Ponte-Canedo e o ferrocarril

A relación do ferrocarril ca cidade de Ourense tivo distintas etapas, todas elas localizadas en Ponte Canedo.
1.- A primeira desas etapas foi a da liña Ourense-Vigo inaugurada no ano 1881. No ano de 1855 promulgárase a "Ley General de Ferrocarriles" e como resultas desa lei fóranse constituíndo as principais compañías de ferrocarrís, compañías privadas que obtiñan a concesión dun recorrido, encargábanse da súa construción e, logo, da explotación. Unha desas compañías, a concesionaria do ferrocarril de Medina del Campo a Zamora, consegue tamén (en 1861) a concesión do tramo Ourense a Vigo e, con ese motivo, pasa a chamarse "Compañía de los FF.CC. de Medina del Campo a Zamora y de Orense a Vigo", abreviando "Cía. M.Z.O.V.".
Os proxectos, papeleos, preparativos e obras foron de vagar e os 131 quilómetros do trazado tardaron nada menos que vinte anos en materializarse. As obras máis dificultosas foron o túnel de Os Valos (de 1.600 metros de lonxitude) e un viaduto de ferro (de 411 metros de longo) "sobrevoando" Redondela.
O primeiro tren deste primeiro percorrido chegou a Ourense, sendo motivo de gran festa, o 31 de Marzo do ano 1881, comezando a explotación comercial o 9 de Xullo do mesmo ano. A estación terminal estaba no Ribeiriño, onde inda hoxe as casas mostran unha aliñación curva, en forma de arco, froito da reserva de espazo que requiría a tal estación.
Esta estación era provisional e pouco se sabe dela. Debía de ter unhas instalacións moi sinxelas, o mínimo imprescindible: dúas ou tres vías, unha placa xiratoria para virar as locomotoras e pouco máis. Ata é posible que nin tivese edificacións fixas. Estivo en servizo pouco máis de catro anos, o tempo preciso para rematar a nova estación uns centos de metros máis arriba, á beira da nova estrada de Santiago, nun espazo moito máis amplo. (Esta estación estivo en funcionamento dende o 9 de xullo de 1881 ata o 13 de maio de 1885 -data en que se inaugura a "nova"-.)
Para salvar a gran valgada que había (e que aí sigue estando) entre o Ribeiriño e a Chavasqueira, unha bocarribeira que rompe a fisionomía uniforme do resto da zona, tiveron que construír un terraplén e unha ponte xusto antes da estación, obra de nivelación que despois de máis de 125 anos segue prestando o seu servizo a coches e peóns. O ano pasado a ponte foi reforzada (cun contraforte de pedras) e ancheada cuns voadizos para beirarrúas, pero polo demais, durante todo ese tempo, mantívose exactamente igual, sen outro cambio que o do asfalto no lugar das vías.

2.- A mesma compañía conseguira a concesión do tramo Ourense-Monforte (47 kms.) e cando se inaugura o tramo antedito xa levaban algún tempo traballando neste outro. A nova estación, que agora recibiría polo menos o dobre de tráfico, foi erguida nun lugar máis apropiado (o que probablemente xa estivese previsto desde un principio) e cunhas instalacións en condicións. Este sitio era o que agora coñecemos como "terreos da estación vella", e dicir, onde hoxe está o Parque, a rúa Francisca Herrera -vulgo "12 de Octubre"- e a zona escolar. Aparte de construír toda a estación tiveron que reformar o último tramo vial procedente de Vigo, non só variando un pouco a dirección senón modificando progresivamente a pendente. Pénsese que o trazado procedente de Monforte viña por unha cota lixeiramente superior ó de Vigo. A diferencia de nivel pódese apreciar se hoxe comparamos a rasante do parque de A Ponte co da actual rúa Ribeiriño. Esta estación foi inaugurada o 13 de maio de 1885 e con ela acadouse o remate da liña de Vigo a Monforte, onde xa chegaba outra, de distinta compañía, que ía de A Coruña a Palencia.
Esta estación, a "estación vella", recordámola todos os pontinos que temos idade para ser avós. Tiña un edificio principal de dúas plantas, un caseto a esquerda cos servizos hixiénicos, outro a dereita ca cantina, e unhas naves, os almacéns de Pequena e Gran Velocidade (que así se designaban as dúas crases de transporte de mercadorías). Tiña, coma non, os correspondentes andéns e explanadas, tanto as interiores (para os coches e carros que levaban ou recollían mercadorías), como unha grande exterior onde paraban os "carritos" (autobuses de Ourense) ou os coches de alquiler.)
Esta estación estivo en funcionamento 67 anos, que foron cruciais para o desenvolvemento de Ponte Canedo. En 1º lugar pola actividade comercial que o propio ferrocarril xerou ó derredor da estación (almacéns, hospedaxes, construción de vivendas, etc.) e en 2º lugar porque a poboación nativa soupo abrirse á xente foránea (almacenistas, ferroviarios e inmigrantes da provincia) aglutinándose todos nunha sociedade nova, unida e vitalista.
En 1928 un Decreto estatal crea a "Compañía Nacional de los Ferrocarriles del Oeste de España" na que se integran cinco empresas ferroviarias pouco rendibles, entre elas a de M.Z.O.V. Esta, sen embargo, seguiría existindo xuridicamente, pero como empresa construtora que interviría na construción da liña Ourense-Zamora. Anos máis tarde, en 1941, todas as empresas ferroviarias serían absorbidas polo Estado que as fusionaría nunha única, RENFE.

3.- O proxecto de liña Ourense-Zamora fora anterior ó de Ourense-Monforte, pero tivo unha existencia moi controvertida. En 1864 unha comisión de enxeñeiros rexeitouno porque "unía terrenos poco habitables y de los más dificiles de España". En 1926, coa Dictadura de Primo de Rivera, pensouse nun “Ferrocarril de Zamora a A Coruña”, construído polo Estado, e desta feita o proxecto foi adiante, pero inda así a realización, por diversas causas, foise retrasando. Ó final sería construído en diversos tramos (ver cadro aparte), e formando parte do proxecto estaría a construción en Ponte Canedo dunha grande estación, a chamada Ourense-Empalme. O resultado foi espectacular para a época cun edificio de viaxeiros de 1000 m2, 240 metros lonxitudinais de andéns, un depósito de locomotoras capaz de acoller 60 máquinas e uns almacéns e servizos varios que suman máis de 7000 m2. E todo iso nunha gran chaira de 217.100 m2. que chegaba (e chega) dende Peliquín a Santa Ana e Quintián. Para facer esta gran explanada nun terreo en declive houbo que remover millón e medio de metros cúbicos de terra.
Eses logros tiveron a súa parte negativa: por un lado cortaron camiños e comunicacións. A estrada de Santiago foi salvada cunha ponte, pero rúas importantes como a de Alejandro Pedrosa ou a estrada de Quintián ó Vinteún quedaron cortadas, aparte de moitos camiños interiores que comunicaban diversos núcleos poboacionais. Por outro lado os terreos conseguíronse a base de expropiar centos de leiras e eidos, moitos deles con casa incluída, mais como, por unha banda, o Estado non tiña cartos para pagar o que era debido e, por outra, os veciños non estaban en condicións de esixir un xustiprecio as consecuencias foron lamentables para moita xente.
Orense-Empalme foi inaugurada, sen rematar de todo, o 23 de setembro de 1952 polo Xeneral Franco, prestando servizo nun principio (por 5 anos) só ó mesmo tren de "sempre", o de Vigo-Monforte.
Franco volvería a Ourense (estación de San Francisco) no ano 57, en tren desde Puebla de Sanabria, na viaxe inaugural dese tramo.
Ca inauguración en 1958 do tramo Santiago-Carballiño, o último en rematarse da liña A Coruña-Zamora, esta estación converteríase no gran portalón ferroviario de entrada en Galicia.



Vista do Ribeiriño na actualidade. Non queda ningún vestixio da estación salvo a plataforma viaria de saída -totalmente horizontal e ó mesmo nivel ca explanada- que, se un se fixa ben, non é unha rúa normal senón unha infraestructura típica do ferrocarril. (O camiño "natural" baixa e volve subir recorrendo o perfil da valgada.)





Localización sobre un plano actual das 3 estacións de Ponte Canedo.



A estación vella durante a guerra agardando por un tren que viña do "frente" con feridos.
Foto cedida pola familia Rodríguez Novo (ARVA)



Hai 56 anos circulaban os últimos trenes polo medio destas ringleiras de árbores.



Anos de posta en funcionamento dos tramos do F.C. Coruña-Zamora


En vísperas da Viaxe Inaugural de Puebla a Ourense feito por Franco o 1 de xullo de 1957, o Gobernador Civil de Ourense publicou unha nota que entre outras cousas dicia:

" A todos cuantos habitan en las Comarcas, como un solo hombre y al frente de sus Alcaldes, Párrocos y Jerarquías, han de estar en las Estaciones desde las 3:30 de la tarde para saludar al Caudillo. Orensanos todos de la Ciudad y del Campo: El Generalísimo viene a Orense en revista a la provincia. Que nadie falte a la hora de su triunfo. ¡Viva Franco! ¡Arriba España!"



SAÍR

© M.D.Q.-Dcbro. 2008