo.gal/
A xurisdición eclesial.-O “lugar de Sant Iago” pertencía, eclesiasticamente, á Diocese de Iría Flavia. Cando a descuberta o bispo Teodomiro fixou nese lugar a súa “segunda residencia” e alí quixo ser soterrado. En 1095 o papa Urbano II ordena o traslado da sé episcopal de Iria Flavia a Compostela. Logo, en 1120, o relevante bispo Xelmírez (que rexeu a diocese de 1100 a 1140) conseguiu do papa Calixto II a consideración da diocese como Metropolitana, sendo así el o primeiro arcebispo.
As dioceses sufragáneas de Santiago son as de Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense e Tui-Vigo.
En 1525 o papa Clemente VI crea a Universidade de Santiago, orixinada na escola catedralicia.
O topónimo Compostela.-
Durante moito tempo supoñíase que Compostela era unha evolución da frase latina Campus stellae, “campo da estrela” pero a filoloxía moderna nega tal interpretación porque esa evolución sería irregular. (Á parte diso hai que dicir que tampouco non se axustaría á tradición porque segundo esta –así consta, por exemplo, na Concordia de Antealtares de1077- o que Paio viu non foi unha estrela senón unhas luminarias o cal é moi factible dado que nun cemiterio abandonado e cun clima húmido ben poden aparecer fogos fatuos pola noite.)
Aínda que hai moitas opinións sobre ese étimo a maioría coinciden en consideralo unha derivación de composita, participio feminino de componĕre, “compoñer”, máis o sufixo de diminutivo galego (pre-galego) -ela. Con todo non hai unha idea común do motivo pola que era cualificada así. Uns opinan que tería relación con terra fértil ou co cemiterio romano que alí había (como palabra da mesma familia que “compost”, por exemplo.) Sendo así Composita podería ter directamente un significado de cemiterio ou podería ser un eufemismo.
Outros atendendo a acepción de preparado, arranxado, acicalado, primoroso, etc. que tamén ten a palabra “composto”, din que podería estar falando de cousa (urbe?) ben composta, compostiña, compostela. (Neste caso, en castelán sería "Compuestilla". É dicir, “coqueta, mona, bonita”.)
Vestimenta.- O peregrino “tradicional”, o que vemos retratado en imaxes doutros tempos, danos a impresión de que vai vestido cun habito ou cun uniforme. Non é mais ca un estereotipo e se puidésemos ver varios xuntos veriamos que non hai tal uniforme, aínda que si moitas semellanzas. As circunstancias das peregrinacións, a experiencia e un espírito de imitación, unido á pouca variedade do que hoxe chamamos moda fixo que todos, máis ou menos, se vestisen con roupaxes similares. Roupaxes característicos, non só do peregrino á Compostela senón do peregrino en xeral. Incluso se soe representar dese xeito ao propio San Iago, o que, evidentemente, é un anacronismo.
Para o peregrino medieval vestirse cunhas prendas específicas era unha forma de darse a coñecer ante a xente e ante os servizos que as rutas proporcionaban.
Había cinco prendas que poderíamos chamar convencionais: a capa, a esclavina, o sombreiro, o zurrón e o bordón. O Codex Calistinus no s. XII xa os identificaba con estas prendas.
A capa non debía ser moi curta (para non desprotexerse) nin moi longa (para poder camiñar ben); a esclavina era un reforzo para protexer os ombreiros; o sombreiro ou chapeu mellor con abas anchas; o zurrón (bolsa de pelello) levaba o máis indispensable e o bordón (caxato alto e forte) como axuda e defensa. Este último tamén, dende o s. XV, servía para amarrar na parte superior unha cabaciña con auga ou viño.
A partir dalgún momento impreciso o zurrón e máis o bordón eran bendicidos na súa igrexa cando o portador ía iniciar unha peregrinación.
O peregrino moderno adaptou a vestimenta aos novos usos e as pezas tradicionais foron substituídas pola roupa deportiva, o chuvasqueiro e a mochila.
A cuncha de vieira.-
Na antigüidade a cuncha de vieira xa era un obxecto con distinta simboloxía segundo as culturas (amor, voluptuosidade, fecundidade, guerras, etc.) e ás veces era usada como amuleto.
No mundo das peregrinacións, nos primeiros anos foise argallando o costume de facerse cunha cuncha de vieira ao chegar a Santiago para levala prendida de volta coma proba clara de que se rematara o camiño. Moitos peregrinos conservábana de por vida e incluso algúns querían que, chegado o momento, os enterrasen con ela. Máis tarde creouse un certificado en latín para os que fixeran o camiño, pero os peregrinos seguiron levándo e ostentando as cunchas, unhas veces coma un talismán protector e outras coma un recordo da aventura. O caso é que quedou
como símbolo xacobeo e úsase incluso como logotipo ou coma sinal de ruta. A valva superior ten catorce sucos ou estrías concorrentes e algún autor suxire que simbolizan os distintos camiños que desde Europa coinciden en Compostela.
En castelán para denominar á cuncha da vieira usase o termo venera e para designar ao molusco o de vieira, tomado, como préstamo, do galego. Ambas palabras derivan do latín veneria e este do nome de Venus (a deusa romana do amor).
Cando se representa nun muro soe pintarse de cor amarela enclavada nunha forma de azulexo con fondo azul.
A vieira, como é sabido, é un bivalvo. Pois ben, a valva superior (convexa) é a usada no contexto xacobeo mentres a inferior (cóncava) se utiliza en representacións da deusa Venus.
A cruz de Santiago.- É outro símbolo xacobeo. Trátase dunha cruz, latina en principio, pero modificada de xeito que semella unha espada ademais de que os brazos laterais rematan nunha estilizada flor de lis
(que simbolizaba na Idade Media o honor sen marcha) e o tramo superior (o puño da espada) cun adorno que en heráldica se chama panela (unha folla de álamo). É de color vermello, “goles” en heráldica.
Inicialmente foi o símbolo da Orde dos Cabaleiros de Santiago, orde militar-relixiosa, fundada en 1170 para protexer aos peregrinos ao longo do camiño de Santiago así como, tamén, loitar contra o invasor musulmán. Os seus membros levaban esa cruz no seu estandarte e nas súas capas brancas.
Rematada a Reconquista a Orde foi evolucionando ata converterse a partir do s. XVI nunha orde honorífica controlada pola Coroa. Por iso se ven con ela, na roupa do peito, a imaxes de personaxes históricos coma Quevedo ou Velázquez (no seu autorretrato no cadro das Meninas.).
A credencial e a Compostela.-
A credencial do peregrino é o documento oficial que acredita ao portador como realizador do camiño. Ten a súa orixe nun documento que na Idade Media se lle daba aos peregrinos a modo de salvoconduto.
Ten que ser selada en cada etapa e, á parte de identificación (para, por exemplo, acceder aos albergues) serve para obter a Compostela.
A Compostela é un diploma acreditativo de que se fixo o Camiño, expedido pola Oficina do Peregrino. Está condicionado a que se admita que a ruta foi feita con sentido cristián e a que se recorreran a pé ou a cabalo os últimos 100 km. (ou 200 en bicicleta) por rutas recoñecidas pola Catedral. Para confirmar isto haberá de presentarse a credencial cos selos correspondentes. (Os selos poden obterse en albergues, mosteiros, parroquias, hostais, concellos e outros puntos habilitados.)
A iconografía de S. Iago-. A representación artístico-piadosa de Sant Iago é unha das mais variadas da prolixa iconografía cristián. Basicamente asume tres presentacións distintas. Estas son as de Apóstolo, Peregrino ou Cabaleiro.
A representación de Santiago como Apóstolo preséntao cos atributos xerales para todos os apóstolos: Túnica e manto, libro sacro e pés espidos ou con sandalias. É a versión máis antiga e, ao meu ver, a mais lóxica. En ocasións trátase duna figura sedente na cadeira apostólica.
A partires do século XII -co Camiño en todo o seu esplendor- a imaxe mostrada é a de Santiago coma Peregrino. Con bordón (caxato), escárcela (fardel), cabaza, sombreiro, esclavina e cunchas de vieira. Isto móstranos a importancia dada nese tempo ao fenómeno das peregrinacións ata ese punto de representar á figura máis venerable (o do Apóstolo) coas vestimentas dos "veneradores". Esta aparente anomalía, que hai que admitir coma unha licencia artística, trata de ser xustificada por algúns, aducindo que Santiago foi un peregrino enviado por Xesús á unha longa viaxe para evanxelizar á Hispania do fin da terra.
A terceira forma representativa é a do Santiago Cabaleiro. (Coñecido popularmente coma Santiago Matamouros.) Preséntao coma un xinete sobre un cabalo branco, con espada e mais escudo ou estandarte, en plena batalla. Está relacionado con episodios míticos coma a batalla de Clavijo (ano 844) ou a conquista de Coimbra (1064).(O uso desta forma está limitado á península ibérica e mais América Latina.)
Á parte destes tres aspectos representativos algunhas veces preséntanse combinacións de atributos, como, por exemplo, o peregrino que porta, asemade, un libro da palabra de Deus e unha cuncha de vieira.
Foto: https://www.turismo.gal/
Foto: https://www.turismo.gal/
Anexo I.- Polémicas e controversias
Anexo II.- Fotos da cidade do final do Camiño