IV.- O QUE LLE ESPERA


Foto de hai 30 anos cando ponte e arredores estaban libres da invasión vexetal.


A situación actual é penosa. De auténtico abandono, desidia e irresponsabilidade. Aquí non é que a árbore non deixe ver o bosque. Aquí é que as árbores nin deixan ver a ponte nin van permitir que a ponte siga en pé. A maiores do mato que está a nacer nas súas xuntas de pedra. E das fendas que asoman por varias partes. E dos buratos que se están formando nos alicerces.

¿Quen tería que coidalo? ¿Concello? ¿Deputación? ¿Xunta? ¿Ministerio de Fomento? ¿Confederación hidrográfica? ¿Dirección General de Bellas Artes y Bienes Culturales? ¿Consejo del Patrimonio Histórico Español? ¿Instituto del Patrimonio Cultural de España? ¿Servicio de Monumentos? ¿Medio Ambiente? ¿Dirección Xeral de Infraestruturas? ¿Consellería de Cultura? ¿Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego? ¿Dirección Xeral do Patrimonio Cultural? ¿Unión Europea? ¿Unesco?
Se ligados á ponte houbese un censo de contribuíntes ós que se lle puidera pasar recibo con motivo das obras pode que algún Organismo se fixese cargo. Pero coma non é así non lle importa a ninguén.

Por outro lado -por parte da cidadanía- estamos na era do homo simplus e mentres uns cidadáns pasan de todo outros son escravos do politicamente correcto. E se lle dixeron que o politicamente correcto é amar e coidar das árbores non van entender agora que pode haber árbores perniciosas, que existe un sentido común que pode establecer prioridades e que entre esas prioridades podería estar limpar a vexetación que tapa e prexudica un monumento artístico e histórico como é a nosa Ponte Vella.

Calquera día a ponte vense abaixo. Como outra veces no transcurso dos séculos. Pero agora a diferenza estará en que neste reino da burocracia, neste país das competencias esmiuzadas, neste réxime político de partidos que prefiren culpabilizar antes que resolver, ninguén se vai responsabilizar de erguela de novo. Porque se houbese alguén que se sentise responsable ¡xa estaría traballando agora! neste preciso momento.

E Ourense quedará sen Ponte Vella. Só figurará no escudo da cidade e en centos de logotipos, marcas comerciais, rótulos, cabeceiras de asociacións, emblemas de clubs deportivos, etc. que no seu día se adornaron coa súa silueta. Se a deixamos caer a ponte só será un recordo humillante para vergonza e deshonra de todos os ourensáns. Será unha ignominia que haberá que facer extensible ás agrupacións cívicas e culturais e, sobre todo, ó Concello da cidade por non telo denunciado a tempo.





Anterior Principio Seguinte