III.- O QUE SE VE.

(As fotos aparecerán en ventás movibles para axustar á lectura dos textos)

Se hoxe queremos ver unha perspectiva completa da Ponte Vella temos que botar man dun debuxo. Con fotografía, lamentablemente, é imposible.

Se nos fixamos, todos os tallamares (e, por detrás, todos os esporóns) están prolongados verticalmente, cunha sección menor, ata a altura da calzada, formando na parte superior uns espazos que serven, á vez, de apartadoiros e de balcóns. (A única excepción é o da primeira cepa pola esquerda, que mantén ata arriba o mesmo radio.)
Agora ben, se prescindimos destas prolongacións (unhas máis altas ca outras) e nos fixamos exclusivamente no semicilindro do propio tallamar vemos que todos están ó mesmo nivel. Por outro lado, podemos observar que tódolos arcos teñen unha liña de arranque relativamente baixa no que é a cepa. (Ver foto) Pois ben, mirando ese debuxo imaxinemos agora que os arcos son curvos, que ningún sobrepasa en altura ós tallamares e que por riba, tanto destes coma dos arcos, vai unha plataforma horizontal. Así puido ser a Ponte Romana. (Se queres ver a elucubración dun fantasioso pasa o punteiro polo debuxo, sen premer.)

Dos tallamares hai un que é distinto. É o da cepa da dereita do arco máis grande que se corresponde coa obra refeita por Melchor de Velasco no século XVII. (Ver foto)

Todas as pilas, quitado de una, están apoiadas sobre roca e conservan as primeiras fiadas de sillares romanos. (Ver foto) Nalgunhas vese cando o río vai baixo, outras quedan debaixo das augas e outras están soterradas.

Resulta entretido mirar con calma as distintas obras que se aprecian na Ponte Vella. O que pasa é que eu non me atrevo a sacar conclusións. Vou mostrar outras fotografías que probablemente garden mensaxes ocultas para quen sepa entendelas.

Arco Nº 1, contando pola esquerda augas arriba. ¡O que son as cousas! Este xeitoso arco, cunha aparencia tan arcaica e parece ser que non é o orixinal. O arranque do arco primitivo está semienterrado, pero permanece alí. Obsérvase un segundo arco a media altura (probablemente un arco de descarga relacionado coa torre que existiu sobre a primeira pila) e outra obra máis nova na parte superior. É dicir, polo menos, está falando de catro etapas distintas. Véxase tamén a enorme fenda da pila da dereita. (Ver foto)
Pola parte de augas abaixo é totalmente distinto. A razón é que por alí houbo superposta unha baixada a ermida dos Remedios, posteriormente tapada.

A pila Nº 2 presenta un tallamar con sillares romanos e, en cambio, o esporón da mesma pila está feito con pedras de diversa forma e natureza. (Ver foto)

Pilar Nº 3.- Base romana. Arranque dos arcos 3 e 4 con pedras variadas, incluso de cores distintas. (Ver foto).

O arco central, o Nº 4, o conflitivo, sustenta a súa grandiosidade e magnificencia nunha dobre rosca de doelas máis unha terceira de reforzo que non sae do arranque.  (Ver foto)    (Ver detalles en foto de gran tamaño)

Arco Nº 5.- A este arco cualifícano os técnicos como "forma próxima á dun arco rebaixado de tres centros". (Ver foto).
Obsérvense, nas dúas cepas, uns tocóns (ou arranques fanados) dun arco anterior. (Ver foto)

Arco Nº 6.- (2º pola dereita) No tímpano pódense ver pedras de varias épocas. Empezando por abaixo, hai unhas regulares ata a altura de tallamar. Logo un pano de pedras máis distintas e, por último, as dúas últimas fiadas, formando un recrecido, de pedras máis "modernas".
Tamén se pode apreciar o voadizo sobre o que descansa o peitoril.
O tallamar ten tres radios. O tallamar propiamente dito ten dous radios de escasa diferenza. Na prolongación vertical xa se aprecia un radio claramente menor.
Polos recheos de terra sobre a beira parece que o arranque do arco está a nivel do chan, cando non é así. (Ver foto).

Do último arco (primeiro pola dereita) poño 3 fotos: A primeira (Ver foto) é unha vista xeral do tal arco, desde augas arriba. Vese o tímpano do arco con distintos tipos de pedra, o estribo, relativamente novo con un contraforte, o mato que nace por todas partes nas xuntas das pedras y un tallamar que coincide xustiño por riba do arco, como debeu de ser en tempos romanos. O arco é apuntado, pero tan pouco que modificando 4 ou 5 doelas podería ser de medio punto.
A foto seguinte (Ver foto) é do mesmo arco, pero visto desde augas abaixo. As diferenzas de construción son bastante máis notorias. O paralelepípedo que vai de lado a lado por debaixo do peitoril é unha "indiscreta" condución de auga que leva aí desde os anos 50. O mato aflora entre as pedras igual ca no outro lado. E as árbores que naceron ó pé do esporón pronto furarán as raíces pola base da cepa.
A última foto (Ver foto) está tomada desde a parte de abaixo da bóveda. Se a poño é porque nela hai tres contrastes no referente as xuntas das pedras. No machón dereito, parte do estribo, o encintado é burdo, formado pola argamasa que sobresae das xuntas. No da esquerda hai un encintado curioso, feito con liñas rectas e regulares. E na bóveda do arco as pedras están colocadas en seco, sen argamasa de ningún tipo. Tamén no intradorso da bóveda apréciase unha gran fenda que se ve recebada de hai algún tempo, pero que está volvendo a abrir.



Anterior Principio Seguinte