Eu teño a intuición (como non son investigador nin teño probas non podo chamarlle doutra maneira) que o vilar ou casarío máis primitivo de Ourense correspóndese (precisamente) ca actual zona do Vilar. Baséome en tres feitos:
1º.- É a rúa en horizontal (cha) máis próxima ás fontes das Burgas.
2º.- O propio nome. Dende ó século XIII están documentados os nomes de Vilar (a actual rúa), Cruz do Vilar (Cruz é o que hoxe chamamos un cruzamento de rúas) e a Porta do Vilar. Vilar é palabra histórica e sempre significou "lugar de varias casas", de xeito que mentres nós, cando falamos do Vilar (castelanizado: calle del Villar) estamos a pensar nunha simple rúa con ese nome, os antigos referíanse a un grupo de casas, mellor dito, "ó" grupo de casas.
3º.- Cando chegaron os romanos e decidiron edificar o "presidium" (digamos o seu cuartel), fixérono onde hoxe está o Museo Arqueolóxico, e dicir, nun nivel superior, máis arriba do vilar. Con isto o que fixeron foi seguir as estratexias propias da época. Na antigüidade os poderosos sempre procuraban vivir máis altos, en sentido real, físico e topográfico, ca os vasalos. Se a pequena vila xa chegase a esa rúa eles terían ido máis arriba.
| A distribución actual da rúa é do século XII. Pero antes dese século, moito antes, o que alí había era o núcleo habitado, fose vila, vilar ou vilariño. (Quizais a innovación do século XII foi chamarlle "Rúa do Vilar" ó que antes era só "O Vilar") |