MEMORIA DE OURENSE    



Rúa do Paseo


  
  

En 1873 deuse unha saída nova á cidade que daquela remataba polo Norte na rúa de San Miguel. Determinouse prolongar a rúa do Instituto (hoxe Lamas Carvajal) e derrubando un edificio da antedita San Miguel trazouse un vial dereito ata o Campo de San Lázaro. Déuselle o nome de Paz Nóvoa inda que se coñecía como "A Travesía". Transcorría toda ela polo medio de viñedos, que axiña deixarían de selo.

Non estou seguro, pero supoño que sería en 1879, cando se abríu a Estrada de Ponferrada (actual Concordia), que a Travesía (ata entón toda seguida) quedou dividida en dous tramos dándolle o nome de Vicente Pérez ó segundo tramo, o máis cercano ó Parque, ó que despois, en 1931, chamaron Fermín Galán.

No franquismo cambiaron os nomes: Calvo Sotelo para o primeiro tramo e José Antonio para o segundo. Coa democracia volveron mudar chamándolle a todo, oficialmente, rúa do Paseo, nome co que, en realidade, foi sempre coñecida de xeito coloquial.

Cando se fixo a Ponte Nova (1911-1918) continuouse ata alí esta "travesía", pero para atravesar o Campo de San Lázaro houbo que rebaixar o seu nivel (que estaba á altura do que hoxe é o Parque) e recortar dito Parque con dúas rúas laterais igualando as rasantes da agora parte baixa.


Anterior Índice Seguinte

© M.D.Q.-2007