I.- XENERALIDADES

“Tres cousas hai en Ourense ...”

Os ourensáns estamos orgullosos da nosa Ponte Vella e, coido, que con toda a razón. Poucos monumentos se poden atopar desa antigüidade, desa elegancia e apostura -mestura de consistencia e lixeireza-, desa complexidade técnica -a pesar das dificultades aparentemente insuperables-.
Calquera publicación sobre Ourense, sexa do medio que sexa, ou calquera colección de fotografías (tanto turística como privada), sempre mostrará algunha das múltiples e posibles imaxes da nosa querida Ponte. Ponte ... ¿que?

A denominación.- En principio era a Ponte sobre o Miño (en contraposición as pontes do Loña ou do Barbaña), a Ponte do Terrón (topónimo anterior do que hoxe é o Campo dos Remedios, onde se asentaba o Porto Auriense) ou Ponte Maior (por ser así na comparanza con todas as outras pontes da cidade ou coa Ponte Pequena que estaba a continuación). Ata 1881 todo o mundo estaría de acordo en que era unha ponte vella, inda que ninguén lle daba ese nome propio. Pero nese ano construíuse máis arriba, sobre o Miño, nas mesmas proximidades de Ourense, outra ponte, esta de ferro, que de seguida foi cualificada como a Ponte Nova. Por oposición, loxicamente, a anterior pasou a ser a Ponte Vella.

A “romanidade”.- A denominación de “romana” é máis controvertida. É habitual en toda a península ibérica que se tilde, popularmente, de romana a toda ponte de pedra, antiga e de datación imprecisa. Non é o caso da ponte de Ourense, como iremos vendo. A simple vista, e máis se se olla de lonxe, o monumento ten toda a traza dunha ponte medieval: as arcadas de luz decrecente dende o arco central, as bóvedas oxivais na súa maioría, os arranques dos arcos desde a base das pilas e a calzada repartida en dúas costas, etc. son efectivamente características dunha ponte medieval. Pero se nos achegamos, se miramos de cerca, vemos que case tódalas cepas (en realidade todas menos a que se sabe que foi modificada por Melchor de Velasco no século XVII) están formadas por sillares romanos, almofadados, colocados en escrupulosas fileiras tal como eles facían. A cousa non ten dúbida: estamos ante unha ponte medieval erguida por riba dos restos dunha ponte romana.

As polémicas.- O enxeñeiro D. Manuel Durán nun artigo (por outra parte, profuso e documentado) titulado “Identificación de puentes romanos en Hispania” publicado na revista técnica “Obra Pública”, Nº 57, do ano 2002 di que “De acuerdo con esto la magnífica Ponte Vella de Ourense, por ejemplo, no debe llamársele ponte romana ya que la fábrica actual es fundamentalmente de los siglos XIII, XVII y XIX, a pesar de que existen notorias evidencias de que en el mismo lugar existió en época romana otro puente."
Eu (aínda recoñecendo a miña falta de autoridade no tema) sigo a pensar que unha realidade arquitectónica pode ter, ó mesmo tempo, partes dunha época romana e partes dunha época medieval. Cuantificar esas partes é outra cuestión que está aínda por ver. E cando digo cuantificar non me refiro só a porcentaxe de material pétreo existente e visible senón, máis ben, á dificultade de realización de cada unha desas partes.

Unha polémica concreta.- O autor mencionado no parágrafo anterior, na súa tese de doutorado, “La Construcción de puentes en la antigua Gallaecia romana", defendida na Escola correspondente da Universidade da Coruña, fai unha reconstrución hipotética do que puido ser a Ponte romana de Ourense. Basease nas normas de proporcionalidades e simetrías que seguían os romanos. Supón que o arco central tiña un pouco menos de luz ca o actual e que as pilas do lado dereito da ponte estaban máis achegadas ó centro do río. Iso quere dicir que todas esas pilas foron removidas na reconstrución da ponte. Fronte esta postura está a doutros que din que resulta de moi difícil explicación que esas pilas da marxe dereita –cando menos dúas-, que manteñen totalmente a planta e a fábrica en formas tipicamente romanas, fosen reedificadas por completo no século XIII. Falando isto con D. Juan Carlos Rivas, investigador ourensán bo coñecedor do tema (foi o que fixo -entre outras cousas- a primeira medición e planimetría completas da ponte, aínda non superadas), indícame que unha simple vista da obra deixa claro que esas cepas están na súa situación orixinal, pero a maiores diso, engade que é impensable que os construtores e veciños ourensáns da Idade Media tivesen os medios (materiais, humanos e técnicos) para facer esa obra de remoción.
Realmente isto resulta totalmente crible se temos en conta a época da que estamos a falar. Unha época na que non existía Estado, na que a expresión "ben común" era unha utopía, na que non había propiedade pública pois os mellores camiños, e por suposto, as súas pontes, tiñan dono (ou "concesionario") que cobraba por usalos. E falamos dun perdido lugar, o Ourense do século XIII, que por moito que fose sé episcopal e tivese categoría de cidade non era máis ca un pequeno vilarexo cunha poboación entre 1000 ou 2000 habitantes.
¡Se ata nalgunhas épocas tiveron que botar man da prestación persoal, facendo quendas por rúas, porque non tiñan cartos para contratar canteiros!

¿Que foi das pedras romanas?.- Que aquí houbo unha ponte romana está fóra de toda dúbida. Que a traza da ponte actual é medieval tamén. Pero se a primitiva se derrubou e logo se construíu por riba ¿como saber canto é obra de 20 séculos e canto o é de 7? A cousa non é nada doada, máxime se temos en conta que toda a cantidade de pedra inicial (a de pilares, tímpanos e bóvedas) tivo que ser reutilizada pois nin quedou no fondo do río nin ninguén se ía levar o traballo de sacala de alí. E isto pode que complique un pouco as análises.

¿Dúas pontes romanas?.- Non existe documentación ningunha que fale ou que sirva para datar a ponte romana de Ourense. Segundo unhas opinións sería do tempo de Augusto (Emperador do 27 a.C. ata o 14 d.C.), igual que era a primitiva ponte de Lugo. Desta consérvase algunha base nalgún piar. (Ver). Parece ser que os tallamares semicirculares, o tipo de almofadado empregado e os sillares de grandes dimensións nas fileiras máis baixas son detalles propios desta época.
Segundo outras opinións sería do tempo de Traiano (98-117 d.C.), igual que a Ponte de Alcántara ou a de Salamanca.
Hai tamén unha hipótese –ou unha suposición- recollida no libro "Pontes Históricas de Galicia", de Alvarado, Durán e Nárdiz, que contempla a construción dunha primeira ponte no século I a cal sería reconstruída –tamén polos romanos- no século III. Por algúns miliarios atopados da Vía Aquis Querquenis-Ourense-Lucus dedúcese que a tal vía foi renovada en tempos de Caracalla (213-214 d.C.) o que puido implicar, tamén, á Ponte de Ourense, a obra máis importante de todo o trazado.
Durán concreta máis e defende a hipótese de que a primeira ponte tería un arco maior de 28 m. de luz e de que o da a segunda podería ser de 34 m.
Se a hipótese das dúas pontes fose certa abriríase unha terceira posibilidade para explicar o movemento ou reedificación das cepas. Nese caso é factible que a primeira ponte fose construída gardando as simetrías propias da construción romana, pero ó resultar fallida ó cabo de 200 anos, volveríase refacer, esta vez cambiando dúas cepas de sitio. É dicir, en vista do primeiro fracaso decidirían sacrificar a simetría ante a seguridade. Con iso sería certo que esas dúas pilas foron removidas, pero... polos propios romanos. Algo que o Imperio podía facer sen problema, pero non os paupérrimos poderes locais do Medievo.
Se como resultado desa hipotética reconstrución romana o lugar de asentamento das cepas fose o que persiste hoxendía o arco central (entón curvo e con menor frecha ca o actual) tería a mesma luz que agora, 38 metros, o que o tería convertido no máis grande arco de pedra de todo o Imperio Romano.

A plataforma quebrada.- Pola parte de Canedo se nos poñemos ó principio da plataforma e miramos cara a cima vemos que a calzada non vai dereita coma tiña que ser na ponte orixinal xa que as pontes romanas tiñan un trazado lonxitudinal en liña recta. Dito en linguaxe popular está como “trasbeirada”. Isto non se explica cun desprazamento lonxitudinal das cepas pero si sería posible con reforzamentos laterais das mesmas. Calquera pequena variación en sentido transversal, un pouco augas arriba, un pouco augas abaixo, sería suficiente. Entendendo por variación un simple reforzamento dun lateral.

Unha ubicación “predestinada”.- Os camiños pre-romanos, seguramente considerados como “naturais”, foron en Gallaecia os precedentes do trazado das Vías romanas. Ourense condicionada pola situación xeográfica a ser cruce de camiños (estaba, por exemplo, no eixo entre Braga e Lugo, as máis importantes cidades da Gallaecia) só tiña un atranco: o paso do río Miño, levadeiro en épocas de seca, pero dificultoso nas tempadas de temporal. Os viaxeiros primitivos sabían que este paso podía salvarse, segundo as circunstancias momentáneas do río, a pé por un vao alí existente ou nun servizo de barca. Barca cunha tradición que quizais se poida remontar ós indíxenas castrexos de Oira. Estas circunstancias –camiños, vao e barca- foron as que predeterminaron -cando os romanos pensaron en facer unha obra que salvase o Miño no seu curso medio- que este fose o lugar elixido. E así foi como neste lugar ergueron a única ponte sobre o Miño aparte da de Lugo. (En Tui, lugar polo que pasaba outra vía, o paso facíase en barca.) Quizais tal decisión aínda contou ó seu favor con outros incentivos: As proximidades das minas de ouro de Barbantes e Ourantes e dun complexo termal, o das Burgas.

Identificación de pontes romanas.- Hai unha serie de circunstancias construtivas que non resultan concluíntes, pero que si se poden aceptar como orientativas para identificar unha ponte romana:
  • Sillares coidados, xeralmente almofadados, colocados en fiadas alternadas “a soga” e “tizón”.
  • Arcos de medio punto. Con algún caso de directriz rebaixada.
  • Cepas con tallamar. Normalmente sen esporón.
  • Calzada ancha. (4,5 ou máis metros).
  • Sen signos nin marcas nas pedras.
  • Plataforma horizontal (ou , coma moito, un lixeiriño “lombo de asno”).
    A ponte actual, evidentemente, non cumpre todas estas “condicións”, pero o que se ve das partes máis primitivas da obra fan supoñer que a ponte anterior ó século XIII si as contiña.
    Aparte das anteditas circunstancias técnicas estaba tamén presente unha certa preocupación estética, buscando sempre unha harmonía, fose con formas uniformes, simétricas ou proporcionais segundo a magnitude da obra e o tipo de val a salvar.

    As anchuras.- Os romanos pensaban as pontes coma unha continuidade das Vías e o ancho que lle daban era cumprido para que non houbera atascos. En cambio as medievais estaban pensadas para reducir o paso ou, incluso, para paralo para pagar a portaxe. Esta estreitura forzou, posteriormente, a facer apartadoiros para que se puidesen cruzar os carros. As pontes romanas tiñan unha anchura de 4,5 metros ou máis. As medievais, menos de 3,80. (Moi común 2,50). A ponte de Ourense, coma é un "híbrido", é dicir, está montada sobre unha fábrica romana, ten a anchura destas. Pero para "corrixir" isto, basicamente, foi polo que construíron unha torre nunha das entradas . Esta torre hoxe chamaríase "cabina de peaxe".

    Unha “obra de romanos”.- A expresión “obra de romanos” quedou na fala popular -non sen razón- como sinónimo de traballo dificultoso e ben feito. As pontes romanas, ó longo de varios séculos, presentan unha uniformidade construtiva e unha sensación de robustez froito duns coñecementos técnicos (que non foron superados no Medievo), dunha especialización profesional (só posible nun grande imperio) e dunha gran disposición de medios tanto materiais (sofisticadas máquinas que estarían dispoñibles en distanciados puntos xeográficos) como humanos (desde as lexións que cooperaban nesas obras nos tempos “libres”, ata a contratación de persoal especializado, pasando polo uso masivo de escravos e prisioneiros de guerra). Toda esa morea de potencialidades dos romanos non ten nada que ver coas condicións precarias e aldeás da pobre sociedade medieval.
    A primeira preocupación era, loxicamente, a ubicación. Esta estaría determinada, en principio, polas Vías ou Calzadas ás que tivesen que servir, pero o lugar concreto viría condicionado polas condicións de cimentación. Hai libros e tratados que recordan a concienciuda e preparada maneira de construír. Se se quere ver un resumo sinxelo e conciso pódese consultar esta breve páxina do Instituto de Tecnologías Educativas .

    O punto débil da ponte de Ourense.- Non é que no caso que nos ocupa non comprometesen todos os seus coñecementos. O que pasa é que o Miño é moi seu.

    O lugar que escolleron era un fondo de roca, pero na parte central dereita (onde vai unha das cepas do arco principal) esta roca queda tan fonda que por riba dela hai unha capa de materiais sedimentarios que dificultan a localización do firme. Os romanos tiñan fórmulas para superar iso, pero resulta que o río Miño, que se pode botar varios invernos cunha presenza impoñente, pero amable e transixente, chega algún día que se arrevolve, colle folgos con centos de arroios e torrenteiras que desaugan nel todos ó mesmo tempo e vólvese agresivo e temible. Neses casos, cunha acción persistente e feraz, é quen de socavar cimentos, apoios, bases e todo o que se lle poña por diante.
    En Ourense pódese dicir que todas as pilas, agás unha, están apoiadas sobre roca e que todas conservan as primeiras fiadas romanas. Pero esa excepción, a cepa da dereita do arco central é a que sempre estivo de protagonista nos percances históricos da ponte. Pode que xa en tempos romanos. E pode, tamén, que fose a causante da ruína da súa ponte cando os romanos se marcharon. E foi, desde logo, o centro de atención en todos os avatares acaecidos despois da restauración do século XIII, segundo se pode ver pola documentación conservada a partir de 1228.

    A historia da ponte.- Eses imprevistos, alarmas, derrames e remedios, afundimentos e reconstrucións, avarías e arranxos, foron unha constante na historia de Ourense. En palabras de Ferro Couselo: "A historia de Ourense é a historia da súa ponte."

    Cando e por qué se derrubou a ponte primitiva.- Ignóranse ambas cousas, pero, dispois de todo, o raro sería que se conservase intacta. Á parte da falta de mantemento e dos deterioros do tempo, das forzas das riadas e da posibilidade dun terremoto sábese, aínda que se descoñezan as particularidades, de varias destruccións da cidade que, quen sabe, poideran ter afectado á ponte. Esas destruccións foron:
    - o ataque do suevo Remismundo no ano 463,
    - o do mouro Abdelazid, fillo de Muza, no 716,
    - as incursión dos normandos, Miño arriba, nos séculos X e XI e
    - a campaña de Almanzor de 997 (cando asolou Compostela).

    A curva final.- Un detalle construtivo, non habitual, pero si propio dos romanos, é o remate en curva tal como pasa en Ourense pola beira esquerda. Esta curva, aínda que estea modificada, posiblemente teña unha orixe romana. Os romanos construían en recto a plataforma que cubre o van do val, pero nos extremos isto podía variar. A razón é que cando facían unha ponte escollían o lugar máis adecuado e despois levaban a “Vía” a ese sitio. É dicir, a ponte condicionaba os “accesos”. Esta circunstancia a maioría das veces non tería implicación ningunha, pero cando a tiña procedían dunha destas dúas maneiras: ou unha estrada en zigzag –cando había moita diferenza de nivel- como é o caso da ponte do Bibei (“os codos de Larouco”, ¿recordas?) ou unha curva en costa, gañando altura, sempre en dirección de augas arriba. Este sería o caso de Ourense (na marxe esquerda). Pasada o que propiamente é a ponte habería unha curva de cara a actual rúa da Habana. Nesa curva estaba unha ponte “menor” coma continuación –curvada- da grande. Esta ponte, coñecida como a Ponte Pequena e formada por tres arcos, pasaba por riba do Terrón, inundable en tempos de riadas. Hoxe está soterrada (ou suprimida) entre o estribo da ponte maior e o final do acceso. Sábese que na reforma, de 1874, tamén se minorou a curvatura existente debido á cantidade de accidentes que sufrían moitos carros cando gañaban velocidade na baixada da rampla e logo non daban collido curva tan cerrada.



  • Principio Seguinte