MOSTEIRO DE SANTA COMBA DE NAVES

Entre Palmés e Untes, no medio da ladeira do monte, está o lugar de Naves (pertencente á Parroquia de San Mamede de Palmés). Desde aquí, andando por un camiño descendente en dirección leste, chégase ás ruínas do antigo Mosteiro de Santa Comba de Naves. Tamén se pode acceder desde A Conchada ou desde Untes.

Mapa de situación

Lugar de Naves

Aspecto do camiño a Sta. Comba

Vista desde Sta. Comba un dia de outono.
A finais do século IX, no lugar actual das ruínas, á beira dun camiño que, daquelas, ía de San Miguel de Canedo aos Chaos de Amoeiro, a Trasalva e a Maside, había un eremitorio que foi reconvertido en mosteiro de frades beneditinos. Suponse que foi fundado por Alfonso III no ano 888.

Sábese que a partir de 1145 pasou a ter algunha relación con Celanova e que no século XVI, a raíz da reforma bieita foi anexionado de cheo a ese Mosteiro coma un priorado dependente. Estaba rexido por un prior e contaba con sub-prior, notario, sancristán, celeireiro (algo así como mordomo ou despenseiro, ‘encargado do celeiro’), vestiario (roupeiro), enfermeiro e cociñeiro.

(Tamén a parroquia de San Mamede de Palmés, que se debeu de crear polo século XIII e que estaba rexida nun principio por cregos que nomeaba o arcediago do Búbal, no mesmo século XVI foi igualmente anexionada polo Mosteiro de Celanova, xunto coas de Santa María de Louredo e San Estevo de Untes. A partir de aí un dos monxes de Santa Comba atendía a parroquia de Palmés, pero despois da desamortización (1835) volveu desempeñar o cargo un crego secular.)

Santa Comba tiña a súa xurisdicción territorial con señorío e administración de xustiza nos coutos de Palmés, Untes e Vilar das Tres. No século XIX a xurisdición integrouse no Couto de Canedo, igual que as xurisdicións do propio Canedo, Bobadela e Couto Redondo.

Enrique Bande, no seu libro "Palmés - Retazos de su historia" di que sobre a parroquia de San Mamede de Palmés "el Monasterio de Santa Comba de Naves tuvo siempre derecho de patronato igual que lo tuvo en las de San Esteban de Untes, San Andrés de Castro de Beiro, y San Juan de Piñeiro.
En esta parroquia poseía el monasterio de Santa Comba de Naves granjas, casales, lugares, y foreros quienes tenían aforados bienes de los diversos foros de Santa Comba de Naves. El monasterio de Santa Comba tuvo foreros en los pueblos de Naves, Palmés, Anaigo de Arriba, Anaigo de Fondo, Outeiro de Palmés, Burgo, Conchada, Pazos, Revoredo, Pereiro, Pradoboó, Burata y Saceda."

O edificio foi reconstruído en 1760 e funcionou, ó final con 3 ou 4 monxes, ata 1836. Sobre a porta principal inda se conserva o escudo do mosteiro: cruz treboada, compás e un círculo que indican a dependencia de Celanova. O seu aspecto era o dunha fortaleza. Tiña unha capela “exenta”.

O estado actual é penoso. Sen teito nin andares só conserva a estrutura de pedra. Ocupado por silveiras e cascallos, invadido por edras e rodeado de mato por todas partes o raro é que aínda se manteñan as grosas paredes en pé.


A CONCHADA

Se se visita Santa Comba paga a pena achegarse ó próximo lugar de A Conchada, sito na mesma parroquia de Palmés. (Hai camiño entre os dous lugares, pero tamén se chega en coche. -Ver arriba o mapa.-)

É unha aldea pequena, de poucos veciños, pero tan unidos, voluntariosos e atinados que conseguiron transformar unha aldea vella nun modelo de “urbanismo rural” digno de ser imitado. As casas, antigas, rehabilitadas; as rúas e camiños, arranxados e limpos; con indicadores de madeira; con un aparcamento na entrada, ó final da estrada, etc. Ata teñen un museo etnográfico propiedade particular dun veciño.

Eses mesmos veciños tamén se preocupan de que o camiño que leva desde alí a Santa Comba estea transitable.

SAÍR

© M.D.Q.-Novembro, 2009.