MEMORIA DE OURENSE    


Praza do Ferro


 





En tempos históricos, cando cada actividade mercantil -ou gremial- tiña unhas localizacións preferentes na estrutura das cidades, acó, neste lugar, era onde se concentraba o mercado ourensán de apeiros, ferramentas e demais utensilios de ferraxería (potes, pechaduras, cravos, etc.). Chamábase Cruz ("cruce") dos Ferreiros, pero a cousa debía de vir de moi vello pois xa un documento de 1270 fala da "Crux ferraiorum".

Respecto á realidade urbana mencionada compre destacar o feito de que a esta praza conflúen, entre outras, tres con nomes gremiales: a rúa da Pixotaría ("Peixería"), hoxe Viriato; a rúa dos Fornos (co nome medieval conservado) e a rúa dos Zapateiros, hoxe Paz.

Neses tempos esta praza estaba case ó final da cidade pois uns metros máis adiante, cara ó norte, estaba unha das portas, a Porta da Corredoira.

Esta, a corredoira, ou se se quere A Corredoira, era o camiño que levaba ó campo de San Lázaro.

Despois de derrubadas as últimas portas en 1837 a cidade medrou, timidamente, por esta corredoira dando lugar ó que entón lle chamaron o Barrio Novo. Achegábase así ó Convento de Santo Domingo, ata entón "extra muros".

Hoxe a parte oeste conserva un grupiño de casas con configuración popular do século XVI. Á súa beira, no final da praza, estivo ata 1892 unha monumental casa medieval dos Condes de Maceda coñecida popularmente como Casa da Misa de Alba. No outro lateral da praza ainda se conserva o Pazo dos Boán desde, aproximadamente, o ano 1600.

No centro, desde 1860, destaca unha fermosa fonte barroca procedente do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

No sentir dos ourensáns esta praza ten unha estima por ser a antesala da zona dos viños e porque no seu entorno naceron ou viviron moitos dos persoeiros literatos da cidade (Vicente Risco, Otero Pedrayo, López Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Blanco Amor, ...)

Houbo un momento (principios do s. XX) no que esta praza se chamou Tomás María Mosquera, nome dun político nacional do século XIX natural de Cea (1823-1890), pero isto durou pouco tempo. (As rúas con nome de políticos sempre teñen data de caducidade.)


Anterior Índice Seguinte

© M.D.Q.-2013