As 53 comarcas de Galicia



Dende 1997 as provincias galegas están, administrativamente, divididas en Comarcas en virtude do Decreto da Xunta 65/1997, do 20 de Febreiro, que aprobou o Mapa Comarcal.de Galicia.
Este Decreto foi redactado en aplicación da Lei 7/1996, do 10 de xullo, de desenvolvemento comarcal.

A configuración das comarcas como unidades supramunicipais determina que cada Comarca agrupe un número determinado de Concellos. Estos, á súa vez, estan divididos en Parroquias. (A parroquia é en Galicia e Portugal -alí "freguesía"- a unidade básica administrativa. É un concepto civil, independente da idiosincrasia que ten no ámbito relixioso.)

Os termos 'comarca' e 'bisbarra' son sinónimos. Neste traballo empregaremos o primeiro para nos referir a estes entes administrativos e reservaremos o de 'bisbarra' para citar ás comarcas naturais. Hai moitos territorios nos que ambas denominacións son coincidentes.

A maioría das comarcas galegas responden, dende un punto de vista económico, ao tipo de espazos rururbanos, e dicir, territorios de tradición rural que na actualidade están nunha fase dun certo crecemento industrial e de servizos, xeralmente localizados nunha vila (ás veces máis) que fai de polo centralizador. Este esquema é totalmente distinto no caso das comarcas correspondentes ás 7 cidades. Este conxunto (coa implicación dos seus ámbitos periurbanos) absorve o 60% do total dos fluxos da atividade.



ProvinciaSuperficie
(KM2)
Habitantes
1-1-2021
Nº de
Comarcas
Nº de
Concellos
Dens. Poboac.
Hab/Km2
A Coruña   7.950,40  1.119.545 18  93 140,82
Lugo   9.856,10    325.851 13  67  33,06
Ourense    7.273,40   304.91012 92  41,92
Pontevedra   4.494,5   943.93910   61 210,00
TOTAIS29.574,402.694.24553 313  [ 91,11 ]
Fai clic nunha das provincias
(No Mapa ou neste cadro.)

Ver a relación de concellos de Galicia
CARTA-PREFACIO AOS MEUS SEGUIDORES.-
 

      Ola amigo:

      Non hai dúas comarcas iguais. Ao mellor a diferenza (iso que as fai únicas e distintas) é algo moi sutil, difícil de ver, pero o caso é que cada comarca ten a súa propia personalidade. Como me gustaría a mín poder apresala e transmitila! Pero iso non é nada doado. Eu podo reflectir datos, exhibir cifras, describir accidentes xeográficos, enxalzar paisaxes e explicar comportamentos humanos, pero o retrato sempre será incompleto, sempre lle fallará a emoción da vivencia. E iso sen contar coa subxectividade de cada quen.

===   Segue a ler   ===

      Aínda así, consciente das limitacións, vou intentar cando menos uns rudimentarios bosquexos. En consecuencia, en 53 capitulos(1) ou fichas, achegarei unha información constituída por uns feixes de pistas, indicios ou pegadas, a saber: Concellos integrantes, lindes e situación, superficies, habitantes, número de parroquias e datos macroeconómicos, amais duns trazos ou "Feiras" e "Festas". Direiche o porqué.

      Os Monumentos históricos, á parte do seu valor intrínseco, son vestixios da Historia da Comarca e, probablemente, aínda que non se poida comprobar, tiveron a súa influencia nos comportamentos das colectividades do pasado, precedentes das do presente. E hoxe aí están (máis ou menos coidados) prestixiando a súa contorna.

      As Feiras, se ben é certo que non son coma as feiras de hai unhas decadas onde predominaban as transacións de gando, seguen a se celebrar mes tras mes coma un acatamento da tradición. Algunhas van desaparecendo, pero as que quedan fálannos dunha economía de subsistencia propia de tempos pasados e que, sen embargo, aí, na feira, segue presente. Sen esquecer o seu compoñente social e gastronómico: A feira ven ser un instrumento social para veciñanzas espalladas.
Con todo, dado que esta é unha actividade en retroceso e que en pouco tempo moitas poden desaparecer, as datas que damos hai que tomalas coa máxima precaución.

      En canto ás Festas hai que recordar que case tódalas parroquias seguen a celebrar a súa festa patronal. Á parte diso son numerosas aquelas que poderíamos chamar tradicionais (Magostos, Maios, Nadal, etc). Amais disto é ben coñecido o degoro dos últimos tempos por organizar festexos do tipo máis variado: festas gastronómicas, vitivinícolas, históricas, deportivas, musicais, teatrais... Todo isto indícanos que detrás de todas estas celebracións hai unha poboación (ou cando menos unha maioría) á que todo iso lle vai. Sería moi arriscado xuzgar a unha colectividade polas súas festas, pero hai que admitir que tanto a frecuencia coma o tipo de festexos algo quererán dicir. (En Galicia hai 152 acontecementos anuais declarados como "Festa de Interese Turístico". Destes hai 11 co cualificativo de Nacional e 13 co de Internacional.)

      Moito me alegraría que todo isto che chistase. Grazas por me seguir e saúdos.

M. D. Q.


(1).- Os 12 capítulos concernentes a Ourense foron publicados en Novembro do 2020. Os das outras 3 provincias son de Setembro do 2022.

Cerrar