CARTA DO MEU FILLO EMILIO       (Nº 1)

A Coruña, Maio, 2009


Querido papá:
Non levo a conta, pero penso que xa levas bastante tempo metido no asuntiño este da páxina web, e a estas alturas inda non fixen colaboración ningunha. Xa hai unha tempada que a intensa actividade de Ataulfo Reza e Rosendo Pardo me van sacando as colores, así que decidín que xa está ben, que xa é hora de dedicarlle un ratiño a canedo.eu.
O caso é que nada máis vencida a primeira dificultade (que son un vago) atopeime coa segunda: ¿Qué conto?
O meu inxenio ultimamente non da para moito, así que despois de desbotar a posibilidade do plaxio (temporalmente, e por motivos máis que nada penais, porque dende un punto de vista ético eu son firme defensor da copia pura e dura), empecei a buscar inspiración nas novas do día. E atopei unha mina. Aí vai:

¿Coñecedes a "Galicia Bilingüe”? Según se definen na súa páxina web é “unha asociación sen ánimo de lucro cuxo fin primordial é defender o dereito dos pais ou, no seu caso, dos alumnos a elixir a lingua vehicular na que estes han de ser educados e, en xeral, o dereito dos cidadáns a elixir en cal das dúas linguas oficiais a Administración ha de comunicarse con eles”.

De entrada, para que non haxa dúbidas, que quede claro que non podo estar máis en desacordo cos postulados desta asociación. En futuras entregas promete facer unha pequena análise do Decreto do galego da educación que tanto demonizan. Véxase na súa paxina web un contador onde se pode ler unha frase que atribuen ao actual presidente da Xunta durante a campaña electoral (“derogarei o decreto nos 100 primeiros días de goberno”) e a conta atrás, segundo a segundo, para que se cumpra ese prazo. ¿Qué pasará se transcurridos os 100 días o decreto segue vixente? ¿Haberá unha explosión nuclear que borrará o Pazo de Raxoi da faz da terra? ¿Caerá un raio do ceo que partirá en dous a Núñez Feijoo e será arrastrado aos infernos, por traidor? ¿Ou convocarán outra manifestación?

O que sexa, que o vaian preparando, porque o de incumplir promesas electorais non é algo que nos poida sorprender. E neste caso penso que o incumplimento é o máis sensato.

Ademáis, a Xunta agora debe ter outras prioridades: vender o Audi de Touriño, devolver as sillas que mercou Méndez Romeu… Teñen traballo pendente a esgalla.

Eu penso que Núñez Feijoo, durante a campaña, para gañar un puñado de votos, dixo cousas que, de saber que ía gañar, non tería dito. E o asuntiño do Decreto é unha delas.

A Xunta de Galicia ten o deber de fomentar o uso da lingua galega, e traballar pola súa normalización. Esto é algo que todos os presidentes que na Xunta houbo entenderon (algúns deles, nacionalistas reclacitrantes, como ben sabemos). Pode ser un exercicio interesante ver quen gobernaba cando se aprobou a Lei de normalización lingüística, ou o Plan de normalización lingüística, e incluso analizar quenes votaron a favor.

O actual presidente da Xunta sabeo, e entende que non se pode derogar sen máis unha normativa que desenvolve acordos adoptados no último mandato de Manuel Fraga por unanimidade do Parlamento de Galicia.

Que os de Galicia Bilingüe queren que as dúas linguas teñan a mesma consideración é absolutamente falso, e senón, vexan isto extraido da súa páxina web:

“Galicia Bilingüe considera un fraude el nombramiento de Anxo Lorenzo en la Xunta. Lago sostiene que la elección de un adalid de la normalización lingüística decepciona “a quienes creímos en las intenciones de Núñez Feijoo”
Vigo, 14.05.2009”


¡Indignados polo nomeamento de Anxo Lorenzo porque é un adalid da normalización lingüística! Vós preguntaredes para que cargo foi nomeado este normalizador lingüístico do demo. ¿Conselleiro de educación? ¿De Cultura? ¿Ou Director Xeral de Obras Públicas?

Non. Anxo Manuel Lorenzo Suárez foi nomeado Secretario Xeral de Política Lingüística.

¿Un adalid de la normalización lingüística como Secretario Xeral de Política Lingüística? ¡Válgame Dios! ¿Qué vai ser o seguinte? ¿Un defensor dos dereitos humáns presidente do Tribunal Constitucional? Este señor, profesor na Universidade de Vigo, ten unha páxina web onde se pode ver a súa traxectoria profesional, e que cada quen xulgue se o seu perfil é o máis axeitado para este cargo (http://webs.uvigo.es/alorenzo/). E non o sei, pero supoño que do BNG non é.

Eu penso que o que lle molesta a Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, é que ela mesma aspiraba a ser a Xefa de Normalización lingüística da Xunta. ¿Quen como ela vai saber levar ao galego ao seu espazo natural? Xa está ben de tonterías de gallego en el colegio y gallego en la universidad.
O galego nas leiras. O normal.

Bicos para ti e para mamá.

Emilio

SUBIRVolver