Tamén chamada PonteVella ou Ponte Romana. É símbolo e divisa de Ourense, presente no escudo da cidade e na copla popular ("Tres cousas hai en Ourense,..."). Está catalogada como Monumento Histórico Artístico Nacional con fecha 6/4/1961. Soportou o tránsito rodado ata o 10/8/1998.
É unha ponte medieval
construída sobre as bases e asentos dunha anterior ponte romana. Estes restos son visibles ata unhas determinadas alturas en
case todos os piares. Supoñen os entendidos que esa ponte tería sido levantada
no século I, ou quizais un pouco antes. Puidera ser dos tempos de Augusto (23
a.C.-14 d.C.) Lamentablemente non se conserva
documentación de ningún tipo. Nin do seu alzamento nin da súa caída. Si que hai
algo da obra rematada polo bispo Lourenzo no século XIII. Obra que ben puido
ser unha reconstrución, un aproveitamento de ruínas
seculares ou, incluso, a culminación dunha grandiosa obra inacabada. (Pouco probable dado que o paso do Miño neste punto por vias
romanas si que está comprobado.)
Posteriormente, ao longo dos séculos, serían reparadas diversas partes en
distintas ocasións, especialmente arcos. A parte desas múltiples incidencias, no s. XIX (a partir de 1873) sufriu unhas adaptacións para acoller o paso da nova
Estrada de Villacastín a Vigo, con accións tanto na
propia ponte (lixeiro ensanchamento, cambio de pretiles, diminución das
pendentes,...) como no entorno da beira esquerda, zona denominada O Terrón.
Esta era unha chaira húmida ou pantanosa salvada por
outra ponte de pedra de 3 arcos e de 9 m. de altura chamada A Ponte Pequena,
complementaria da Ponte Maior. ( Ler o último sobre a Ponte Pequena ).
Nestas datas usouse como
canteira para a propia obra o enorme rochedo que
había na beira esquerda á altura dos 2 primeiros arcos. Así mesmo, en datas
previas a esas reformas (1839) derrubaron a torre (torre-porta) que quedaba na beira esquerda, sobre
a primeira cepa.
Posteriormente, en 1974, sufriría una navallada como foi a ocorrencia de
inserir a estrada N-120 por debaixo do arco 2º da marxe esquerda. Non só foi un
atentado á estética e aos sentimentos dos ourensáns senón que, ademais, a
actuación técnica tivo a agravante de elevar o chan
do 1º arco, tapando a perspectiva e a obra romana da 1ª pila.
Con todo a Ponte de Ourense é unha realidade grandiosa: unha impoñente construción pétrea de (hoxe) 7 arcos, un deles, o central
con 33 m. de altura (desde a clave ao leito do río) e 38 m. de luz, o arco máis
grande de todas as pontes de pedra de, polo menos, España. A historia de cidade
e a historia da ponte, nos últimos 800 anos,
están intimamente engarzadas con intereses comúns como a atención a viaxeiros e
peregrinos, o comercio con xentes do outro lado do río, os tributos por mor das
obras, en ocasións as levas por rúas para traballar alí, a execución e reparto
do portádego, as donacións e
aportacións testamentarias a favor da obra, a procura de recursos que a cidade
non tiña, a adecuación de enxeños alternativos para
cruza-lo río nas etapas de deterioro (constantes e sucesivas ao longo do tempo) e, en fin a
preocupación secular das xentes de Ourense e as súas autoridades pola
conservación desta súa, e agora nosa, ponte Maior de Ourense.
----------------- (1) JUAN CARLOS RIVAS - A Ponte Maior - Deputación Ourense, 2014.
Ponte Nova e Viaduto F.C.
Despois de 7 séculos
de ponte única (no mellor dos casos) estas dúas foron obras da primeira metade
do século XX. Ata están próximas entre si, afastadas
só 90 metros. Incluso puideron ter sido coetáneas,
pero, ó final, leváronse case 40 anos. A primeira foi inaugurada en Maio de
1918 e a segunda en xullo de 1957.
A razón de ser da
Ponte Nova estivo na construción dunha estrada que enlazaba o campo de San
Lázaro coa estación de ferrocarril ubicada no, entón,
Concello de Canedo. Inaugurada en 1918 en medio de grandes festexos. Ese feito,
hoxe de aparencia nimia, resultaba ser para os veciños daquela, algo inaudito e
extraordinario. Supuña o progreso (como a rúa aberta con ese nome en 1840), a
modernidade (con ferrocarril desde 1881) e a apertura a unha nova mentalidade
(coa expansión da cidade fóra do recinto histórico). O nome de Nova procede da
comparanza coa única existente ata ese intre a cal, en consecuencia, pasou a
ser coñecida coma Vella. Foi declarada BIC en 1991 baixo a categoría de
Monumento Histórico de Galicia.
Consta dun arco parabólico central de ferro, moi aberto, 75 m. de luz, e 6 arcos laterais de
cantería de granito. Destes, os dous contiguos ao centro, carpaneis, e os 4 restantes, de medio punto peraltados,
cunhas luces de 25 e 12 metros respectivamente. A plataforma ten unha longura
de 242 m. e un ancho de 12 m. Tallamares arredondados. O conxunto, con sabores modernistas moi acordes
coa época, resulta sumamente harmonioso e equilibrado. Complétase con
ornamentación en pedra nas pilastras e farolas
artísticas. Foi declarada B.I.C. p 11/2/1991.
Foi deseñada polo enxeñeiro Martín Díaz de la Banda (ao que está adicada unha rúa contigua) quen
dirixiu a obra ata 1916, ano no que o substituíu o
tamén enxeñeiro Miguel Fernández García ata a súa inauguración.
---------------------------------------
A ponte do ferrocarril, como parte integrante do tramo Ourense-Zamora, tivo un
primeiro proxecto en 1913. Este, daquela, era dun estilo parecido ao seu
veciño, unha mestura de pedra nos lados e ferro na
parte central, pero postergada a realización da obra durante 40 anos daría lugar
a outro proxecto en 1943 que foi o que hoxe podemos contemplar. Foi orixinal
dos enxeñeiros José Luís Tovar Bisbal e Eugenio
de la Sal Crespo.
Consta dunha estrutura do formigón armado con 3
airosos arcos parabólicos centrais de 62 metros de luz sobre o cauce do río e outros 11 arcos máis, en terra, estes de medio punto e 14 m. de luz. Todo cunha lonxitude
de 359 metros e unha altura de 46 metros.
Na marxe esquerda (para conservar a rasante das vías) enlaza con outra ponte, a
das Lagoas, de 82 metros de lonxitude cun arco central de 16 m. luz e 4
laterais de 6 m.
Ponte Novísima
Tamén chamada do Ribeiriño, denominación que se ben podería ser correcta
ten o risco de se confundir con outra ponte, contigua
ao barrio do Ribeiriño, que procede do tramo provisional da primeira vía férrea que houbo en Ourense. (Podería chamarse da
Chavasqueira , barrio neste momento derruido, pero situado xusto ao lado da ponte.)
Esta ponte foi
incluída, como variante da N-525, dentro dos ambiciosos "accesos a
Galicia" dos anos 60. Proxectada polo enxeñeiro José
Antonio Puyol Lezcano, foi
rematada en 1966, pero non entrou en funcionamento ata o 1971 en que estiveron
terminados os seus accesos.
É unha boa ponte, toda de formigón, sinxela, pero funcional, con pilares
rectangulares de tipo parede. No van central ten, ademais,
dous arcos paralelos. Esta bóveda central ten 60 m. de luz e os 8 vanos
laterais (6 á esquerda e dous á dereita) son de 20 m. A lonxitude total é de
240 m. aos que lle habería que sumar uns longos accesos construidos
ex profeso.
Ten catro carrís de circulación, dous en cada sentido, ademais das beirarrúas.
Ponte do Milenio
Inaugurada no 2001, 1º
ano do 3º milenio, o que lle aporta a xustificación do nome. Deseño e execución
son, respectivamente, do arquitecto Álvaro Varela e do enxeñeiro Juan Mª. Calvo.
Para axustarse as
distintas orientacións das rúas previas (Xesús Pousa, na beira dereita,
perpendicular ao río, e Pardo de Cela, beira esquerda, paralela) e á diferencia
de altitude, dispúxose o taboleiro en curva e mais unha pequena pendente do 2,5
%. A ponte está situada xusto na desembocadura do Barbaña.
É unha ponte atirantada que se sustenta por un
sistema de cables metálicos amarrados a dúas grandes pilastras inclinadas de
formigón (pilonos) situadas nos extremos.
A longura total é de 278 m. e o ancho do taboleiro 23 m. repartidos en 4 carrís
(dous por sentido) ademais das beirarrúas. O van central ten 110 m. de
lonxitude.
Á parte da súa tecnoloxía avanzada, incluso innovadora, quizais o que máis
chama a atención é a estrutura exterior metálica envolvente que cingue á parte
central, polos dous bordos, imitando as ás dunha gaivota, ave mariña que dende
hai uns anos se pode ver no Miño de Ourense. Esa armadura componse dunhas
escaleiras continuas (con 4 tramos cunha media de 120
chanzos cada un) que tanto baixan ata cerca do río coma soben ata a altura dos pilonos onde hai un par de miradoiros a 22 metros de altura
sobre a plataforma máis os 36 m. que hai desde esta ao río.
Esta é unha ponte polémica pois se ben hai quen a eloxia
tamén ten detractores que a consideran coma mediocre.
Pasarela do Vao
Pasarela peonil situada encima do vao existente máis arriba da ponte maior.
Antes de que os romanos construiran unha ponte e logo
no medioevo (nos tempos nos que esa ponte estaba
inutilizada e o cruce do río se facía en barca) nos momentos de estiaxe,
facíase a pé por este vao. Seguramente o Camiño do Vao fose a infraestrutura conservada máis vetusta da cidade. A
localización do punto exacto do vao está confirmada por unha característica de
todos os vaos antigos: os camiños de cara á auga están enfrontados en ámbalas
dúas beiras do río. Neste caso, a actual rúa Rosalía de Castro e... o Camiño do
Vao.
Esta pasarela ten un indubidable valor práctico xa que
é un atallo desde o barrio da Ponte para certos partes do centro, pero desde o
punto de vista da estética non deixa de ser un intruso no medio das dúas
xoias alí instaladas.
A pasarela é de tipo metálico, formada por unha estrutura de tubos, e apoiada
en dous piares de formigón amais dos estribos. O van central mide 83 m. de luz
e cada un dos dous laterais, 64. Ten unha lonxitude de 203 m. e un ancho de 6.
Inaugurouse no 2003.
Ten unha peculiaridade urbano-administrativa que non se soe ver: sendo unha
obra pública, pola beira esquerda desemboca nunha propiedade privada, en
terreos do Centro Comercial, podendo facelo nun contiguo parque público. (Ese
mesmo Centro está construído sobre o antedito Camiño do Vao.)