O CASTELÁN QUE SE FALA EN GALICIA

Si tú eres de las personas que hablan el gallego con soltura, pero -por razones históricas del sistema de enseñanza- tienes dificultad para su lectura yo te invito a que leas este texto conjuntamente conmigo.
Para ello permite scripts, conecta los altavoces y pincha en el triángulito de la barra de abajo. Podrás seguir la lectura.

En Galicia coexisten, básicamente, dúas linguas: o galego e o dialecto galego do castelán. Se a este o cualifico de dialecto non é con ánimo denigratorio senón para constatar a realidade dun uso colectivo. Non pretendo aquí discutir se este castelán é máis ou menos correcto ca o de Valladolid ou o da Argentina, por poñer algún exemplo dispar. O que quero dicir é que se trata dunha forma de falar o castelán típica de aquí e xeneralizada en todo o país.

Haberá quen diga que falamos mal o castelán. Podería ser, pero a verdade é que a cousa non vai por aí exactamente. O que aquí pasa é máis complexo ca todo iso de falar ben ou falar mal. Hai que ter en conta tres cousas:
1ª O feito de falar mal sería, en todo caso, o resultado dunhas actuacións individuais, pero aquí eses supostos erros son colectivos. Isto é o que nos leva a dicir que máis que falar mal, o que facemos é falar distinto. Temos, nós, o colectivo de falantes, unha forma de falar distinta da do resto do ámbito castelán, pero que é, máis ou menos, uniforme, de tal xeito que a un murciano ou a un aragonés custaralle ás veces comprender o que queremos dicir, pero entre nós entendémonos perfectamente. Estea ben ou estea mal todos falamos parecido. Por iso digo que é un dialecto. E poderíamos engadir que é un dialecto perfectamente delimitado no espazo.

2ª.- Moitos falantes son conscientes de todo isto e cando saen de Galicia empregan outro rexistro, pero estando aquí non teñen reparo ningún en falar coma "todo o mundo".
3ª.- Esta forma peculiar nosa de falar o castelán está condicionada e determinada pola outra lingua, o galego. Os rasgos fónicos, sintácticos, morfolóxicos e léxicos que configuran o noso castelán son todos galegos. A "masa" é castelá, pero os "moldes" son galegos.

Teño que aclarar que tamén hai falantes non dialectais, ou, se se prefire, que falan ó xeito da Meseta ou doutras rexións españolas, pero o seu número é tan exiguo que non resulta significativo, da mesma maneira que tampouco é significativo o número dos falantes chineses ou ingleses, poñamos por caso. Por outra banda, eses falantes do castelán “común” son, exclusivamente, individuos vidos doutras terras de España que, lóxicamente, conservan a súa linguaxe materna. Os nacidos en Galicia, cando falamos castelán, usamos todos o dialecto galego do castelán. Lóxico: toda lingua é por natureza unha expresión colectiva e se unha persoa, pola súa conta, quixer falar de forma distinta da do seu entorno estaría chamando a atención e condenada ó fracaso.

A existencia deste dialecto é una especie de vinganza do idioma galego que, dalgún xeito, inflúe nos seus falantes para que non o abandonen de todo. Quero dicir que o dialecto galego do castelán responde, como imos ver, á secular implantación do galego nesta sociedade e ás condicións sociolóxicas polas que foi relegado. O paso ó castelán, como é ben sabido, non se debeu a unha invasión masiva de castelán-falantes senón máis ben ó renuncio, deixación ou deserción do falante galego. Cando os catro nobres foráneos que campaban por Galicia, os representantes dos reis, os notarios e escribáns designados pola Corte e os mandatarios do clero regular ou das ordes relixiosas, --xentes todas elas que os avatares da Historia política nos impuxeron--, falaban e mandaban con acento castelán fixo evidente ó cidadán de a pe, nun primeiro momento, que ese era o idioma dos poderosos; despois, que era o idioma do poder –independentemente de qué individuos o ostentasen-; a continuación, que era o idioma da ciencia, dos estudados, da “boa sociedade”. Ó final do proceso chegouse á conclusión de que ese era o idioma "bo" fronte ó outro “sistema de comunicación”, nin sequera sentido como idioma, que falaba a clase popular.

Pasado este proceso (aquí resumido e esquematizado xa que este non é o tema do artigo) pódese dicir que fomos os galegos os que abandonamos o noso idioma e non que os casteláns nolo impuxeran. E froito de iso resultou que o idioma castelán que agora usamos se fose facendo sobre a base colectiva do galego, un galego orixinariamente asimilado, e sobre uns esquemas lingüísticos arraigados, como non, no subconsciente colectivo de toda a poboación.

Imos, pois, mencionar as características que fan desta fala un idioma distinto do “estándar”. Poderíamos empezar pola prosodia (acento, tonos, entoación, etc.) pero deixarémola de lado xa que, inda sendo máis que evidentes as diferenzas, non constitúen, por si soas, motivo de clasificación dialectal.

Onde máis se manifesta o noso dialecto castelán é en cuestións sintácticas, morfolóxicas e, incluso, segundo o nivel do falante, no seu léxico. Fagamos unhas enumeracións:
 

CARACTERÍSTICAS FONÉTICAS:

- A pesar de ser, esta que imos ver en primeiro lugar, unha característica en recesión, de momento a maioría dos galegos cando falan en castelán inda seguen a empregar o sistema vocálico galego das 7 vogais en prexuízo do sistema do castelán de só 5. Un castelán nato pronunciará igual a palabra ‘te’ (infusión’) ca palabra ‘te’ (pronome), pero o galego diferenza esas pronuncias.
No caso de ‘te’ o ‘e’ será aberto no primeiro caso, e pechado no segundo . [Tε/te].
E a mesma diferenza fará entre ‘yo pelo’ e ‘el pelo’ [Pεlo/pelo].
Ou entre ‘él come’ e ‘come tú’. [Cɔme/come].

- Tamén temos tendencia a pechar a vogal ‘o’ átona final, de tal xeito que ós oídos casteláns pódelle parecer ‘u’. ‘Cuento’ case é ‘cuentu’.

- Mantense o influxo que os ‘ú’ e ‘í’ tónicos teñen sobre os ‘o’ e ‘e’ átonos próximos, que se cerran. Cando dicimos ‘costumbre’, ‘vesícula’ ou ‘decir’ a un castelán que nos escoite pareceralle que dicimos ‘custumbre’, ‘visícula’ ou ‘dicir’.

- Pérdense as consoantes implosivas dos grupos cultos e dicimos ‘reta’ (en lugar de ‘recta’), ‘retil’ (por ‘reptil’), ‘suterráneo’ (por subterráneo’), ‘coluna’ (por ‘columna’), etc.
 

CARACTERÍSTICAS GRAMATICAIS (sintácticas e morfolóxicas).-

- Quizá o máis chamativo sexa a eliminación dos tempos compostos dos verbos. Así o Pretérito Perfecto do Indicativo substitúese sempre polo Indefinido. Poucos galegos falando castelán dirán ‘Hoy he estado en tal sitio’ senón ‘Hoy estuve en tal sitio’. Pero, ademais, non só non usamos as formas compostas senón que, en xeral, ignoramos o seu significado e o seu campo de aplicación. (Ese uso, meramente dialectal que facemos dos tempos simples, é, en certo modo, tolerable; pero, non o é o que pasa certas veces –quizais momentos de presunción- nas que queremos imitar ós falantes casteláns doutros lares, e o que facemos é caer nun claro defecto lingüístico. Refírome, concretamente, ó que pasa cando algunha xente que pensa que fala ben o castelán, sen telo estudado nin aprendido, pretende usar eses tempos compostos para imitar ós foráneos. Entón pódense oír “desvaríos” como, por exemplo, o uso do Pretérito Perfecto de Indicativo referíndose a un tempo xa terminado: ‘ayer he ido’ ou ‘se ha muerto la semana pasada’.)

- A mesma situación simplificadora dáse para o Pretérito Pluscuamperfecto de Indicativo (‘Había paseado’) que é substituído case indefectiblemente pola forma etimolóxica en –ra, coincidindo co castelán antigo, (‘Paseara’).

- Seguindo cos verbos, está moi estendido o uso de formas como ‘amastes’, ‘quisistes’ ou ‘dijistes’. Esta peculiaridade no resto do ámbito do castelán é un vulgarismo, pero no caso noso é unha reminiscencia das formas equivalentes galegas, esas si, rematadas en ‘s’. (‘amaches’, ‘quixeches’ e ‘dixeches’).

- O mesmo caso dáse con formas do presente de subxuntivo como ‘estea’ ou ‘dea’ ditas igual ca en galego.

- Hai certas perífrases verbais do galego que se vólcan ó castelán palabra por palabra dando como resultado unhas construcións que aquí entendemos todos, pero que lle custa comprender ós falantes casteláns de fóra de Galicia.
Por exemplo. A frase ‘Está a salir’ é un calco do galego ‘Está a saír’, pero en castelán común habería que dicir ‘Está a punto de salir'’, 'Van a salir enseguida' ou outra expresión similar.
Son perífrases inexistentes en castelán como estas outras:
dar + participio (‘No da hecho’ en lugar de ‘No da abasto’. En galego é correcto ‘Non da feito’.) (Outro exemplo: ‘No di acabado el trabajo’ querendo dicir ‘No conseguí acabar el trabajo’)
andar + a + infinitivo (‘Andan a jugar’ por ‘Están jugando’. En galego: ‘Andan a xogar’) ou (o caso xa visto)
estar + infinitivo (‘Están a llegar’ por ‘Están a punto de llegar’. En galego: ‘Están a chegar’).

- Polo contrario hai formas perifrásticas casteláns que xeralmente o galego castelán-falante ignora. Refírome ás construídas con certos verbos de movemento máis a preposición ‘a’ e un infinitivo. Neses casos o habitual é suprimir a preposición e dicir ‘Voy comer’, ‘vuelvo empezar’, ‘se lo fué decir’ en vez de ‘Voy a comer’, ‘vuelvo a empezar’ o ‘se lo fue a decir’.

- Emprego de ‘tener’ como auxiliar en vez de ‘haber’, igual que en galego. (‘No lo tengo visto’).

- Uso dos plurais ‘estes’/’eses’ en vez de ‘estos’/’esos’.

- Uso do artigo con nomes propios o cal é un vulgarismo en castelán, pero non en galego.

- Uso de ‘¿lo qué?’ e ‘¿y luego?’ como fórmulas interrogativas.

- Uso de determinados adverbios e locucións adverbiais de clara orixe galega: ‘de aquella’, ‘a los pocos’, ‘más nada’, ‘por lo de ahora’, 'de esguello', 'a modo', etc.

- Confusión entre ‘deber’ (obrigación) e ‘deber de’ (suposición).

- A palabra ‘medio’ en función adverbial faise concordar en xénero e número co suxeito. ‘Son medias hermanas’ por ‘Son medio hermanas’.

- Uso do sufixo diminutivo –iño. ‘Hijiño’, ‘riquiño’, ‘pobriño’.

- Cambio do xénero de determinados substantivos: ‘el cal’, ‘el sal’ 'el miel'.

- Non se da nin laismo nin loismo (tan estendidos noutros lugares de España) grazas o galego, máis preciso ca o castelán na aplicación dos pronomes persoais.

- En cambio si se da o uso do pronome de solidariedade, inexistente en castelán. ‘Te es un buen chaval’, ‘te estoy muy dolido’.
 

CARACTERÍSTICAS LÉXICAS.-

- A este respecto cómpre facer varias precisións:

1ª.- Os préstamos e os intercambios de palabras entre dúas linguas que coexisten nun mesmo espazo físico é o menos que a esas linguas lles pode pasar. De tódolos cambios que poden ocorrer nesas circunstancias o do intercambio léxico é o máis factible e tamén o de menor transcendencia.

2ª.- No castelán normativo hai unha chea de palabras galegas aceptadas como integrantes do patrimonio desa lingua. Pero son palabras que antes de acadar ese “status” formaron parte do vocabulario deste dialecto castelán de Galicia que estamos a ver. Son palabras, como por exemplo,

saudade, morriña, pazo, chubasco (en galego chuvasco), escarranchar(se), achantarse, grelo, filloa (en castelán histórico ‘hojuela’), vieira (‘venera’), lacón (‘brazuelo del cerdo’), cachelos, berza (do galego verza), chambón, arisco, payo (aldeano), piorno, etc.

3ª.-Os galeguismos que hai no castelán de Galicia poden estar aí de forma consciente ou non. Unhas veces é por rutina ou por descoñecemento do vocábulo castelán máis axeitado, pero outras veces úsanse por razóns expresivas.
Aparte dos exemplos que se poñen sempre – colo, parvo, esmagar, orballo, …- a lista pode ser enorme, variable segundo cada individuo e abarcando todos os campos semánticos. Lembremos algún exemplo máis:

amieiro (castelán ‘aliso’), freixo (‘fresno’), vimbio (‘mimbre’), carrabouxo ('agalla de roble'), xesta ('inhiesta'), silva (‘zarza’), morogo ('madroño' froito), murcho ('marchito'),
rula (‘tórtola’), pega, (‘urraca’), vacaloura ('ciervo volante'),
jurelo (‘jurel’), mincha (‘bígaro’), xouba, miñoca, gamela, ronsel ('estela'),
toro (‘rodaja’), cachucha, haba ('alubia'), reseso (‘revenido’), farelo ('salvado'), pota (‘olla’), paparota ('comilona'), rillar ('roer'), zorza, bagazo, bica ('bizcocho'), caldeirada, larpeirada, lambón,
esbardallar (‘decir tonterías’), badoco ou paizoco ('paleto'), cotroso ('mugriento'), trenco ('patizambo'), tarabelo, trapallada, pavero, chosco, coitado, prosma ('pachorrudo'),
choiar (‘trabajar’), picaraña ('zapapico'), subela ('lezna'), chope, mandilón, sarillo ('devanadera'), rodicio ('rodezno'),
perrencha (‘perra de un niño’), pequerrecho (‘pequeñuelo’), cocón(‘coco’ para pór medo),
petar (‘dar golpes’), petador (‘aldaba’), faiado (‘desván’), lareira, peto (’hucha’), cachote ('mampuesto'),
recuncho, coiñal, socalco ('bancal'), devesa ('dehesa'), sábrego,
serodio (‘tardío’), suba, desfeita ('debacle'), abafar, rosmar, enxebre, etc.

Como se pode ver, o castelán que falamos os galegos, polo menos cando estamos en Galicia, tén, queiramos ou non, unha gran influenza e interferenza da lingua orixinaria do país. E isto non ten nada que ver co falar ben ou mal.
Non obstante, se quixésemos entrar nese xogo do "falar bén / falar mal" habería que concluír que unha gran maioría dos galegos, postos a falar ambolos dous idiomas, sempre falarán mellor, e se expresarán mellor, en galego ca en castelán.

SUBIR


S A Í R


© M.D.Q.-2008