II.- O QUE SE SABE.

Século XIII.-
Documentalmente non existe nada sobre a ponte ata que D. Lucas de Tui escribe que no ano 1228 ou 1229 ó bispo D. Lourenzo empezou a construír unha ponte en Ourense, sen mencionar, para nada, os restos que puidese haber. Como os coñecementos históricos da época non eran moi lucidos non se lle daría valor ningún a aquelas ruínas que poidese haber naquel lugar. Sábese que D. Lourenzo tivo axuda de Fernando III a partir de 1232 e nada máis. Nin se sabe en que ano se acabou a obra. Este bispo rexentou diócese e cidade de 1228 a 1248. Antes fora un crego ilustrado, canonista, profesor da Universidade de Bolonia na súa época de máis de esplendor e considerado o máis distinguido mestre daquel entón. O rei de Galicia e León Alfonso IX, para que non marchase dos seus reinos, concedeulle a sé episcopal Auriense.

Século XIV.-
1383.- O rei Juan I concede o privilexio de portádego a D. Pedro Ruiz de Sarmiento. O rei anterior, o seu pai Enrique II, o das Mercedes, en gratitude á súa fidelidade xa lle concedera ó mesmo D. Pedro o señorío de Ribadavia e o cargo de Adiantado Maior de Galicia.

A cuestión do portádego é un tanto misteriosa e penso que non está ainda estudada. En 1393 o rei nomea alcaide da ponte a Xuán de Nóvoa. En 1394 un documento fala de que os dereitos de portádego estaban divididos en tres tercios: Bispo, Cabido e a propia fábrica da ponte. En 1433 o bispo cede os seus dereitos a favor das obras que se estaban a a facer. E en 1441 o rei confirma a concesión a D. Diego, señor de Ribadavia, fillo de D. Pedro.
Coma se ve estas noticias resultan un tanto contradictorias e por outro lado parece ser que despois diso non se volve saber nada ó respecto. Pode que o señor de Ribadavia (ou os seus herdeiros) renunciase a ese privilexio ou lle obrigasen a renunciar se chegado o caso non soupese estar á altura das circunstancias. Estou pensando nas responsabilidades de mantemento e arranxos.


Século XV.-
1432.- Fúndese o arco central. Aguantara 200 anos.
1433.- Acórdase polas “fozas vivas” a reconstrución que dura ata 1448.
1449.- Debido ás présas da reparación vólvese fundir o mesmo arco, rematado o ano anterior.
1456-57.- Hai noticia de que aínda se cruza o río coas barcas.
1484.- Remata esa segunda reconstrución (coa axuda e interese persoal do bispo Diego de Fonseca).

Século XVI.-
1517.- Consta a colocación de antepeitos sen quedar moi claro que había antes a modo de protección.
1527.- A ponte ofrece nova ameaza de ruína que vai aumentando ata que en …
1540 é tal o temor que se volve poñer en funcionamento o servizo das barcas como fórmula alternativa ó uso da ponte para cruza-lo río.
1571.- Inda non se fixera nada cando se denuncian novas gretas. Solicítase axuda real.
1571.- Póñense portas e gardas como medida contra a peste.
1572.- Cérrase o paso a cabalerías e carros que terán que cruzar, obrigatoriamente, polas barcas.
1579.- Está en obras, acábase a Torre Nova (na marxe esquerda), pero fuxe o contratista (un tal mestre Calleja).
1581-84.- Repártese por rúas a aportación persoal dos veciños.
1591.- Séguese coa obra do arco. Felipe II, como axuda, exime á cidade da obriga de aloxar tropas.
1598.- Francisco Ruiz de Castro, conde de Lemos, pide sexan repostas unhas pedras que había co seu escudo na ponte en atención á axuda prestada para o seu arranxo e para a construción da capela de S. Lázaro. Accédese á petición.

Século XVII.-
1645.- Volve aparecer estado de ruína e, outra vez, se suspende o tráfico de cabalerías e carros.
1652.- Aínda non se fixera nada. Empézanse unhas obras de reconstrución que logo estarían suspendidas 8 anos por unha epidemia.
1661.- Visita Ourense o Mestre arquitecto Melchor de Velasco y Agüero con motivo da contratación da igrexa do Mosteiro de Celanova. Sería o seu primeiro contacto coa ponte.
1667.- Contrato con Melchor de Velasco no que se detallan os traballos a facer: Apartar augas das pilas e da cepa do arco maior, aumentar ese tallamar, modificar esa cepa con pedras de 7 pés de longo na parte inferior, repoñer parapetos faltosos, facer unhas escaleiras desde a Torre ó Campo dos Remedios, reparar empedrado deixando un canle para auga, retellar a torre, etc.
Melchor de Velasco morre en 1669 pero as obras seguiron executándose segundo o seu detallado proxecto de reconstrución. Acaban bastante despois, en 1694.

Século XVIII.-
1763.- Está en curso unha restauración que dirixe Frei Plácido Iglesias, de Celanova.

Século XIX.-
1832.- Con motivo das guerras carlistas constrúese outra torre na beira dereita que será demolida ó finalizar a guerra.
1835.- Reforzo de cimentos das pilas do arco central. Feito por un tal Santiago Estévez, de Entrimo.
1837-1839.- Derruban as dúas torres. (Ó mesmo tempo que fan desaparecer as 3 portas da cidade que quedaban en pé.)
1873.- Publícase un Real Decreto para a adaptación da ponte a estrada Benavente-Vigo. A obra levarase a cabo en varias etapas e o enxeñeiro será o ourensán Sebastián Martínez Risco:
1874-1880.- Según unhas noticias redúcese o número de arcos que pasa de 11 a 7 (suprímense 2 arcos en cada extremo). Segundo outras o que se fixo foi suprimir a Ponte Pequena. En calquera caso tamén se recortou o recodo que había ó final (lado esquerdo) e que ocasionaba accidentes nos carros que baixaban a rampla.
1880-1884.- Reconstrución dun pilar, rectificación das rasantes e un certo ensanche da calzada a base de poñer os antepeitos en voadizos.

Século XX.-
1943.- Reconstrución, na marxe dereita, dun dos muros contiguos, de 30 metros de largo.
1959.- Derrubamento da parte superior da pila dereita do arco central. Indícase como causa as infiltracións de auga ocasionadas por unhas chuvias persistentes con gran crecida do río, que mantivo un exceso de 11 metros sobre o nivel normal durante 3 meses.
1961.- É declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional.
1975.- A estrada de Acceso Central a Galicia (procedente de Monforte) pasa por debaixo do 2º arco. Aparte do significativo dano estético enterrou a parte romana da primeira cepa.


As barcas que mencionamos varias veces forman cos seus portos, co vao e coas ermidas ribeirás un conxunto inseparable da historia da Ponte Vella. Ponte, barcas e vao foron os tres medios alternativos que existiron para cruzar o río Miño. Viaxeiros, peregrinos a Compostela, comerciantes ou, simplemente, veciños e paisanos das proximidades, tiñan que utilizar, segundo as circunstancias de cada momento, un destes medios para o paso do río.
O vao, utilizable só en períodos de estiaxe ou de seca, posiblemente fose un paso utilizado xa polas tribos prerromanas. Estaba onde hoxe está a pasarela peonil e accedíase desde a cidade polo chamado, precisamente, Camiño do Vao, agora privatizado.
As barcas tiñan dous “portos”. O Porto Vello, fronte ó castro de Oira, é o máis antigo. Moito máis que a restauración da ponte. En tempos medievais a súa explotación era un privilexio do Cabido.
O Porto Auriense (ou do Terrón), sito á beira da ponte, está documentado no século XII. Pertencía, nun principio, ó bispo, quen máis tarde, dalgunha maneira, compartiu os seus dereitos co Concello.
Da “competencia comercial” e litixios entre os tres “empresarios”, dos arrendamentos, da construción de barcas, etc. existe documentación. O que non está escrito, pero é fácil de sospeitar, son as intrigas, reticencias e morosidades que puideran estar relacionadas coas repetidas reparacións da ponte. Houbo un par de bispos e Cabidos dos que se sabe que achegaban as recadacións dos pasaxes para axudas das obras, pero, entre os varios séculos dos que nos estamos a referir, é posible que houbese xente interesada en empecer ou en dilatar as repetidas obras de restauración da vella ponte ourensá.

Nesta paisaxe fluvial que estamos rememorando non podía faltar o elemento relixioso tan característico da época. Isto queda de manifesto na existencia de varias ermidas onde os viaxeiros pedían unha seguridade e deixaban as súas esmolas. Así temos, xunto ó Porto Vello, a ermida de Nosa Señora de Porto Vello e na outra beira, pero máis abaixo, cerca do vao, a ermida de San Nicolás do Porto Auriense. Ambas anteriores á restauración da ponte. Con posterioridade a estas, en 1522, fundaríase a de Nosa Sra. dos Remedios, no Terrón, á par da ponte.



Anterior Principio Seguinte