No Concello de Ourense todo o territorio situado na marxe dereita do río Miño formaba no seu día o
Concello de Canedo.

Pincha para agrandar
Pola súa variedade e por ser expoñente de formas xeomorfolóxicas típicas do val do Miño imos
mostrar uns apuntes sobre a súa orografía.
Dunha forma moi esquemática poderíase dicir que o territorio en cuestión está dividido en tres
franxas diferenciadas que seguen o curso do río, de leste a oeste:
Ó sur, unha franxa ribeirá, con suaves pendentes que van desde os 100 ms. na entrada da Ponte
Vella ata os 200, cota á que se sitúan, por exemplo, o Barrio de Covadonga ou a Estación de Santa
Cruz.
Ó Norte, unha franxa de altiplano, unha chaira alta que forma parte da meseta coñecida como
"Chaos de Amoeiro". As altitudes (pouco variables) van desde cerca de 400 metros ata os 470 que
tén o pico de Punxín. O terreo ten suaves ondulacións e no seu recorte máis meridional é coma un
longo corredor con vistas á cidade de Ourense. É a franxa máis extensa de todas.

No medio destas dúas bandas que mencionamos hai unha terceira, pendente, costeira; a do
desnivel. É unha franxa estreita, pero moi accidentada, que salva as diferencias de altitudes das
outras dúas. Para facerse unha idea da configuracion desta zona de transición pénsese na "costiña
de Canedo" que recorre 2 Kms. para salvar desde os 115 metros de altitude (Fondo da Costa) ata
os 400 (Cima da Costa).
(1) (Entre parénteses: ¡Que facilidade para a ironía ten o idioma galego! Esa
costa, costosa e costeira, soe mentarse en diminutivo, "costiña".)
Esta zona intermedia, en xeral estreita, ten unha excepción no extremo máis o leste, onde se
amplía e acolle á parroquia de Cudeiro. Quitado deste caso as parroquias teñen os seus núcleos
habitados nunha das outras dúas bandas. Na da chaira enclávanse Astrés, Beiro, Castro de Beiro e
Palmés. Na da ribeira, As Caldas, Canedo, Untes e Arrabaldo.
Grosso modo podería ser así:

Pincha para agrandar
Se fixésemos un corte de sección de Norte a Sur, aproximadamente pola metade lonxitudinal,
teríamos un corte topográfico do seguinte perfil:

Pincha para agrandar
Todo o dito non é maís ca un esquema. A realidade é máis complexa, inda que no fondo, ese
esquema siga sendo certo.
Partindo da simplificación "meseta / desnivel / ribeira" hai que ter en conta os meandros e
revirivoltas que o río forma e a súa repercusión, con distintos graos de influenza, na configuración do
val. Por outro lado, están uns accidentes xeográficos, típicos da rexión do Miño, como é o caso das
bocarribeiras. Son pequenos vales tributarios de outros máis grandes que os acollen e conforman.
Son vales transversais, perpendiculares ó principal, que pode ser o do Miño ou outros secundarios no
que se repite o deseño. Ademais, tanto na ribeira como na chaira alta non hai uniformidade
horizontal aparecendo outeiros, castelos, valgadas, veigas, arroios, etc.
En definitiva a realidade do territorio, debuxando con distintas cores diversos intervalos de altitude,
sería a do seguinte mapa:

Pincha para agrandar
Para ter algúns puntos de referencia que nos dean unha idea topográfica podemos recordar que a
chaira artificial da Estación (viaducto incluido) está a unha altitude de 133 m. O nivel do río Miño
oscila entre os 88 m. (Sta Cruz) e os 98 das piscinas de Oira. Os barrios altos do Pino e Quintela
(Paraiso, Reza Vella, Bobadela, Tarascón, etc.) están case a 200 m., inda que sen chegar a eles. A
parte alta da bisbarra, a da meseta, está case na súa totalidade, ó redor dos 400 m.
A varidedade de altitudes e orientacións, e de espazos abertos e abrigados, produce un conglomerado de microclimas que, no outono e, sobre todo, na primavera, cando a vida renace con pulos diferentes, propicia un cambiante concerto de cores no exultante tapiz ventureiro con que se viste a paisaxe.
_____
(1) A retorta estrada OU-520 (Ourense-Castro de Beiro) necesita recorrer 5,9 Kms. para un resultado similar.